DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A organización elixiu preto de 50 iniciativas de entre 168 candidaturas presentadas

A sostibilidade marca tendencia nos emprendementos seleccionados para a 6ª edición do Pont-Up Store

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI 23/07/2019

46 do total de 168 candidaturas, procedentes de toda Galicia, seleccionou a organización da 6ª edición do Pont-Up Store, o que supón un incremento do 17% con respecto á anterior edición. Este ano, destaca a cantidade de empresas de nova creación que artellan solucións para reducir a pegada ecolóxica desde múltiples ámbitos, así como as iniciativas para activar o rural galego, que suman un terzo do total de propostas presentadas.
 
No que está considerado como o maior encontro do novo emprendemento en Galicia, 34 do total de 46 iniciativas seleccionadas contarán con postos gratuítos para amosar os seus produtos, ideas e servizos e 14 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas, con propostas como marketing olfativo, probas con vehículos eléctricos, sesións de formación científico-tecnolóxica para a mocidade, un taller de maxia, un obradoiro de panadería artesá e unha proposta práctica sobre como conseguir a difícil e, non obstante, posible tarefa de reducir o consumo de residuos plásticos. Pola súa banda, dez emprendementos participarán no Puntazo Exprés, onde terán a oportunidade de explicar en cinco minutos a súa iniciativa a importantes executivas e executivos de grandes empresas e entidades galegas.
 
O docente e investigador da Universidade de Vigo e director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, explicou que “nesta edición volvemos constatar un importante incremento na cantidade e calidade dos emprendementos que presentaron candidatura, tanto no seu carácter innovador como no potencial de desenvolvemento”. En canto á procedencia das candidaturas, Figueroa sinala que “o Pont-Up Store consolídase como o referente do novo emprendemento en Galicia cun terzo das candidaturas procedentes de fóra das sete grandes cidades galegas, o que é indicativo da boa saúde das dinámicas emprendedoras nas vilas e no rural galego”. Por último, destacou o número de emprendementos orientados ao sector da formación, seguidos polos de decoración e moda e os de turismo, ocio e saúde. 

Iniciativas polo miúdo 

Entre as empresas específicamente orientadas á sostibilidade destacan: Huella Menguante, unha tenda online de productos de uso diario orientados a reducir os residuos plásticos, produtos reutilizables, biodegradables e de cercanía; Beflamboyant, fabricante de zapatillas veganas; eezon E3, fabricantes de scooters eléctricos de tres rodas para moverse pola cidade; D- Raíz, marca de complementos de moda sostible manufacturados en Galicia; Estudio Avelaíña e Cetácea Studio que fan deseño creativo sostible co obxectivo de “salvar o mundo”; Factoría Atelier recuperan mobles e fan creacións artesanais de decoración e complementos a partir de materiais recuperados e sustentables; Meraki Ferments os primeiros en elaborar Kombucha en Galicia; Somos Terra, ofrecen formación en sostibilidade e asesoramento en desenvolvemento sostible; Farrapos e contos, un movemento ecolóxico, sostible, solidario e consciente creado a partir dunha marca de roupa conta contos; a cooperativa Catro Ventos, unha editora enfocada a publicacións de ecoloxía, consumo sustentable e economía social; Toxo Aventura e Rooteiro, que ofrece propostas de turismo sostible; e a cooperativa Triquels, que axuda a empresas e marcas con valores a mellorar a súa comunicación e sustentabilidade. 

Aínda dentro do ámbito da sustentabilidade, cómpre destacar a cantidade de propostas lanzadas desde o rural ou co obxectivo de actívalo. MycoGalicia Plantae, céntrase na xestión e valorización do recurso micolóxico dos montes galegos para o desenvolvemento rural; Tres Fuciños, é unha cooperativa de porcos celtas criados en liberdade nos soutos e carballeiras; mentres que Galician Rural Lab, propón unha plataforma de empoderamento das parroquias do rural galego a través do método da fotografía e o vídeo participativo. Tamén vén do rural A3 Proyectos, dedicada á representación virtual de proxectos de enxeñaría e arquitectura. Outras propostas con base tecnolóxica son Kidcode, pero neste caso cun proxecto de formación científico-tecnolóxica para rapaces, enfocado a axudarlles a identificar os seus talentos e habilidades a través da tecnoloxía.  TICgal que dá soporte a unha aplicación opensource chamada GLPI; Nososono, un espazo online onde artistas, deseñadores emerxentes e artesáns expoñen, difunden e venden os seus produtos pensados e fabricados a man; Mundo Escénico, unha plataforma dixital creada co obxectivo de modernizar, democratizar e facer máis accesible o mundo das artes escénicas en Galicia; Koompany Growth Partner, unha consultora de crecemento, negocio dixital e marketing online; Revista Morcego, publicación dixital centrada exclusivamente en información sobre videoxogos en galego e Siente VR, unha produtora de contidos inmersivos a través de fotografía e vídeo en 360º. 
 
Como cada ano, tamén haberá espazo para curiosidades como a de Apelmatic, dedicada ao mundo do marketing olfativo como ferramenta para conquistar público mediante os aromas, que ofrecerá os seus servizos durante o encontro.