DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun Claustro no que o reitor fixo balance do seu primeiro ano de goberno

En suspenso o inicio da tramitación da futura Facultade de Deseño e Creación

No prazo dunha semana deberanse buscar alternativas ou iniciaranse os trámites previstos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 10/07/2019

A sesión ordinaria do Claustro Universitario deste mércores incluía a votación da memoria para a creación da Facultade de Deseño e Creación no campus de Pontevedra, pero finalmente e ante as posturas enfrontadas de membros do Claustro, o reitor Manuel Reigosa optou por deixala en suspenso. As partes terán agora unha semana para buscar unha solución alternativa que permita poñer en marcha o Grao en Deseño e Creación, proceso no que o reitor actuará como mediador, polo que demandou o compromiso de todas as partes para “non arriscarnos a perder este título”. De non chegar a un acordo, avanzou Reigosa, “seguiremos adiante co inicio do expediente para a creación da nova facultade”. 

A creación deste novo centro é a resposta alternativa da Universidade de Vigo á negativa da Xunta de Facultade de Belas Artes á aprobación da memoria do Grao en Deseño e Creación. Ante a imposibilidade de chegar a un acordo para a implantación desde título en BBAA e con prazos moi curtos polo inminente peche do actual mapa de titulacións, optouse pola creación dun novo centro, que daría acubillo tanto a este grao como ao Máster en Dirección Creativa de Moda. Recoñecía o reitor que “esta era a única posibilidade que tiñamos en prazos extraordinariamente récord para conseguir aprobar os planos de estudos e que se someta a todos os procesos de avaliación”. Para pilotar este proceso, Reigosa avanzou que nomeará como decano-comisario ao profesor Marcos Dopico pero, finalmente, os trámites que deberían ter arrancado este mércores, instando ao Consello de Goberno á iniciación do expediente, quedou en suspenso, tras a intervención de varios membros do Claustro opoñéndose á posta en marcha da nova facultade. Entre eles, o catedrático do Departamento de Pintura Jesús Hernández, que lembrou que o lugar natural do novo grao é a Facultade de Belas Artes, pero non nas condicións que se propoñían e que tiveron como consecuencia a votación negativa da Xunta da Facultade. Entre estes motivos, destacou que as 45 prazas de Deseño e Creación se detraerían de Belas Artes, titulación coa que terían tamén que compartir espazos físicos, equipamentos e cadro de profesorado, “o que sería desvestir un santo para vestir outro”. Remarcou que Belas Artes “non dixo non a Deseño e Creación, senón á súa memoria” e laiouse de non contar cunha proposta “que non restase, senón que sumase, de xeito que un título se complementara e potenciara ao outro”. Por isto solicitou “reverter a decisión de crear unha Facultade de Deseño e Creación”, que sería “algo inédito no Estado Español e acabaría sendo contraproducente para ambos graos, para a Facultade de Belas Artes, para o campus de Pontevedra e para toda a Universidade de Vigo”. No mesmo sentido pronunciáronse tamén representantes do PAS de BBAA, do sector estudantes ou a profesora da EE de Telecomunicación Carmen García Mateo, que solicitou retirar o punto da orde do día, xa que segundo explicaba se trata dun conflito complexo que non se pode solucionar “cunha decisión precipitada e pouco meditada”. 

O reitor respondía recoñecendo que non se puido ofrecer a BBAA a garantía de que a Xunta de Galicia permitise manter o número de prazas, pero remarcou que é algo no que se segue a traballar, “xa que se está flexibilizando esta medida” e permitindo que se recuperen as prazas nun ano se existe demanda. Tamén advertiu que se se renuncia esta titulación, “algunha outra universidade do SUG irá a por ela, porque é moi atractiva”. Pola súa banda, Marcos Dopico e a decana en funcións de BBAA, Silvia García, fixeron fincapé en que esta é “a única alternativa” para non perder o grao, tras a negativa da Xunta de Facultade, unha opción “valente para dar unha solución a esta situación”. García recoñecía a existencia dun “conflito evidente e un clima de boicot” ao novo grao no seo da facultade, a pesar do que considera “maioritario apoio do parte do estudantado e ampla demanda social”. Máis aló do problema das prazas, explicaba a decana en funcións, “dende o ámbito artístico había argumentos en contra do deseño como disciplina, a ilustración como disciplina e da moda como disciplina”. Ademais, laiábase García de que “se tras os adiamentos solicitados neste proceso non se chegou a un acordo, será moi complicado facelo no prazo dunha semana”.

Obxectivos, cumpridos e pendentes, tras un ano á fronte da Reitoría

O Claustro foi o lugar elixido polo reitor e o seu equipo de goberno para dar conta e facer balance do seu primeiro ano á fronte da Reitoría, non como un aspecto puntual, senón como primeira cita do que agardan se converta nun debate anual do estado da Universidade. Vicerreitoría a vicerreitoría, Manuel Reigosa fixo repaso dos principais avances conseguidos ao longo deste ano. “Eu estou moi contento da recuperación do papel do Claustro como órgano vivo, que se reúne acotío e no que ademais se fala con liberdade e, en xeral, do debate en todos os órganos de goberno, tanto nos centrais como nos consellos de campus e, sobre todo, de escoitar a comunidade universitaria, algo que penso que é unha tarefa fundamental”, resumiu Reigosa ao final da súa intervención. Entre as diferentes medidas o reitor quixo destacar como principais logros conseguidos “sobre todo” as 280 horas da capacidade docente do PDI, as listas de acreditados, a normativa de Traballo Fin de Grao e Traballo Fin de Mestrado, o plan de captación de alumnado, o Observatorio de Persoas Egresadas, a revitalización do servizo de publicacións, a captación de talento investigador e os acordos alcanzados con respecto ao programa universitario de maiores.

Pola contra, amosouse ata certo punto preocupado en temas que, segundo admitiu, “van con retraso”, referíndose así en primeiro lugar ao pagamento da paga extra do Persoal Docente e Investigador, un aspecto no que se amosou disposto a facer “cantas reunións sexan precisas” para explicar por que non se pode cumprir este compromiso. “Hai límites que nos impiden cumprir con isto, pero tamén é certo que temos xa establecido unha senda que nos permitirá chegar ao fin do noso mandato co pagamento íntegro”, recalcou Reigosa, que subliñou como outro dos seus principais temas de preocupación a mellora do servizo de administración electrónica, cuestión que, admitiu, “está resultando un verdadeiro quebradeiro de cabeza”, e a recuperación de Feuga como unha ferramenta útil. “A miña idea neste sentido é que á volta de verán poidamos cumprir xa todos os requisitos legais”, recalcou Reigosa. A maiores destas cuestións, o reitor referiuse tamén a dous temas que aínda están pendentes de solución,  pero que agarda se solucionen á volta do verán: o Plan de Enerxías Renovables e a definición do cadro teórico do PDI.

Na quenda de réplicas, o portavoz da oposición, Emilio Fernández, líder do grupo Ideas que suman, agradeceu ao reitor a posibilidade de traer ao Claustro este debate sobre o estado da Universidade. Así, admitiu que hai cousas que se están facendo ben, “como, por exemplo, a revitalización do Claustro”, aínda que nalgúns casos, indicou, con convocatorias non xustificadas, nos que non se tratan temas de relevancia, e nos que, por outra banda, “non sentimos que haxa unha transferencia directa das opinións que nel se expresan ás políticas de goberno”, pero que hai outras “de gran calado”, nas que a marxe de mellora é moi ampla. Fernández referiuse explicitamente a todas as políticas de profesorado, políticas nas que se queixou de non se lle deu ao seu grupo, pese a ter enviado unha proposta de negociación, “a oportunidade de participar, de intentar negociar e de chegar a consenso”. Lamentou así, o exceso de burocracia ao que seguen sometidos os docentes universitarios, os desequilibrios entre os diferentes ámbitos e a redución de orzamentos para os centros e os departamentos.  “Temos a sensación de que a Universidade ten táctica, pero fáltalle estratexia, non hai unha versión compartida de a onde temos que chegar, ás veces dicimos que non queremos edificios, pero queremos compralos; dicimos que non hai espazos, pero renunciamos a plantas de edificios; renunciamos a Robótica porque parece que hai outro tipo de recompensas que nos poden beneficiar, pero das que este Claustro aínda non sabe nada”, salientou Fernández.

Pola súa banda desde a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o profesor Artemio Mojón, destacou como  “compracente de máis” a intervención do reitor, “pois nela dáse unha visión da Universidade moi afastada da realidade que percibimos moitos”, subliñou, ao tempo que salientou que moitos dos ítems cualificados como “cumpridos” non son medibles, cualificables nin testables. Pola súa banda, desde o sector estudantes Luis González, recalcou que, se o que se busca é debate, debe mellorarse claramente o envío de documentación “en tempo e forma” aos integrantes do Claustro.

Reigosa agarda “noticias positivas” do Consello Galego de Universidades

No seu informe o reitor informou aos claustrais do acordo tomado no último Consello de Goberno de denunciar o convenio entre a Universidade e Caixanova para a adscrición do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (Ieside). Neste sentido, Reigosa lembrou que a raíz da decisión da antiga caixa de aforros de promover unha universidade privada no ámbito xeográfico de Galicia, a Universidade de Vigo “considera que a decisión tomada suporá unha ruptura da contorna de confianza mutua e intereses comúns, que perseguía o convenio asinado en 2009”.  “As dúas titulacións ás que facemos referencia, o Grao en Administración e Dirección de Empresas e o Mestrado en Administración e Dirección de Empresas forman parte do catálogo da Universidade de Vigo e queremos recuperalas para a súa implantación dentro do marco da universidade pública”, dixo o reitor, ao tempo que volveu reiterar o seu compromiso a que esta situación non afecte ao alumnado actual de Ieside matriculado en titulacións oficiais da Universidade de Vigo nin a aquel que se matricule antes de que esta situación se resolva.

Tamén se referiu Reigosa ao acordo unánime asinado polas tres universidades con respecto ao tema das titulacións e que é o resultado da posta en marcha da titulación de Robótica na USC. “Nós formulamos que, se había melloras para todo o sistema non poñeriamos problemas ao cambio de denominación de Robótica Agroforestal, que era o que estaba acordado, por Robótica, e o que fixemos foi negociar un acordo no que se estipula que habería contrapartidas para as outras universidades”, indicou o reitor, que informou de que agarda haxa novidades positivas neste sentido no Consello Galego de Universidades que se celebrará o vindeiro 30 de xullo, se ben é un tema que está “aínda en negociacións”.

Reigosa rematou o seu informe lembrando os esforzos orzamentarios de 2019 que teñen que ver co tema da captación de talento e a renovación do persoal docente e investigador, cuestións que en 2019 supuxeron un investimento de 1.450.000 euros, cifra que en 2020 se elevará a 3.190.000 euros.

Preto de 69.000 visitas ao Portal de Transparencia

Na derradeira sesión do Claustro nete curso, presentouse tamén o Informe de Transparencia correspondente a 2018. Entre outros temas, avalía o Portal de Transparencia da UVigo, que tivo preto de 69.000 visitas, un 13,6% máis respecto do exercicio anterior. Dos diferentes bloques nos que está dividida a información dentro da web é a UVigo en Cifras o que recibe a maior parte das visitas (44.841), un 65% das visitas reais á web da institución. Os outros apartados máis visitados foron os relativos ás titulacións oficiais, con 17.086 visitas e a páxina principal con 8409. 

Neste informe anual tamén se recolle a posición da Universidade de Vigo nas clasificacións de transferencia, en concreto no ránking Dyntra, que avalía un total de 132 indicadores para determinar o grao de transparencia das universidades, a UVigo ocupa a novena posición, cumprindo un 62,88% dos indicadores, un total dos 83 dos 132 referidos. No que se refire a solicitudes de información, recibíronse un total de 20, solicitando datos relativos a cuestións académicas, como número de persoas matriculadas, notas medias ou POD.

Creación do Cintecx e nomeamento do presidente do Consello de Estudantes

Nesta última sesión do curso, o Claustro aprobou tamén a creación do Cintecx, Centro de investigación en tecnoloxías, enerxía e procesos industriais, tras pasar polo Consello de Goberno o pasado mes. Nace como unha reorganización da agrupación INEX e a súa posta en marcha permitirá coordinar e potenciar de maneira conxunta os grupos de referencia competitiva e os de potencial crecemento recoñecidos pola Xunta de Galicia que traballan no ámbito da enxeñaría. 

Ademais, tamén se aprobou o anexo á normativa de grupos, agrupacións e centros de investigación, mentres que outra das novidades foi o nomeamento de Daniel Couto como primeiro presidente do recentemente creado Consello de Estudantes, o primeiro que se pon en marcha en Galicia. Na súa primeira intervención, apostou por converter este novo órgano nun “foro aberto para dar voz a calquera alumno ou alumna” e puxo enriba da mesa propostas como estender o plan de mentorización a todos os centros ou as competencias transversais que xa se imparten nalgunhas escolas e facultades e que son moi demandadas polas empresas. Outra das apostas deste órgano será a posta en marcha dun novo modelo de festas universitarias, “que se probará xa en setembro” co obxectivo de que transcorran de forma ordenada e coherente.