DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha exposición e un espazo de contacontos foron deseñados por alumnado de Belas Artes

O talento do campus espállase polo Salón do Libro Infantil e Xuvenil 

Docentes da Universidade traballaron na súa ambientación 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 10/04/2019

Este venres 12 de abril, o Pazo da Cultura acollerá a clausura do XX Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, que ao longo destas semanas articulou múltiples actividades no Pazo da Cultura, onde tiveron tamén o seu espazo as propostas e creacións de investigadoras e estudantes do campus pontevedrés. Por unha banda, as profesoras Begoña Paz, Itziar Ezquieta e Cristina Varela traballaron, a través dun contrato de investigación, na coordinación da ambientación dun salón que nesta edición ten como eixo temático a revolución, labor ao que se suman dúas propostas de ambientación deseñadas e executadas por alumnado de Belas Artes, xunto á exposición R-Evolución do MI, que reúne as creación de estudantes do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual desta facultade.

Unha ambientación con obxectivos didácticos

Xunto a Paspallás, Triskelia, Elefantes de Cacharrería e a docente da Facultade de Belas Artes Ana Seoane, as profesoras do Departamento de Didácticas Especiais Begoña Paz, Itziar Ezquieta e Cristina Varela traballaron, a través dun contrato de investigación, no deseño dunha ambientación que “ten unha parte de estratexias didácticas e educativas”, sinala Paz. Con este propósito deseñáronse “unha serie de contidos educativos que logo se foron traballando nas visitas” e que buscaban, “a través da expresión plástica, pero tamén desde estratexias lúdicas”, abordar unha serie de temáticas vinculadas á idea de revolución desde diferentes perspectivas; “a revolución do libro e da lectura, da imaxe, da comunicación, do xénero, a revolución feminista...”, explica Paz, que sinala o positivo que “a Universidade estea implicada nun espazo educativo, artístico e social”, co que xa viñan colaborando desde hai anos. Proxecto que tamén visitou nestas semanas o alumnado das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Belas Artes, tanto observar o propio proceso de montaxe do salón, como coñecer o desenvolvemento das visitas guiada para centros educativos, “incorporándose á propia dinámica que o salón ten para os centros de ensino”. 

Proxectos académicos que cobraron forma

Nesta vontade de achegar o salón ao alumnado, estudantes do grao en Belas Artes desenvolveron, no marco da materia Transmisión, mediación e educación artística unha serie de propostas de intervención, das que dúas foron escollidas para plasmarse fisicamente neste espazo. "A idea era que o alumnado participase non só cunha idea, senón tamén coa construción”, sinala Paz. Por unha banda, no espazo dedicado a bebés integrouse a proposta Crea unha nova amizade, de Xulia Pousa e Blanca Prol, “que propuñan un xogo artístico no que chaman a nenos e nenas a traballar cunha serie de formas para montar a súa personaxe”, mentres que Alicia Puentes, Noelia Prado e Daniel Río deseñaron un Pequeno gran vestidor nun espazo de contacontos. “Esteticamente é un vestidor que intenta falar da revolución da educación en temas de xénero”, explican dun espazo que dotaron dunha serie de caixóns con roupas e teas e dunha serie de espellos nos que poden pegar unha serie de accesorios que logo os cativos ven reflectidos sobre a súa imaxe. “Quixemos facelo dinámico e didáctico” sinalan dunha experiencia que lles permitiu "poder ver realizado un proxecto que realizaches na carreira e que normalmente quedan no papel”. 

Bocexos das revolucións

Ademais de poder participar en clases maxistrais con diferentes ilustradores no marco da programación do salón, o alumnado do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual protagoniza de novo unha exposición neste espazo, coordinada por Ezquieta. Partindo da idea de xerar “un xogo de percepción visual a partires das propias ilustracións”, a exposición tivo como punto de partida a intervención que a alumna Lucía Durán realizou na propia parede do espazo, “unha composición na que conflúen múltiples elementos identificativos de diversas revolucións” e que serve, como explica Ezquieta, como “eixo compositivo e formal”, á vez que como base da “proposta do xogo e a participación que se lanza ap visitante”. Sobre este fondo, preséntanse as ilustracións da propia Durán sobre a revolución científica, de Emanuel Lomeña, sobre a revolución que supuxo a imprenta, de Chritian Randolfe, sobre a revolución tecnolóxica e feminista, e de Francisca Fernández sobre os cambios que supuxo o movemento hippie, articuladas todas elas como “bocexos que se van pegando sobre ese fondo común”.

Así mesmo, entre as exposicións que reúne o salón atópase tamén a que reúne os doce carteis finalistas do Concurso Internacional de Ilustración do Salón, entre os que se atopan os deseñados polas estudantes de doutoramento da Facultade de Belas Artes Manuela Elisabeth Rodríguez e Susana Suniaga, así como o da ex-alumna Sarai Lorenzo.