DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrarase do 9 ao 12 de xullo

Talento, industria e internacionalización centran a nova edición do 'Curso de Medios Audiovisuais de Celanova'

No marco da programación de extensión universitaria do campus de Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 04/07/2019

Novas fronteiras do audiovisual galego. Talento, industria e internacionalización. Con este título e con estes focos de interese presentouse este xoves unha nova edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, que forma parte da programación de extensión universitaria do campus de Ourense deste ano. A cita celebrarase do 9 ao 12 de xullo no Auditorio Ilduara da vila ourensá.

A  XVI edición do curso foi presentado no Centro Cultural Marcos Valcárcel por representantes das entidades que promoven a iniciativa, estando Ana Mª Torrado, directora da Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus de Ourense; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Xavier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares; Miguel Anxo Fernández, director do curso, e Antonio Puga, alcalde de Celanova. No acto destacouse que este curso converteuse no foro audiovisual "de referencia de Galicia", onde especialistas do sector analizan a creación audiovisual en diferentes soportes e formatos.

O sector, desde dentro

Segundo explicou o director do curso, o tema desta edición supón unha nova achega á liña temática iniciada hai 16 anos. As 30 horas de duración da actividade, indicou, posibilitarán ao alumnado acceder aos "segredos" das últimas producións audiovisuais galegas e tamén contactar directamente con profesionais do sector. O programa desta edición, engadiu Miguel Anxo Fernández, está relacionado coa internacionalización pois nel inclúese a análise de producións como Hierro, Feedback e Trote. Ademais, a iniciativa contará cun espazo dedicado ás curtametraxes.

Ao abeiro deste curso, por décimo ano consecutivo, desenvolverase o Taller Audiovisual Celanova, Plató de Ficción, baixo a dirección de Paulino Pérez. Esta actividade, na que participa alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual do campus de Pontevedra, ten como obxectivo a produción dunha peza audiovisual nun tempo determinado e cun orzamento pechado, que neste caso é a webserie Destapando Casares.