DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ciclo 'Conversas' continúa cun obradoiro a cargo de Luis Fraga

Un taller afondará nas claves para comunicar “a mellor versión” dun mesmo

A actividade terá lugar o venres 20 de novembro e combinará a asistencia virtual e presencial

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 16/11/2020

O pasado 9 de novembro, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu o arranque dun ciclo de conferencias que baixo o título Conversas pretende achegar dun xeito ameno temas de actualidade á comunidade universitaria. Este venres, 20 de novembro, a iniciativa celebrará a súa segunda sesión desenvolvendo un taller que leva por título Comunica a túa mellor versión e que será impartido polo comunicador Luis Fraga.

Acompañando a Luis Fraga estarán na sesión Ernesto López-Valeiras, coordinador do programa Conversas e profesor da Universidade de Vigo, e Xurxo Baca, coordinador do evento e deseñador gráfico. Segundo explican desde a organización da cita, Luis Fraga impartirá unha formación para voceiros na que as e os asistentes aprenderán "a comunicarse con eficacia, tanto en gran público como en intervencións nos medios de comunicación". Será, detallan, unha sesión práctica, participativa e divertida na que se simularán situacións reais na que as e os participantes exercerán o papel de portavoz dunha empresa ou de calquera tipo de organización e terán que enfrontarse a unha crise na que é necesario comunicarse de xeito rápido e transparente. A sesión, comentan os seus responsables, pretende ser similar ás que empregan líderes políticos, executivos empresariais e profesionais cualificados para preparar os seus discursos en público.

Sobre a persoa elixida para impartir este taller, Luis Fraga, desde a organización indican que “é un profesional da comunicación independente” que “asesora a empresas e organizacións sobre a súa estratexia de comunicación, forma voceiros e deseña eventos corporativos”. Licenciado en Xeografía e Historia e cun mestrado en investigación aplicada á comunicación, engaden, pertence ao profesorado da Universidad Nebrija e Atresmedia Formación, "grupo ao que aínda está vinculado despois da súa etapa como presentador, editor e reporteiro dos seus espazos informativos".

Prazas limitadas

Con esta intervención continuará un ciclo de conferencias que baixo o título Conversas se desenvolve neste centro do campus de Ourense ao abeiro do seu Proxecto Mentor. A iniciativa, comentan desde a súa organización, consiste nun ciclo de conferencias de divulgación no que investigadores e investigadoras comparten escenario con profesionais, directivos, empresarios, emprendedores e outros axentes sociais. As temáticas destas sesións, indican, son de interese xeral, tratando temas de actualidade relacionados co mundo da empresa e a súa relación coa sociedade e o medio ambiente, tendo en conta que o obxectivo principal da actividade é divulgar, promover o debate e a crítica de novos coñecementos, ideas e opinión a amplos colectivos sociais.

A sesión do venres 20 terá lugar ás 19.00 h e, ao igual que a primeira conferencia de Conversas, será tanto en formato presencial como virtual. As persoas interesadas poden apuntarse para asistir de xeito presencial á actividade, que terá lugar na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, previa reserva, xa que o aforo é limitado debido ás medidas de loita contra a covid-19. Tamén é posible asistir de xeito virtual, a través do Campus Remoto da UVigo, cun aforo tamén limitado a 100 persoas, por orde de chegada.