DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Belas Artes acolleu un seminario sobre fotogravado 

Un taller para explorar a fusión das técnicas do gravado coa fotografía dixital

Impartido polo artista Juan Lara, responsable da editora Ogami Press

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Académica
DUVI Pontevedra 13/03/2020

Afondar nas posibilidades que o fotogravado outorga á hora de trasladar a imaxe fotográfica dixital a procesos de traballo máis tradicionais, como serían as técnicas de gravado e estampado, constitúe o obxecto central de A imaxe transferida, o seminario que nestes días impartiu na Facultade de Belas Artes Juan Lara, responsable do centro de experimentación de técnicas gráficas contemporáneas e editora de obra gráfica Ogami Press. 35 estudantes da facultade participaron, mércores e xoves, nas dúas primeiras xornadas dun taller que, inicialmente, debía extenderse ata a tarde deste venres e que se viu afectado pola suspensión da actividade académica por mor da COVID-19 decretada este xoves.

Organizado polas profesoras Anne Heyvaert e Andrea Costas, coa colaboración dos departamentos de Debuxo e Pintura, do Decanato e do grupo de investigación dx5, este seminario centrouse nas técnicas do fotogravado sobre ferros de polímero, así como na transferencia da imaxe a ferros de cobre ou outros metais para o seu posterior estampado de forma artesanal. Así mesmo, a actividade completouse coa presentación por parte de Lara de diferentes traballos realizados por artistas novos que toman como base estas técnicas nas que o dixital se mestura coas técnicas tradicionais.

Novas tecnoloxías e técnicas tradicionais

“Neste momento no que está tan cuestionado o mundo da imaxe, o fotogravado estanos permitindo sacar as imaxes da contorna dixital a unha totalmente física”, salienta Lara, que buscou neste seminario afondar nas posibilidades que o fotogravado achega a arte contemporánea á hora de “unir as técnicas de obra gráfica coas que se traballou toda a vida coas novas tecnoloxías”. Nese senso, o responsable de Ogami Press buscou neste seminario amosar como o traballo con imaxes dixitais permite “achegar algo novo, engadir riqueza a técnicas que xa coñecíamos e que se veñen usando desde hai séculos”. De feito, co propósito de amosar as súas potencialidades na arte contemporánea, Lara presentou diferentes exemplos de traballos realizados por diferentes artistas no taller de Ogami Press, valéndose desta “técnica híbrida” entre o dixital e o analóxico. “O fotógrafo necesitaba volver á plástica das imaxes e esta técnica permite a intervención durante o proceso” de xeración dunha imaxe física, “sen descartar todo o que sería a parte dixital”, subliña Lara do que o fotogravado supón para a creación contemporánea. 

A través desta combinación da presentación de proxectos e de traballo práctico, este seminario, buscaba amosar a estudantes de grao e posgrao as "distintas posibilidades" destas técnicas, tanto para o traballo con fotografía como, por exemplo, “coa imaxe debuxada directamente sobre os fotolitos”, apunta Heyvaert. Así mesmo, explica esta docente, outros dos propósito deste taller era coñecer en maior profundidade os “procedementos máis actuais” neste eido, co propósito de “optimizar” o uso dos equipamentos cos que a facultade conta no seu taller de gravado.