DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É a proposta que desenvolve a investigadora Ana Abad na súa tese de doutoramento

Técnicas teatrais para mellorar as habilidades expresivas dos profesionais da comunicación

Fai uso do adestramento actoral para afondar no concepto de presenza 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 22/06/2021

Xornalista, pero tamén actriz e dramaturga, foi a propia traxectoria persoal de Ana Abad a que deu pé á pregunta que serviu como punto de partida para a súa de tese de doutoramento. Do mesmo xeito que, a través de diferentes técnicas de adestramento, os actores e actrices conseguen mellorar as súas habilidades expresivas e comunicativas, sería posible empregar estas mesmas ferramentas para un adestramento orientado a profesionais da comunicación? Tomando como referencia as técnicas teatrais contemporáneas de adestramento corporal e vocal, Abad de Larriva desenvolveu na súa tese unha proposta de “adestramento básico arredor da presenza e da mellora das habilidades expresivas”, aplicable a calquera persoa, pero que busca dar resposta, explica, “ás necesidades psicofísicas de diferentes perfís comunicativos profesionais”. 

Dirixida pola catedrática da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Aurora García e pola escritora e profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) Inma López Silva, a tese A construción das bases da presenza dunha figura comunicativa a partir do adestramento actoral susténtase no concepto de presenza. O “estar” constitúe o punto de partida dunha proposta de adestramento que parte das posibilidades expresivas do corpo e da voz. “Tomando como referencia as artes escénicas e a preparación actoral, onde dende o século XX se produciu un gran traballo teórico e práctico nesta liña, recóllense áreas e ferramentas de traballo que van dirixidas ao deseño dun adestramento básico arredor da presenza”, engade Abad, cuxo labor como dramaturga foi recoñecido co I Premio de Microteatro da Memoria e co Premio Vidal Bolaño de textos teatrais.

Formación que permite “un maior coñecemento da comunicación humana”

Licenciada en Xornalismo pola USC e titulada superior en Arte Dramática pola ESAD, Abad recoñece que a súa investigación tivo como xerme as propias “necesidades experimentadas” na súa formación como xornalista, dada a “falta dun espazo teórico e, sobre todo, práctico en que tomar consciencia arredor da comunicación humana dende o propio corpo e a propia voz, pois a formación ía xa dirixida á xeración de contidos para os medios de comunicación externos”. Un espazo que atoparía na súa etapa na ESAD e que lle permitiu “tomar consciencia da miña presenza, das miñas posibilidades expresivas e comunicativas, así como dos bloqueos que afectaban a estas”. Nese senso, a súa investigación buscaba aplicar ao ámbito de comunicación un traballo de “adestramento psicofísico actoral” que afondase nas “posibilidades expresivas do corpo” e que polo tanto achegase “un maior coñecemento da comunicación humana”.

Partindo desta idea, a tese de Ana Abad tiña entre os seus obxectivos unha análise do concepto de presenza, aplicado á figura do actor ou actriz, para extraer de aí unhas bases aplicables a calquera persoa, así como realizar unha escolma de principios e ferramentas de adestramento actoral e definir unhas actividades orientadas a diferentes perfís profesionais. “O que se recolle non é un método ao uso, senón unha guía que foi deseñada co obxectivo de que servise para sistematizar a abordaxe do traballo coa presenza dun xeito progresivo” e independente da “creación de contidos externos”, sinala. Esta recolle unha serie de actividades e dinámicas, “extraídas na súa maioría do adestramento actoral, aínda que tamén da educación teatral”, vinculadas á súa vez ás diferentes áreas de traballo, das que forman parte, entre outros, “os principios da preexpresividade, procedentes da antropoloxía teatral, o traballo coa máscara nobre-neutra de Copeau e Lecoq; o traballo coa kinesfera ou esfera de movemento de Laban; os viewpoints de Bogart e Landau; o xogo con roles e obxectivos...”, explica a xa doutora en Comunicación.

Orientado a profesionais da comunicación 

“A comunicación enfócase dende o punto de vista humano, polo que o adestramento que se propón pode ser aplicado a calquera persoa”, explica Abad. De feito, a mellora da presenza e habilidades expresivas implica tamén, sinala, unha “mellora da confianza e seguridade”, a adquisición das bases que permitirán “seguir traballando de xeito autónomo” ou dos coñecementos para manter “en boas condicións de saúde” corpo e voz, “os instrumentos de traballo” nos que se sustenta esta proposta.

Non obstante, esta proposta desenvolveuse “atendendo ás necesidades psicofísicas dun conxunto de perfís profesionais do eido da comunicación”, como presentadores, reporteiros de televisión, locutores de radio.... Neste punto, Abad explica que, a pesares das diferencias en canto aos medios, “detectáronse unhas necesidades de base comúns dende o punto de vista psicofísico”, relacionadas cos conceptos de espazo, postura, movemento e focos comunicativos e expresivos, fronte ás que propón unha serie de tarefas, como “construír posturas de base, de pé e sentados, que contribúan á comunicación” ou tratar de facer fronte ás dificultades que, á hora de comunicar implican “malas condicións sonoras ou dificultades climatolóxicas”, xunto con outra serie de exercicios dirixidos a acadar unha mellor articulación e “proxección vocal” ou que permitan acadar unha maior concentración, seguridade ou “capacidade de improvisación e resolución de conflitos”.

Na elaboración desta proposta de adestramento buscouse tamén que puidese servir como base para a programación dunha materia ou obradoiro de adestramento corporal ou vocal nos estudos superiores en comunicación, que achegaría ao alumnado “un maior coñecemento práctico arredor da comunicación humana”.