DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do Campus Remoto e retransmitido por UVigo TV

En tempos de coronavirus a EE de Minas e Enerxía despide os seus primeiros egresados virtuais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 19/06/2020

Alberto Arosa Pazos; Lois Liste Rivera; Jesús Rico Fuentes; Andrea Pérez Rivas e Xurxo Rigueira Dían dificilmente esquecerán o acto da súa graduación como egresados da IV promoción do Máster en enxeñaría de minas da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo. Aínda que cando as circunstancias sanitarias o permitan, estes titulados celebrarán un acto de graduación ao uso, este xoves protagonizaron a primeira graduación virtual da UVigo, unha iniciativa da escola, organizada pola subdirectora de Planificación e organización académica do centro, María Araújo. “O acto que se celebrou este xoves foi máis informal, en clave interna da escola e co obxectivo de trasladarlle aos egresados e á egresada o recoñecemento polo traballo realizado durante este dous anos e o apoio e o ánimo para o comezo da súa vida profesional”, explica Elena Alonso, directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía.

A través do Campus Remoto da UVigo e retransmitido por UVigo TV, o acto, que estivo presidido pola vicerreitora de Captación de alumnado, estudantes e extensión universitaria, Natalia Caparrini, foi conducido polo subdirector de Relacións externas do centro, Iago Pozo, e contou coas intervencións do decano-presidente do Colexio de enxeñeiros de minas do Noroeste, Juan José López e representantes de empresas do sector como Juan José López, director xeral de Cavisa; Gabriel Pardo, director da Área de túneles e minería de Sika e Andrés Fernández, enxeñeiro xefe de sistemas de almacenamento de hidróxeno de Faurecia Clean Mobility. 

Traballo conxunto no desenvolvemento do proxecto formativo

No acto de graduación virtual, no que non faltou a música a cargo do padriño da promoción, o profesor Javier Taboada, que dedicou ao alumnado unha interpretación en directo do tema de Nacha Pop, Una décima de segundo, a directora do centro puxo en valor “a implicación e traballo realizado polo profesorado, PAS e alumnado do centro no desenvolvemento do proxecto formativo ao longo destes dous anos”, ademais de incidir no valor da presencialidade dos proxectos formativos da escola.

O egresado Jesús Rico foi o encargado de intervir no acto en representación dos seus compañeiros, que tamén elaboraron varios vídeos que se puideron visualizar nesta graduación virtual.