DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participan no encontro máis de 150 investigadoras e investigadores

Terapias avanzadas e sistemas de diagnóstico precoz de enfermidades centran o debate do V Annual Meeting do Cinbio

A conferencia inaugural xirou en torno á enxeñaría de proteínas e os medicamentos biolóxicos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
D. Besadío DUVI 28/07/2022

O debate sobre as terapias avanzadas con medicamentos altamente innovadores e os novos sistemas de diagnóstico precoz de enfermidades está a protagonizar este xoves e venres o V Annual Meeting do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, Cinbio.  Tras dous anos de pandemia, o encontro regresou este ano ao formato presencial reunindo no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais a máis de 150 investigadoras e investigadores, tanto da propia Universidade de Vigo, como doutras universidades e centros de investigación, entre eles, o Laboratorio Internacional de Nanotecnoloxía de Braga, o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, o Instituto de Neurociencias CSIC-UMH ou o BarcelonaBeta Brain Research Center.

Concibido como unha cita anual na que debater e reflexionar sobre os catro eidos temáticos representados polos grupos de investigación do Cinbio -Medicina molecular, Nutrición e benestar, Nanomateriais, e Informática para a saúde e bioestatística-, o director do centro, o profesor Miguel Correa, fixo fincapé na apertura do evento na importancia deste tipo de encontros para axudar a consolidar o Cinbio como referencia internacional, tanto na área de materiais como na de biomedicina. “Os dous anos de pandemia foron moi duros, polo que esta edición será, en certa maneira, o pistoletazo de saída para reforzar as colaboracións, enfocar o centro e posicionalo onde debe estar”, salientou Correa, quen tamén fixo fincapé “na necesidade de que a cidade de Vigo se sinta orgullosa deste centro de investigación ”. Neste sentido, pronunciouse a tamén profesora da Universidade de Vigo Ana Mª Mejías, concelleira responsable da área de I+D do Concello de Vigo, quen non dubidou en referirse ao encontro como un bo exemplo de que, “ademais de en industria ou en tecnoloxía, Vigo é tamén un excelente referente no ámbito científico”, salientou a concelleira, quen asistiu ao evento en nome do alcalde Abel Caballero.

Pola súa banda, Miguel Correa aproveitou tamén a inauguración da xuntanza para darlle as grazas ao persoal que se encargou da organización desta V edición do Annual Meeting, “os investigadores de posdoutoramento máis novos que forman parte do centro”. Así mesmo, deulle tamén a benvida aos científicos internacionais que participan no encontro, unha visita que cobra especial relevancia despois de dous anos de pandemia. 

Apertura a cargo da directora do CIC-biomaGUNE, Aitziber López Cortajarena

A científica española Aitziber López Cortajarena, directora científica do centro CIC-biomaGUNE de San Sebastián desde o pasado mes de xaneiro -cando substituíu no cargo ao profesor e investigador da Universidade de Vigo Luis Liz Marzán- foi a encargada de abrir o panel de ponencias. Doutora en Bioquímica, López Cortajarena é un exemplo do percorrido habitual ao que se ten que enfrontar a comunidade investigadora en España: realización do doutoramento coa axuda de bolsas de estudos, anos de estancias en universidades estranxeiras e moita experiencia na procura de financiamento para os seus proxectos. Entre outras axudas, López Cortajarena foi quen de conseguir unha prestixiosa axuda ERC Grant do Consello Europeo de Investigación dotada con 1,7 millóns de euros.

Neste caso centrou a súa intervención nos compostos de enxeñaría de proteínas e nanomateriais, un novo horizonte para os denominados medicamentos biolóxicos e as novas ferramentas de diagnóstico.

Especialistas de renome de España, Portugal, Israel e EE UU

Xunto a López Cortajarena, o programa do Annual Meeting inclúe a participación doutras investigadoras e investigadores de recoñecido prestixio internacional chegados desde diversos puntos do territorio español, así como de Portugal, Israel e Estados Unidos. A representación española completarase coa participación de Natalia Vila, investigadora no Centro de Regulación Xenómica de Barcelona; María Tomás, investigadora do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, CIQUS, da Universidade de Santiago de Compostela; Ramón Reig, do Instituto de Neurociencias UMH-CSIC; David Ruano, do Centro de Astrobiología INTA-CSIC, e Riccardo Marin da Universidad Autónoma de Madrid.

A representación de Estados Unidos no cadro de poñentes convidados é a do profesor do Departamento de Astronomía e Física da Universidade de Ohio Alexander Govorov, un dos físicos teóricos líderes mundiais especialista nas interaccións da luz con nanomateriais. No caso de Israel, o poñente será Gil Markovich, da Facultade de Química da Universidade de Tel Aviv, especializado no estudo de simetrías quirais, fundamentais no estudo da bioquímica e dos nanomateriais sintéticos con aplicacións en bioloxía e medicina.

Desde Portugal chegarán Ana Grenha, da Facultade de Ciencias e Tecnoloxía da Universidade do Algarve, e David Brea, adscrito á Fundación Champalimaud de Lisboa, cuxo obxectivo é desenvolver programas de investigación biomédica avanzada co enfoque de traducir descubrimentos científicos pioneiros en solucións que poidan mellorar a calidade de vida das persoas.