DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca en Vigo visitou este venres a EE Industrial

Teresa Pedrosa deséxalle “sorte e éxitos” ao equipo de Uvigo Motorsport

A primeira competición será do 9 ao 12 de xullo no circuíto de Assen en Holanda

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 15/06/2018

A delegada do Consorcio da Zona Franca en Vigo, Teresa Pedrosa, visitou este venres a Escola de Enxeñería Industrial para coñecer de primeira man como se está a desenvolver o proceso de construción do UM18, o novo monopraza construído polo equipo UVigo Motorsport e do que esta mesma semana desvelaron o seu novo deseño. Foi unha visita de cortesía na que estivo acompañada pola directora de Promoción Económica do consorcio, Rosa Eguizábal; o director da escola, Juan Pardo, e a subdirectora Ana Mejías.

Exerceu como guía a estudante María Couso, responsable do Departamento de Organización e Marketing de Uvigo Motorsport, que lle foi explicando paso a paso como está a ser o proceso de construción do UM18 e como teñen planificada a tempada 2018, que arrancará no circuíto de Assen en Holanda o vindeiro 9 de xullo. “O próximo venres, día 22, temos que ter todo listo, xa que esta é data límite que nos puxeron para presentar un vídeo co coche xa montado e preparado para competir”, explicou a estudante, ao tempo que aclarou que, con posterioridade a esta data poderían aínda realizarse pequenas modificacións.

“Para nós este é un dos proxectos máis atractivos da Universidade”, recalcou na súa visita ao taller de UVigo Motorsport, na EE Industrial, Teresa Pedrosa, que fixo tamén fincapé en que “nunha cidade tan vinculada á automoción como Vigo é especialmente interesante que, desde as propias aulas, consigan facer un coche que funcione e que compita con universidades de diferentes partes do mundo, é algo tremendamente enriquecedor”. Ademais de preocuparse por diferentes cuestións, tanto técnicas como de organización do traballo, a delega do CZF aproveitou a súa visita á escola para darlles as/os integrantes do equipo os parabéns e desexoulles moita sorte e éxitos a todo o equipo “porque este é o comezo do xerme desas ideas que se transformarán en empresas rendibles e en proxectos reais para a economía da nosa área”.

Dous circuítos para 2018: Assen e Montmeló

Ademais do circuíto de Assen, en Holanda, do 9 ao 12 de xullo, o equipo competirá tamén no circuíto catalán de Montmeló entre o 21 e o 26 de agosto. “Oxalá teñades moita sorte, pero, independentemente dos resultados deportivos, estou segura de que ides aproveitar moito esta experiencia, tanto a nivel persoal como profesional”, recalcoulles a delegada.

Cun deseño moi similar ao do seu predecesor, o UM17, o novo vehículo mantén o chasis híbrido, o monocasco en fibra de carbono e o subchasis en aceiro tubular, co obxectivo de mellorar a refrixeración do motor, así como o motor Kawasaki Ninja 650cc, ao que se pretende sacar máis partido cun novo sistema de refrixeración e a substitución do cambio electrónico por un pneumático. Rematada a fabricación do monocasco en fibra de carbono, o seguinte paso é darlle o mellor acabo posible e solucionar algúns defectos, para empezar a continuación a montaxe de todos os demais compoñentes, como o motor, a dirección ou a suspensión.