DUVI

Diario da Universidade de Vigo

María Vitoria Carrera analiza os discursos e prácticas de outredade en Secundaria

Unha tese afonda en como a socialización heteronormativa contribúe ao acoso escolar

O alumnado masculino e luso é o que acada resultados máis negativos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI Ourense 23/05/2019

A escola, comenta a investigadora María Vitoria Carrera, “é un axente de socialización que contribúe á construción da identidade sexual e cultural, a través dunha socialización heteronormativa e etnocentrista, reproducindo os coñecementos, valores e intereses dos grupos hexemónicos”. Na súa segunda tese de doutoramento, a profesora da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense identifica un “clara e estreita relación” entre esta socialización e as prácticas de outredade, de non recoñecemento do outro, e de acoso escolar ou bullying.

Do factor individual ao social

A tese, titulada Discursos e prácticas de outredade en alumnado galego e portugués de Secundaria: achegas dunha pedagoxía crítica e queer, foi presentada este curso académico baixo a dirección do profesor Xosé Manuel Cid. Nela analiza estes discursos e prácticas en relación ás identidades sexuais e culturais das e dos adolescentes e identifica e profunda nas achegas dunha pedagoxía crítica e queer para a mellora da convivencia escolar. Segundo explica María Vitoria Carrera, a escola constitúe “un espazo interrelacional no que o alumnado desprega toda unha serie de discursos e prácticas de violencia ou outredade, alimentadas polo estereotipo e o prexuízo, que permiten reafirmar a súa identidade e delimitar as fronteiras entre o eu e os outros/outras”. Estes discursos e prácticas, comenta, foron estudados tradicionalmente desde unha perspectiva de investigación psicolóxica “excesivamente centrada nos factores individuais das vítimas e agresores ou agresoras, desatendendo as influencias do contexto sociocultural heteronormativo e etnocentrista máis amplo, que podería estar modulando e dando forma a esta problemática” e que centran o seu traballo.

Neste contexto, a tese de María Vitoria Carrera é un compendio de artigos froito de tres proxectos de investigación diferentes nos que se empregaron metodoloxías de tipo cuantitativo e cualitativo, sendo o estudo máis amplo unha análise das relacións entre iguais en adolescentes de Secundaria no que participaron 2410 alumnos e alumnas, o 58,3% das catro provincias galegas e o 41,7% do distrito luso de Braga.

Os resultados

“Os resultados derivados das investigacións poñen de relevo que, en relación aos discursos de outredade, os mozos, en comparación coas mozas, e o alumnado portugués, fronte aos seus iguais galegos, adoptan discursos significativamente máis negativos cara ás mulleres, así como cara á diversidade sexual e cultural”, comenta María Victoria Carrera. Asemade, engade a profesora, eses mesmos grupos amósanse máis favorables ao fenómeno do acoso escolar, excepto no apoio ao defensor ou defensora da vítima, que é maior no alumnado portugués que no galego.

Polo que respecta ás prácticas de outredade, os resultados, indica a investigadora, visibilizan o carácter central das variables heteronormativas e etnocéntricas para comprender e previr os fenómenos de acoso escolar e de victimización secundaria das vítimas de acoso. En canto ás relacións de correlación e interdependencia entre as variables que configuran a matriz heteronormativa e etnocéntrica, e entre estas e as prácticas de outredade, as análises feitas, engade María Vitoria Carrera, “apuntan a unha clara e estreita relación” así como á súa vinculación coas prácticas de outredade exercidas contra as e os adolescentes que transgreden a norma de xénero ou que pertencen a grupos étnicos minoritarios e, de forma máis xeral, cos malos tratos entre iguais ou bullying, “operando conxuntamente como unha matriz de odio e violencia”. Do mesmo xeito, engade Carrera, as investigacións feitas “alertan sobre o risco de que a categoría de bullying estea a silenciar a crúa realidade do racismo, o sexismo e o rexeitamento á diversidade sexual na aula, ao invisibilizar as motivacións que subxacen a estas prácticas”.

Por unha práctica educativa 'transgresora e crítica'

Segundo explica a investigadora do campus de Ourense, “os resultados deste traballo alertan da necesidade urxente de transformar a práctica educativa, que debe orientarse necesariamente a unha pedagoxía antiopresiva, intercultural, crítica e queer, afastada dos modelos asimilacionistas que engolen valores/tradicións doutros grupos aos que se considera inferiores e que se contextualiza no marco filosófico da Teoría Queer”. Esta práctica educativa, detalla, non se orienta a fomentar que os grupos hexemónicos (o eu/nós que constitúe o centro) toleren aos outros e outras (‘as marxes’), “senón a desdebuxar as fronteiras que nos separan artificialmente, transformando a aula nun espazo que favoreza o cambio social”. Este cambio, subliña María Vitoria Carrera, “só pode ser alcanzado a través dunha práctica educativa transgresora e crítica coas estruturas autoritarias da escola, que cuestione a heterosexualidade normativa e o etnocentrismo e que interrogue seriamente as categorías sexo-xénero-etnia-orientación sexual, máis aló das dicotomías, valorando outras posibilidades de ser e de situarse como ser humano”.