DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carla Vázquez detectou diferencias entre poboacións nos recursos que destinan ás canles resiníferas

Unha tese analiza os factores que determinan a produción de resina como mecanismo defensivo do piñeiro marítimo

Desenvolvida na Misión Biolóxica de Galicia, a investigación foi defendida por videoconferencia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 02/04/2020

Entre os mecanismos defensivos que os piñeiros empregan para protexerse de pragas e patóxenos atópase a resina, “unha potente defensa química que se produce e almacena nunhas estruturas anatómicas denominadas canles resiníferas”, explica a investigadora do CSIC Carla Vázquez, que analizou na súa tese de doutoramento os factores que modulan a produción destas canles no piñeiro marítimo (Pinus pinaster Ait). Inserida nas investigacións do grupo de Xenética e ecoloxía da resistencia de coníferas da Misión Biolóxica de Galicia, os resultados desta tese revelan notables diferencias no investimento en defensas entre as poboacións desta especie, o que podería deberse a procesos de adaptación local ás condicións climáticas. Defendida esta semana por videoconferencia, no marco das medidas impulsadas pola Universidade de Vigo trala suspensión da actividade docente presencial co obxectivo de frear a expansión do coronavirus, Vázquez González desenvolveu a súa tese no marco do Programa de Doutoramento en Ecosistemas Terrestres, Usos Sustentables e Implicacións Ambientais.

A investigación revela que a diferenciación dos caracteres defensivos relacionados coa produción de resina, principal defensa química dos piñeiros, varía notablemente entre as diferentes poboacións, depende da súa capacidade de crecemento e móstrase sensible aos cambios no clima e nas condicións de cada lugar, segundo informou o CSIC. Para o estudo, analizáronse máis de 800 mostras de preto de 300 individuos, en ensaios xenéticos en campo con árbores adultas e en experimentos no invernadoiro con plantas novas, nos que se cuantificaron preto de 100.000 canles resiníferas. Dirixida polos investigadores da Misión Biolóxica de Galicia Rafael Zas e Luis Sampedro a tese con mención internacional Los canales de resina como indicador retrospectivo de la inversión en defensas en una especie de pino mediterráneo: Variación adaptativa y respuestas plásticas defendeuse este mércores por videoconferencia, sendo a primeira tese defendida a través desta canle por unha investigadora do CSIC. 

Uns mecanismos defensivos pouco estudados

“Os piñeiros, como todas as árbores, están expostos a unha diversa e abondosa comunidade de insectos antagonistas, que se alimentan dos seus tecidos e repercuten negativamente sobre a súa supervivencia e sobre a viabilidade das súas poboacións”, salienta Vázquez. Entre os mecanismos defensivos que empregan estas árbores destaca a resina, de tal xeito que a “abundancia e distribución” das canles nas que se produce e almacena constitúe, engade, “un carácter moi relevante, que determina a resistencia dos piñeiros fronte a pragas e patóxenos”. Estas canles, explica, “quedan gravadas nos aneis de crecemento dos piñeiros”, de tal xeito que “constitúen un rexistro histórico da inmersión defensiva durante toda a vida da planta, que pode ser avaliada de forma retrospectiva mediante procedementos dendrocronolóxicos”. 

A tese deseñouse co obxectivo xeral de indagar nos factores que modulan a produción destas canles resiníferas, o que contribúe a predicir a persistencia das súas poboacións baixo un contexto de cambio global, así como a optimizar a xestión dos recursos xenéticos forestais. “Hai numerosos estudos que documentaron nas últimas décadas unha enorme variación xenética en defensas químicas e anatómicas nun amplo número de especies vexetais”, apuntan os directores da tese. No caso dos piñeiros, os estudos centráronse nos caracteres químicos da defensa, mentres que os anatómicos, entre os que se atopan as canles resiníferas, “recibiron unha menor atención”, do mesmo xeito que tampouco “se estudara de forma conxunta como a variación xenética adaptativa, xunto ás respostas plásticas ao medio ambiente, modula a produción de defensas en árbores adultas desta especie”, algo importante, engaden, de cara a “prever a supervivencia e viabilidade das poboacións nun clima cambiante”. Neste contexto, a investigación buscaba tanto valorar a relevancia das canles de resina na resistencia dos piñeiros fronte a organismos antagonistas como explorar a variación xenética e plasticidade fenotípica na produción destas canles. 

Os piñeiros máis resistentes invisten máis na produción de resina

Os resultados revelan que os piñeiros resistentes destinan máis recursos á produción de canles de resina que as árbores susceptibles, especialmente cando se consideraba o tamaño das canles, explica o CSIC. Ademais, observouse que a produción de canles resiníferas é altamente variable entre poboacións de piñeiro marítimo, desde as costas atlánticas ás poboacións do Atlas marroquí, a meseta castelá ou as costas mediterráneas. O estudo mostra que a produción de canles nesta especie está negativamente asociada coa súa capacidade de crecemento, aínda que esta relación non é homoxénea entre poboacións. Os resultados suxiren tamén que a diferenciación xenética das poboacións é compatible con procesos de adaptación local fronte ás condicións climáticas particulares de cada sitio. 

Así mesmo, os estudos realizados utilizando árbores adultas revelan que a produción de canles resiníferas está afectada por respostas plásticas, tanto ás condicións locais de cada lugar, como á variación ambiental entre anos. En particular, a produción anual de canles depende da climatoloxía, constatándose que determinadas variables climáticas relacionadas coa temperatura e as precipitacións tiveron un efecto significativo nesta, sendo as respostas bastante homoxéneas entre poboación, coa excepción das variablies climáticas relacionadas coa dispoñibilidade de auga.

“A investigación proporciona información moi relevante, que pode ser empregada tanto en programas de mellora como en modelos espazo-temporais para predicir a resposta desta especie en canto a súa capacidade defensiva, tendo en conta proxeccións de cambio climático”, conclúen os directores da tese, que destacan que este estudo permitirá “levar a cabo unha mellor xestión adaptativa desta especie”.