DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sara Domínguez estudou a organización dos centros de formación musical non superiores

Unha tese analiza por primeira vez a xestión dos conservatorios e escolas de música de Galicia

A investigación pon de relevo a súa diversidade organizativa

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 29/01/2020

A pesares de reunir máis de 17.000 alumnos e alumnas nos 106 conservatorios profesionais e escolas municipais existentes en Galicia, a realidade dos centros de ensinanzas musicais medias caracterízase pola ausencia dun marco normativo común e polas diferencias na formación que imparten. Estas son algunhas das principais conclusións da tese de doutoramento de Sara Domínguez, a primeira investigación que aborda a organización e xestión dos centros públicos de ensinanzas musicais existentes en Galicia.

Defendida na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e dirixida pola catedrática Margarita Pino, a tese Análisis de la gestión, organización y currículum de las enseñanzas de música no superiores en Galicia abrangueu por unha banda a análise da lexislación e das normativas referentes a estes centros e estudos. Así mesmo, Domínguez Lloria, profesora asociada da Universidade de Santiago de Compostela, abordou tamén o propio funcionamento dos centros, a través do cuestionario realizado a preto do 50% dos directores e directoras dos 42 conservatorios e 72 escolas municipais existentes en Galicia.

Ausencia de estudos e normas pese a crecente demanda

“Nas últimas tres décadas, asistimos á proliferación de centros de formación musical de ensinanzas medias en todo o Estado”, motivada por un crecente interese “por parte das familias, que ven na formación musical unha actividade de interese que complementa a educación integral dos seus fillos”. Pese a iso, Domínguez constatou “a ausencia de estudos e investigacións centrados neste tipo de centros, ao igual que “a escaseza de textos legais que regulen os diferentes ámbitos deste tipo de ensinanzas”. De aí que a investigadora, que foi tamén directora da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela, poña o acento nunha “falta de concreción” que, sinala, “supón na actualidade un grave problema a nivel administrativo, organizativo e curricular”. 

Para Domínguez, tanto os centros de ensinanzas medias reguladas, os conservatorios profesionais (CMUS), como as escolas de música (EMN), que imparten ensinanzas non reguladas, insírense nun “proceso aínda incipiente”, caracterizado por unha “falta de control por parte das administracións”. Neste punto, a tese pon de relevo a existencia dunha “desigualdade a moitos niveis” nesta formación musical, incidindo, por exemplo, na “liberdade curricular” das escolas municipais. Esta, sinala Domínguez, implica por unha banda “vantaxes á hora de elaborar proxectos educativos que en Galicia funcionaron moi ben”, pero tamén supón que o funcionamento dos centros quede en mans “de persoas ou proxectos concretos”, de tal xeito que a formación que se pode recibir nunha ou outra escola sexa “moi diferente”.

As mulleres son minoría na dirección

Titulada superior de música na especialidade de piano, Domínguez constatou tamén con este estudo que as mulleres son minoría nas direccións destes centros, xa que só o 33% dos CMUS tiñan unha directora á fronte, porcentaxe que baixaba ao 25% no caso das escolas municipais. Do mesmo xeito, a investigadora tamén advirte na súa tese de como, no caso das escolas municipais, “a falta de concreción en cuestións de índole laboral, como os convenios de contratación” obrigan en moitas ocasións ao “pluriemprego” dos e das docentes, “o que repercute nun empeoramento da calidade educativa”.

Asemade, a tese pon o acento na “falta de formación didáctica do profesorado”, que Domínguez sinala como unha das “grandes deficiencias” derivadas da actual lexislación e organización das ensinanzas superiores de música. Non en van, apunta, a carreira interpretativa será a saída laboral de preto do 5% dos titulados e tituladas, mentres que a docencia será a opción profesional “maioritaria”. Pese a isto, “nin a titulación superior nin a formación do máster do profesorado se ocupan da formación de docentes de centros de formación musical”, subliña.

Diferentes prezos e formas de financiarse

A investigación permitiu tamén constatar como, coa excepción dos CMUS de titularidade autonómica, os centros de formación regulada e non regulada contan con “fontes de formación diversas”, sendo o caso “máis evidente” o das escolas municipais, “que en moitas ocasións reciben subvencións de diferentes administracións”. Do mesmo xeito, Domínguez detectou “diferencias significativas” nos prezos públicos entre os CMUS de titularidade autonómica o municipal, situándose as taxas destes últimos en “máis do triplo” que as dos primeiros, a pesares de outorgar, lembra, “o mesmo título oficial.

Propostas de mellora

Dada a escaseza de estudos teóricos sobre a organización e xestión deste tipo de centros, a tese de Domínguez abre, como recoñece, un “camiño practicamente inexplorado”, ao recoller unha “visión xeral das problemáticas” que pode ser de axuda aos e ás responsables destes centros. Neste senso, a súa autora apunta tamén algunhas das posibles medidas que poderían acometerse neste eido, como o impulso dun plan de formación do profesorado, a xeración dunha “estrutura en rede para as escolas de música” ou o desenvolvemento de “plans de orientación para o alumnado que cursa ensinanzas superiores de música”.