DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu autor é o enxeñeiro industrial Eduardo Balvís

Unha tese avanza no uso das lámpadas LED como rede de información para a xestión de "cidades intelixentes"

Estudou a aplicación de tecnoloxías fotónicas e modelos matemáticos en iluminación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 02/10/2020

A fabricación de sistemas de iluminación intelixente nos que lámpadas LED equipadas con diversos sensores poden converterse nunha rede de información de parámetros importantes para unha cidade intelixente, como poden ser os niveis de contaminación, a polución acústica ou outras variables de interese. Este é un dos principais resultados da tese de doutoramento feita polo enxeñeiro industrial Eduardo Balvís. Nela afondou na aplicación de tecnoloxías fotónicas e modelos matemáticos para alumeamento intelixente e eficiencia enerxética.

A tese estivo dirixida polo catedrático da Universidade de Vigo Humberto Michinel e foi realizada ao longo dos últimos anos no grupo de Enxeñaría Física do campus de Ourense, seguindo as liñas de investigación do grupo máis orientadas á transferencia de coñecemento cara sectores produtivos do tecido empresarial circundante. “En particular, o obxectivo principal deste traballo foi o desenvolvemento de tecnoloxías e métodos computacionais para xerar innovación no sector da iluminación LED”, indica o xa doutor.

Os resultados do traballo, comenta Eduardo Balvís, deron lugar a un modelo de utilidade, expedido pola Oficina Nacional de Patentes e Marcas, que foi o xerme de ERH-Illumnia, “a primeira e única empresa de base tecnolóxica creada no campus de Ourense, fundada no ano 2014 e que segue desenvolvendo a súa actividade en diversos proxectos tecnolóxicos relacionados coa eficiencia enerxética”. Do estudo tamén destaca a colaboración desenvolvida co International Iberian Nanotechnology Laboratory de Braga no marco do proxecto europeo Nanoeaters dentro do programa POCTEP (Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal) co fin de desenvolver tecnoloxías de iluminación intelixente. Asemade, engade, os resultados da investigación deron lugar a diversos artigos en revistas do Journal of Citation Reports e relatorios en conferencias estatais e internacionais.

Innovación e eficiencia

Tendo en conta o desenvolvemento actual e o potencial da iluminación intelixente con lámpadas LED no contexto da “Internet das Cousas”, a tese ten como núcleo central expor os resultados de investigación e innovación en relación co alumeamento público desenvolvidas polo investigador no marco do grupo de Enxeñaría Física. Estes resultados foron probados nas lámpadas de alumeamento LED instaladas no campus de Ourense polos membros do equipo que desenvolven esta liña de investigación, que son, ademais de Balvís, Humberto Michinel e Ricardo Bendaña.

Na tese explícase o proxecto de iluminación intelixente levado a cabo no contexto do proxecto Nanoeaters, aínda en desenvolvemento. “Discútense os elementos fundamentais (chips, sensores, computador central) usados para fabricar os prototipos e danse detalles sobre o software desenvolvido para controlar o sistema”, comenta o profesor da UVigo. Este traballo, detalla, “permitiu instalar os prototipos no propio campus de Ourense, utilizando as lámpadas para medir e transmitir en tempo real os valores de diversas variables ambientais”. Trátase, apuntou, do emprego de técnicas electrónicas de baixo custo que, combinadas con adecuados algoritmos matemáticos, permiten dispor dun sistema de adquisición, transmisión e procesado de determinados datos.

Segundo explica o enxeñeiro industrial, na tese “considéranse diversas solucións tecnolóxicas relacionados coa monitorización en tempo real de diversas variables e a predición de tendencias a partir de datos da "Internet das Cousas" recompilados e procesados axeitadamente”. Así, detalla, propóñense “respostas concretas aos devanditos desafíos facendo uso das tecnoloxías de habilitación de "Internet das Cousas" que ofrece o mercado actual e outras que poderían ser comercializadas nun futuro próximo”. As solucións desenvolvidas, indica o investigador, “parten de certos dispositivos físicos pero poden ser ampliadas a escalas máis xerais pois para os modelos matemáticos asociados soamente se requiren os datos recompilados polos sensores para poder realizar predicións do estado dos sistemas monitorizados”.

No eido da eficiencia enerxética, na tese analízase un “deseño de disipador pasivo de calor que se pode instalar en lámpadas de alumeamento para evitar que o chip LED alcance temperaturas que poden prexudicar o seu funcionamento”. Segundo explica Eduardo Balvís, o sistema foi deseñado, fabricado e instalado nas lámpadas de alumeamento do campus de Ourense, “que aínda funcionan como sistema de alumeamento exterior actual, operando sen ningún fallo ata a data”. Este deseño, detalla, deu lugar a un modelo de utilidade para poder ser comercializado. Así mesmo, engade o enxeñeiros industrial, no traballo analizouse o rendemento do disipador con experimentos en laboratorio e distintos métodos computacionais e fíxose un estudo análogo para outras lámpadas de alumeamento comerciais.