DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudo centrouse nas especies 'Skeletonema costatum' e 'Chaetoceros gracilis' 

Unha tese confirma a idoneidade de dúas especies microalgais das rías galegas para a síntese de biodiesel 

Leticia Pérez investigou o uso como fonte de elevado potencial para a produción de biocombustibles

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 19/12/2019

Afondar no coñecemento sobre dúas especies microalgais abundantes nas rías galegas, Skeletonema costatum e Chaetoceros gracilis, ao tempo que se abordaba algunha das principais limitacións existentes na explotación da biomasa algal na industria, foron os obxectivos de Leticia Pérez Rial na súa tese de doutoramento Optimización das operacións de separación de biomasa algal. “En definitiva, perseguise potenciar o desenvolvemento de técnicas de separación das diminutas células microalgais do medio de cultivo que as contén dunha maneira viable técnica, económica e medioambientalmente”, engade a enxeñeira de Minas e doutora en Enxeñaría Química pola Universidade de Vigo.

Os resultados da investigación dirixida por María Ángeles Cancela e María del Rocío Maceiras, permiten concluír que as dúas especies seleccionadas presentan unha alta adaptabilidade a diferentes condicións de cultivo, podendo resultar factible o seu crecemento non só en Galicia, senón tamén ao longo da xeografía española. Así mesmo, a tese de Leticia Pérez confirma que a floculación (a técnica que é considera por un gran número de autores como a máis adecuada para a explotación industrial da biomasa derivada de microalgas) inducida por pH, é un método eficaz para recolección da biomasa algal procedente de especies como C.gracilis e S.costatum, podendo ser unha técnica axeitada para a súa aplicación a gran escala. “Ademais, comprobouse que diferentes factores, tales como o pH ou a salinidade de medio de cultivo inciden de xeito significativo na separación da biomasa algal. Para finalizar, pódese dicir que, desde un punto de vista enerxético o elevado contido en lípidos de ambas as especies, así como a calidade dos seus ácidos graxos, fan que sexan apropiadas para a síntese de biodiesel”, conclúe a investigadora.

Leticia Pérez lembra que o cultivo masivo de microalgas permitiría, ademais, a captura de CO2 procedente das industrias contaminantes, o que supón unha ferramenta de futuro prometedor na loita contra o cambio climático. “Por todo iso a investigación centrouse en dúas das operacións que máis dificultan a explotación industrial destes microorganismos fotosintéticos, o cultivo e a separación da biomasa algal”, explica a doutora.

Unha investigación centrada nunha materia prima en auxe 

Na súa investigación, Leticia Pérez levou a cabo series de ensaios e de análises seguindo a lóxica secuencial de obtención da biomasa algal. En primeiro lugar, avaliouse a repercusión de factores como as condicións ambientais ou a subministración de aire ou dióxido de carbono sobre o crecemento das microalgas seleccionadas, tanto a escala laboratorio como en planta piloto, co fin de atopar aquelas condicións que poidan resultar más favorables para o cultivo. A seguir, a investigadora estudou a fase de separación da biomasa xerada do medio de cultivo. “Aínda que na actualidade existen diversos procesos que poden ser utilizados, a gran maioría non resultan viables desde un punto de vista económico. Por iso, parte do estudo centrouse na técnica que é considera por un gran número de autores como a máis adecuada para a explotación industrial da biomasa derivada de microalgas: a floculación química”, explica a enxeñeira, que finalmente tamén investigou a técnica de separación de microalgas mediante floculación inducida por variación de pH.

A decisión de centrar a súa tese de doutoramento no estudo da optimización das operacións de separación de biomasa algal responde, segundo Leticia Pérez o feito de que as microalgas son unha materia prima en auxe e “nos últimos anos, tanto a comunidade científica pertencente ás institucións públicas, como empresas privadas, destinaron parte dos seus recursos e fondos a estudar estes microorganismos fotosintéticos como fonte de produtos de alto valor engadido para a industria cosmética, farmacéutica ou alimentaria, entre outras”. A enxeñeira destaca que aínda que nun principio esta fonte renovable era considerada un recurso idóneo para a obtención de biocombustibles, especialmente biodiesel, os elevados custos de diferente etapas involucradas no proceso provocou que, a día de hoxe, o concepto de biorrefinería de microalgas estea cada vez máis estendido.