DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora do CSIC Estefanía Suárez defendeu a súa investigación na EE Forestal

Unha tese determina que a seca inflúe na resistencia dos piñeiros ibéricos ao gurgullo

Analizou o impacto destes insectos mordedores en dúas especies do Mediterráneo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 30/10/2019

A seca pode modificar a resistencia e capacidade de resposta dos piñeiros ibéricos ante os insectos mordedores de floema, o tecido vexetal da árbore. Esta é a principal conclusión da tese de doutoramento que a investigadora da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) Estefanía Suárez defendeu na Escola de Enxeñaría Forestal. Dúas especies de piñeiro presentes na conca mediterránea centran a tese con mención internacional Response to to multiple stressors in Iberian pine trees: tradeoffs between drought stress and resistance to herbivory, que a investigadora realizou no marco do Programa de Doutoramento en Ecosistemas Terrestres, Usos Sustentables e Implicacións Ambientais da Universidade de Vigo. 

Os achados realizados no marco deste estudo, destaca a investigadora, “arroxan luz no coñecemento do comportamento dos piñeiros mediterráneos en resposta a cambios bióticos e abióticos e poderían ser útiles para optimizar ferramentas de mellora xenética e de xestión forestal”, co propósito de facer fronte ás presións impostas pola crise climática. Dirixida polos investigadores do grupo de Xenética e Ecoloxía Forestal da MBG-CSIC Rafael Zas e Luis Sampedro, a investigación partiu, explica, “do descoñecemento e a incerteza” acerca de como especies forestais como as coníferas farán fronte ás presións impostas polo cambio global, concepto que inclúe tanto a crise climática como as invasións biolóxicas. 

Un estudo centrado no Mediterráneo

Suárez Vidal centrou a súa investigación na conca mediterránea, por ser esta unha área especialmente vulnerable a efectos do cambio global como o incremento da temperatura, o descenso das precipitacións ou a introdución de novas pragas. Concretamente, o seu estudo xirou en torno a dúas especies de piñeiro ibérico distribuídas ao longo desta conca, o piñeiro marítimo (Pinus pinaster Ait.) e o piñeiro carrasco ou de Alepo (Pinus halapensis Mill.). Debido ao seu tamaño e lonxevidade, este tipo de coníferas, explica, están expostas a numerosos factores de estrés de tipo abiótico, como a seca, e biótico, como a herbivoría causada polos insectos. Nese senso, para analizar a resistencia das coníferas aos insectos mordedores, tomouse como exemplo o gurgullo do piñeiro (Hylobius abietis L.), un insecto que se alimenta da cortiza e o floema das plántulas de coníferas, anelándoas e causando a súa morte debido ao provocar o corte de circulación do zume da árbore.

Diferentes hipóteses sobre os efectos da seca

Na tese formúlanse varias hipóteses, nas que se analizan aspectos como os factores que alteran a fotosíntese ou como os diferentes niveis de seca poden alterar a resistencia e capacidade defensiva contra o gurgullo do piñeiro. Os resultados obtidos indican, segundo explica a doutora, que “a seca pode modificar a resistencia e capacidade de resposta dos piñeiros ibéricos a insectos mordedores, ben por unha menor dispoñibilidade de recursos carbonados para a síntese de compostos defensivos ou as interaccións existentes entre as rutas de sinalización hormonal de ambos estreses”. Ademais, mediante un experimento de selección, a investigadora logrou demostrar que a eficiencia no uso de auga é un carácter suficientemente variable e herdable como para incrementar o uso eficiente desta a través das xeracións, en resposta aos períodos de seca. 

A investigadora

Licenciada en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora pola Universidade de Vigo, Estefanía Suárez Vidal traballou no campo da biotecnoloxía vexetal, antes de iniciar, en 2014, a súa etapa de investigadora predoutoral no departamento de Xenética e Ecoloxía Forestal da Misión Biolóxica, onde se centrou no estudo dos parámetros de resistencia e capacidade defensiva das coníferas ás pragas forestais.