DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carlos Lago Fuentes é o autor dunha investigación pioneira sobre este deporte

Unha tese estuda por primeira vez que lesións son máis frecuentes no fútbol sala feminino

Constata a importancia de ter en conta as fases do ciclo menstrual para optimizar o rendemento

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 03/03/2020

O egresado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e profesor na Universidad Europea del Atlántico Carlos Lago Fuentes é autor da primeira tese centrada no fútbol sala feminino defendida en España. Concretamente, a investigación que realizou no marco do programa de Doutoramento en Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable da Universidade de Vigo aborda, a través dunha serie de investigacións, como un estudo realizado con 89 xogadoras profesionais, o tipo de lesións máis frecuentes entre estas deportistas e propón medidas de intervención neste eido. Así mesmo, o estudo comprendeu tamén a análise, cun equipo de Primeira División, da carga e contidos do adestramento ao longo dunha tempada.

Ata a defensa de Optimización del rendimiento físico-deportivo en fútbol sala femenino: desde la epidemiología lesional a una propuesta de intervención, que Lago Fuentes realizou baixo a dirección do profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ezequiel Rey, existían en España “pouco máis de 20 teses” que analizaran algún aspecto relacionado co fútbol sala e só unha delas, explica o investigador, incluía un estudo sobre fútbol sala feminino. De aí o carácter pioneiro desta tese conformada por catro estudos, que suma aos centrados no tipo de lesións máis frecuentes e na análise da carga de adestramento, unha investigación sobre as estratexias de prevención de lesións que adoptan os equipos técnicos e outra sobre os posibles beneficios do uso de superficies inestables para o traballo físico na zona lumboabdominal.

A tese permite nese senso arroxar “un pouco de luz” sobre como e cando se lesionan as futbolistas, un aspecto clave, recoñece o investigador do grupo Remoss, para a correcta planificación das cargas de adestramento. De feito, o punto de partida da tese son as “infinitas incógnitas sobre a preparación física e lesións” que a falta de estudos previos foi xerando no seu autor durante os anos nos que exerceu como preparador físico de equipos de primeira e segunda división de fútbol sala feminino. Nese senso, a tese fai énfase na importancia de “deseñar protocolos preventivos específicos” para o fútbol sala feminino e de programar as cargas de adestramento axustándoas ás fases de ciclo menstrual.

Nocello e cuadríceps, as zonas con máis lesións

Rexistrar as lesións que, ao longo dunha tempada, padeceron 89 xogadoras profesionais, de seis equipos de primeira división e dun de segunda, tendo en conta variables como a tipoloxía e gravidade das lesións, pero tamén a fase do ciclo menstrual, foi o eixo dun dos estudos incluídos nesta tese. Realizada con datos recollidos durante a tempada 2017/2018, a investigación situou as escordaduras de nocello e as distensións de cuadríceps como as lesións máis frecuentes entre as futbolistas, representando en conxunto preto do 45% do total. Estas, explica Lago, producíanse “especialmente en accións sen contacto nos últimos minutos de adestramentos ou partidos e durante o primeiro cuarto da tempada”.

A investigación permitiu constatar tamén que as lesións articulares e ligamentosas preséntanse con maior frecuencia durante a fase folicular do ciclo menstrual, o que leva ao investigador a incidir de novo na “importancia de controlar as cargas de adestramento segundo a fase do ciclo” na que se atopen as deportistas.

Como previr as lesións?

Outra dos estudos incluídos nesta tese tivo como punto de partida un cuestionario realizado a 32 corpos técnicos, 20 de equipos femininos e 12 de masculinos, co propósito de coñecer “que factores de risco perciben” e que estratexias de prevención de lesións desenvolven. As e os participantes no estudo sinalaron a existencia dunha lesión previa, déficit de forza, deshidratación ou desequilibrios e asimetrías musculares como “os factores de risco máis importantes” neste deporte. Nese senso, as súas estratexias preventivas “focalizábanse no traballo excéntrico, exercicios funcionais, fortalecemento do core e equilibrio”, explica Lago, que recoñece que esta investigación permitiulle comprobar “como aínda hai distancia entre o que se investiga e o que se aplica no adestramento diario de equipos de primeiro nivel”. 

Análise da carga de adestramento

A tese de Carlos Lago abrangueu tamén unha investigación que cuantificaba a carga e contidos de adestramento dun equipo da primeira división ao longo dunha tempada, a través do rexistro “do estado de esforzo de cada xogadora despois de cada adestramento e partido”, xunto co “volume de adestramento en minutos e o tipo de tarefas que se facían en cada sesión”. O estudo permitiu coñecer como o corpo técnico “foi moldeando as cargas para xerar semanas de maior esforzo e outras de maior nivel de recuperación”, nunha planificación asociada aos obxectivos do equipo, explica Lago. A raíz desta análise, o investigador pon de relevo a importancia de evitar “sobrecargar as pretempadas”, que é preciso deseñar “con cargas progresivas con suficiente tempo de recuperación, xa que do contrario “podemos estar aumentando o risco de lesións por fatiga”. 

Por último, a tese completouse cun “estudo de intervención” cun protocolo de traballo centrado na “faixa lumbo-abdominal”, no que se estudaron os efectos dunha serie de exercicios realizados sobre un coxín dynair e directamente sobre o chan, constatando en ambos casos “melloras na condición física e calidade do movemento”. Por tanto, o estudo suxire que “as superficies inestables o complementos de adestramento non sempre son máis beneficiosos que un adestramento ben planificado”, segundo explica o investigador.