DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jesús García Liñeira estudou os niveis de maduración do control postural entre os 6 e os 12 anos

Unha tese mostra como detectar déficits na evolución do equilibrio dos nenos e nenas 

A investigación confirmou a validez dos acelerómetros como ferramenta de avaliación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 29/07/2022

“Os nenos e nenas cun pobre equilibrio terán un maior risco de caídas, pero tamén unha maior dificultade para adquirir habilidades motrices, o que pode derivar nunha peor adherencia ás actividades físicas e implicar un maior sedentarismo”. Deste xeito resume o investigador e mestre de Educación Primaria Jesús García Liñeira a importancia que ten o correcto desenvolvemento do equilibrio e o control postural na infancia, eixo da tese que desenvolveu no programa de doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable do Campus Crea. A investigación que levou a cabo coa participación de preto de 400 escolares de entre 6 e 12 anos permitiulle en primeiro termo confirmar que os acelerómetros constitúen unha ferramenta válida para avaliar o equilibrio da poboación pediátrica, o que á súa vez permitiulle establecer os “valores normativos” para medir a evolución do desenvolvemento motor nesta franxa de idade "con sensores portátiles", un aspecto, recoñece, “antes inexplorado na literatura científica”.  

Dirixida polo profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José Luis García Soidán e polo catedrático da Universidad de Málaga José Luis Chinchilla, a tese Evaluación y valoración del equilibrio postural en escolares de entre 6 y 12 años mediante el uso de dispositivos acelerométricos tiña como principal obxectivo “establecer os estadios e niveis de maduración do equilibrio entre os 6 e os 12 anos en poboación escolar sa, xa que durante os períodos da infancia existen grandes reorganizacións corporais e é fundamental para os profesionais da saúde detectar os déficits relacionados co equilibrio”, salienta o xa doutor. García Liñeira pon nese senso o foco na importancia de vixiar durante esta etapa que se produza un “normal desenvolvemento do control postural e dos sistemas que o rexen”, coa idea de poder detectar posibles déficits no proceso de maduración. Non en van, alén de implicar unha “maior dificultade para a adquisición das habilidades motrices”, estes poderían ser tamén síntomas doutras “problemáticas, como, por exemplo, un déficit no funcionamento ou patoloxías nalgún dos sistemas sensoriais implicados no mantemento da postura ou en aspectos relacionados co sistema musculoesquelético”. 

Un método de avaliación válido e pouco empregado

Como explica este investigador e mestre de Educación Física, o control do equilibrio é unha “capacidade física complexa, que depende de múltiples procesos sensoriomotrices e da súa correcta integración por parte do sistema nervioso”, completándose a súa maduración na adolescencia, segundo constataron estudos previos. Nese senso, a falta de datos sobre como esta capacidade vai evolucionando entre os 6 e os 12 anos motivou o estudo que García Liñeira realizou con preto de 400 nenos e nenas de diferentes colexios públicos da provincia de Pontevedra, tanto de contornas urbanas como rurais, e que permitiron, en primeiro termo, “validar o uso da acelerometría para valorar o equilibrio en poboación pediátrica”. 

Como lembra o autor desta tese, este tipo de dispositivos, que miden as aceleracións do centro de gravidade do corpo, teñen tanto un custo económico como un tamaño reducido, o que permitiría realizar avaliacións en contornas tanto clínicas, como escolares ou deportivas. Mais ata o de agora, “o seu uso en poboación pediátrica era escasa”, o facía necesarias investigacións que “achegasen datos normativos da evolución desta capacidade nesta franxa de idade”. García Liñeira confirmou a fiabilidade desta ferramenta cunha “batería de test motrices de equilibrio, en diferentes condicións sensoriais”, que tiñan como punto de partida “tres factores de análise”, o apoio cun pé, cos dous pés e a marcha. “Comprobouse nesta fase que o sensor acelerométrico achega datos fiables e altamente sensibles”, salienta dun conxunto de probas que poderían levarse a cabo “en menos de dez minutos”. 

A definición dos valores para medir esa evolución

A análise dos datos recollidos con este método de avaliación permitiu á súa vez obter información sobre como evoluciona esta capacidade entre os 6 e os 12 anos, permitindo “establecer os valores normativos da evolución do equilibrio con valoración antropométrica”, explica. Nese senso, esta batería de probas “con diferentes condicionantes sensoriais” permitiu, por exemplo, constatar que probas como manterse erguido sobre un só pé cos ollos abertos sobre unha base firme permiten ir observando esa evolución, xa que “os valores próximos a cero” na medición do grao de desequilibrio, prodúcense nos 12 anos. Do mesmo xeito esta análise permitiu constatar que, entre os 6 e os 12 anos, “os nenos axustan o corpo ante desequilibrios en maior magnitude que as nenas”. 

Por outra banda, a análise dos datos obtidos permitiu tamén corroborar que o desenvolvemento completo do equilibrio “depende en gran medida de que o sistema nervioso alcance a súa completa maduración e integre a información que recibe de sistemas como o visual e o vestibular”, o que non se dá ata o inicio da adolescencia. Así mesmo, neste estudo púidose observar que esta “integración e ponderación da información sensorial” prodúcese “de xeito dispar en nenos e nenas, observando unha maduración previa no sexo feminino”. 

Unha patente en curso e futuras liñas de investigación

A investigación que García Liñeira desenvolveu para a súa tese derivou tamén no desenvolvemento dunha patente que se está a tramitar conxuntamente coa Universidad de León, así como na realización de dous artigos científicos, pendentes de publicación, “nos que analizamos probas tradicionais de equilibrio e a análise do equilibrio dinámico”. Ao mesmo tempo, o xa doutor recoñece que a tese abre tamén “outras liñas de investigación que nos gustaría seguir”, en ámbitos como a mellora do equilibrio postural no ámbito escolar.