DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pilar Carballo construíu as súas 'historias de vida', cos seus relatos e os de familiares e docentes

Unha tese dá voz a dous mozos con discapacidade visual para pór de relevo as barreiras educativas ás que se enfrontan

Sinala a necesidade de novos plans de formación do profesorado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 09/06/2021

Dar voz ás persoas con discapacidade visual para comprender mellor a súa realidade, para denunciar as barreiras ás que teñen que facer fronte na súa etapa formativa, “dentro e fóra da escola”. Esta foi a idea que levou a Pilar Carballo, pedagoga do Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE en Pontevedra, a desenvolver un “estudo biográfico-narrativo” de dous estudantes con cegueira para a súa tese de doutoramento. Nela, constrúe as “historias de vida” destes dous alumnos, sumando ao seu relato o dos seus familiares, amigos e docentes. A través desta metodoloxía, a tese de Carballo aborda as “barreiras para a aprendizaxe e participación” das persoas con discapacidade visual e pon o foco na necesidade de “novos plans de formación do profesorado”, que abrangan braille, contidos sobre accesibilidade e metodoloxías que fomenten unha “aprendizaxe colaborativa”.

Dirixida pola catedrática da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ángeles Parrilla, a tese Historias de vida de jóvenes con discapacidad visual reconstrúe, a través dunha “polifonía de voces”, as “traxectorias vitais, académicas, sociais e persoais” destes dous estudantes, un alumno de secundaria e outro universitario no momento no que se levou a cabo a investigación. “Pasamos moito tempo falándolle ás persoas con discapacidade e para incluílas e visibilizalas, hai que escoitalas”, salienta Carballo Lado, que desde hai 30 anos desenvolve no CRE o seu labor profesional, polo que foi premiada en varias ocasións nos concursos de investigación sobre materiais didácticos e sobre experiencias de innovación e boas prácticas da ONCE. 

Relatos que constrúen unha única historia

Con ese propósito a tese que desenvolveu no doutoramento interuniversitario en Equidade e Innovación en Educación susténtase na “modalidade biográfica dos relatos cruzados”, na que combina, “construíndo unha única historia”, a información obtida nas entrevistas realizadas aos dous estudantes coas narracións que achegaron unha serie de “persoas significativas” da súa contorna. Concretamente, dous membros da súa familia, un mestre ou orientador de cada etapa educativa, un profesor de apoio da ONCE e un amigo, escollidos polos propios protagonistas da tese. 

“As entrevistas percorren o itinerario biográfico da vida dos mozos, desde os primeiros recordos da súa infancia ata o presente, ademais de incluír as súas perspectivas de futuro”, explica Carballo, que levou a cabo a análise desta información por medio do “enfoque relacional centrado na voz”, ou VRC, polas súas siglas en inglés, “que facilita a escoita das diferentes capas de voces narrativas grazas a un proceso de reflexión que inclúe catro lecturas dun mesmo texto como alternativa á análise estrutural”. Trátase, como sinala, da primeira tese sobre historias de vida e discapacidade visual que fai uso desta metodoloxía.

Barreiras que limitan o “potencial de aprendizaxe”

A pesares de que menos do 5% do alumnado con discapacidade visual abandona o ensino antes de rematar a ESO, o seu acceso á educación, “polo que tanto se loitara nos séculos anteriores”, segue sen realizarse “en igualdade de condicións”, sostén esta pedagoga. A súa tese busca contribuír á identificación, partindo das vivencias dos seus protagonistas, das “barreiras” ás que teñen que enfrontarse no contexto escolar e que condicionan a súa participación. Entre outras, apunta a “necesidade de formar en diversidade ao profesorado, é dicir, a necesidade de comprender como afrontar da mellor maneira posible as diferencias na escola”. No relativo aos estudantes con discapacidade visual e a súa integración no sistema educativo, na investigación sublíñanse principalmente aqueles aspectos pedagóxicos relacionados coa aprendizaxe docente do braille coa adaptación á cegueira das distintas actividades académicas. Nese senso, Carballo destaca que “mellorar a accesibilidade, tanto dos contidos e dos materiais educativos, como dos propios espazos, resulta urxente a fin de acadar o potencial de aprendizaxe e, en definitiva, o benestar socioemocional destes rapaces”.

A investigadora sinala tamén a existencia de “barreiras actitudinais”, a persistencia de “estereotipos que poñen o foco nas competencias do alumno cego e non tanto na persoa en todas as súas dimensións”. Resulta “fundamental”, subliña Carballo, que o sistema educativo “non se centre unicamente na aprendizaxe específica, senón tamén nas fortalezas” do alumno con discapacidade visual. “Cómpre apostar por unha estratexia de intervención máis global, que inclúa, ademais, aos compañeiros de aula. Eles tamén precisan saber o que supón a cegueira para poder relacionarse e aprender xuntos”, salienta.

No seu conxunto, esta serie de barreiras sitúan ao alumnado con discapacidade visual “nunha posición de desvantaxe”, que ten consecuencias na súa motivación, que pode favorecer á “creación de relacións asimétricas” e que “condicionan a súa autonomía e o seu potencial de aprendizaxe”, sinala Carballo. De aí que poña de relevo que á vez que a escola pode axudar á inclusión das persoas con discapacidade visual, as súas estruturas organizativas tamén poden contribuír a “diferencialos debido á súa condición visual”, favorecendo o seu “illamento social”. 

A inclusión é un dereito

“A participación non significa que o neno estea na aula, nin tampouco que sexa apoiado pola profesora da ONCE nun horario determinado. A participación e a inclusión significan partir dun currículo que respecte a diversidade e de metodoloxías que afronten e recoñezan activamente as distintas maneiras de aprender dos estudantes”, defende Carballo. Nese senso, un dos aspectos que subliña a investigación é a necesidade de vincular a participación das persoas cegas aos dereitos humanos, a través de cambios lexislativos que garantan “a accesibilidade das contornas e ferramentas de aprendizaxe” ao longo do seu itinerario formativo, de tal xeito que isto non dependa da responsabilidade individual do profesorado, que “cada vez máis” fórmase na atención á diversidade, pero que se ve limitado por “un sistema educativo ríxido”, sinala. 

Carballo salienta así mesmo que son necesarios “novos plans de formación do profesorado que inclúan enfoques e metodoloxías de traballo colaborativo, que melloren a súa participación na aula”. Neste senso, alude á necesidade de incluír “os aspectos básicos do sistema braille como elemento na formación inicial do profesorado”, así como contidos centrados na accesibilidade, tanto á hora de transmitir información como de elaborar materiais para aula. A tese avoga nese senso “de maneira decidida” pola planificación de “accións conxuntas de formación” que reúnan ao profesorado dos centros de ensino e aos docentes da ONCE.