DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O documento estará en exposición pública ata o 26 de agosto

Transversalización de xénero en ámbitos estratéxicos, distintivos para centros ou unha ludoteca provisional, propostas do III Plan de Igualdade da UVigo

O reforzo da formación con perspectiva de xénero é outro dos obxectivos centrais do plan

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 22/07/2020

"Este plan defínese pola vontade de dar resposta a todas as demandas da comunidade universitaria de acadar unha sociedade máis xusta e de maior calidade, que coloque a 'vida' no centro". Con estas palabras resume a directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, o espírito do III Plan de Igualdade, que a institución académica acaba de poñer a exposición pública na procura das achegas da comunidade universitaria, "que é a única forma de que considere este plan como propio, a través dos procesos de participación democrática no proceso de elaboración do mesmo", sinala Gómez.

O novo Plan, aínda que ten un carácter continuista respecto do seu antecesor e mantén a estrutura en catro eixos principais, afonda, segundo a directora da Unidade de Igualdade en certos ámbitos vinculados a estas catro liñas de traballo, "con propostas de accións innovadoras que pensamos que poden axudar á consecución dos obxectivos propostos". Así, no primeiro eixe, Cultura e igualdade na UVigo, o novo plan incorpora un distintivo de igualdade que se outorgará aos centros que cumpran unha serie de requisitos a prol da igualdade nos plans de estudo, materias e contidos con perspectiva de xénero, paridade nos cargos, etc, e que se concretará nun premio monetario que deberá utilizarse para realizar máis actividades que fomenten a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

No caso do Eixe II, Proxección social da UVigo con perspectiva de xénero, mantéñense moitas das actividades anteriores e incorpórase "unha moi ambiciosa", recoñece Águeda Gómez, favorecer o deseño de orzamentos con perspectiva de xénero. Neste sentido o documento apunta que tradicionalmente os orzamentos públicos foron sempre tratados como «cegos ao xénero», de xeito que a súa planificación, realización e posta en funcionamento afectaba supostamente de xeito igualitario a mulleres e homes. "Non obstante, a neutralidade de xénero nas finanzas públicas non existe, pois constátase que a ausencia da análise de xénero na realización dos orzamentos traducirase en impactos ben distintos para mulleres e homes", explica Águeda Gómez, que apunta que a situación da desigualdade entre mulleres e homes obriga a ter en conta a perspectiva de xénero no conxunto de decisións económicas relativas á planificación e á xestión dos orzamentos: que bens e servizos producir, como producilos e a quen dirixir esa produción. Neste mesmo apartado, o plan segue a incidir na transversalidade de xénero ou mainstreaming en ámbitos considerados estratéxicos como a responsabilidade social; prevención de riscos laborais, "as salas de lactación foron unha acción neste senso", lembra a directora da Unidade; así como na calidade, cooperación; asesoría legal ou nas axudas de acción social.

Reforzar a docencia con perspectiva de xénero e ludoteca ocasional

Co obxectivo principal de "intentar reducir as fendas de xénero en todos os espazos universitarios para acadar unha institución máis xusta e respectuosa cos dereitos humanos, ademais de favorecer unha ciencia sen nesgos de xénero para aspirar á excelencia científica", detalla Águeda Gómez, o III Plan de Igualdade demorou a súa elaboración "máis do desexado" debido, por unha banda, ao participativo do proceso e, pola outra, ao contexto extraordinario derivado da covid-19.  

Partindo dunha avaliación do grao de cumprimento do anterior plan, no que se concluíu que se fixera máis do 50% do establecido, o III Plan de Igualdade achega ao Eixe III, Docencia, investigación e transferencia de coñecemento con perspectiva de xénero, o que a directora da Unidade de Igualdade considera máis novo: o reforzamento da incorporación da docencia con perspectiva de xénero cunha oferta formativa en liña, que xa se está a desenvolver co Itinerario Virtual de Formación en Xenero; o reflotamento do máster propio de xénero "tan exitoso como o que houbo hai uns anos", así como facilitar ferramentas gratuítas para incorporar a perspectiva de xénero na docencia, como vai ser a publicación de once guías docentes con perspectiva de xénero que abranguen ámbitos como Informática, Dereito, Física ou Historia. Respecto do ámbito da investigación e transferencia, o plan  avoga por continuar coa coordinación que se está a manter con esta vicerreitoría "de forma moi satisfactoria", sinala a directora da Unidade de Igualdade.

Respecto do Eixe IV, Condicións sociolaborais con perspectiva de xénero, as novidades principais pasan pola creación dunha ludoteca ocasional para cubrir as necesidades puntuais do persoal en relación coa conciliación para eventos, congresos ou atender os momentos entre o tempo laboral e a apertura das escolas. A incorporación dos estándares do selo HRS4R; valorar a viabilidade de fórmulas destinadas a favorecer o coidado de familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, máis alá dos permisos de hospitalización; crear unha rede de profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado para apoiar as persoas vítimas de acoso sexual, acoso por razón de sexo e violencia de xénero, e difundir os protocolos de actuación nestes casos; e promover, na medida do posible, a inclusión de medidas de acción positiva nos criterios de promoción profesional da universidade, sempre respectando os criterios de calidade e competencia, similar a medida de "acción positiva" aprobada o pasado ano para as convocatorias de docencia, investigación e transferencia propias da UVigo, son outras medidas contempladas neste cuarto eixo do Plan.

Asi mesmo, no caso do traballo remoto, "mal chamado teletraballo", puntualiza Gómez, coa covid-19, considera a directora da Unidade de Igualdade que se amosou como un complemento para a conciliación "pero non como a solución, polo que avogamos por favorecer accións que harmonicen o traballo presencial habitual co traballo remoto para actividades concretas: formación en liña ou algunhas reunións de traballo".

Un plan que reúne as actuais demandas sociais

O documento, que parte da proposta da Comisión de Igualdade, a partir dun primeiro borrador elaborado pola Unidade de Igualdade, foi incorporando no seu proceso de redacción as achegas de cada unha das persoas que integran a comisión, así como dos enlaces de igualdade que hai en cada centro. Desde o pasado luns, coa súa exposición pública a toda a comunidade universitaria, ábrese un prazo dun mes para a presentación de alegacións a este III Plan de Igualdade da Universidade de Vigo, "no que quixemos aunar as actuais demandas sociais acorde cos tempos actuais do #Metoo; # Hermanayositecreo; #Ninunhamenos e da importancia central dos coidados para a supervivencia social, que coa covid-19 púxose no centro da axenda pública", sinala Águeda Gómez, que destaca a importancia do compromiso do equipo de goberno e de toda a comunidade en xeral coa igualdade, para acadar os obxectivos deste plan e incluso amplialos indo máis aló.