DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A FFT acolleu unha xornada de prevención e sensibilización sobre violencia sexual na mocidade

Trata, acoso, mutilación xenital, matrimonio forzoso: a violencia sexual ten rostro de muller 

Media ducia de expertas inciden na importancia da denuncia e a formación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 26/03/2019

“Estade alerta e mantede a loita”. Con esta mensaxe rematou a intervención de Pilar Martín Nájera, fiscal de sala delegada contra a Violencia sobre la Mujer de la Fiscalía General del Estado, que esta mañá abriu a Xornada de prevención e sensibilización sobre violencia sexual na mocidade, celebrada na salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución. Organizada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia en colaboración coas unidades de igualdade das tres universidades galegas, na xornada participaron como poñentes, ademais de Pilar Martín, a docente en Comunicación da Universidad de Burgos María Isabel Menéndez, que falou sobre violencia sexual na prensa; a antropóloga da USC Guadalupe Jiménez, que abordou a violencia cotiá na estrutura patriarcal; a activista feminista e vítima de trata Amelia Tiganus que achegou o seu testemuño como vítima de violencia sexual comercial e as fundadoras de Towanda Rebels, Teresa Lozano e Zúa Méndez, que centraron a súa intervención no porno e na censura da que son vítimas estas youtubeiras por parte dalgunhas das grandes redes sociais.

A intervención da fiscal de sala delegada contra a Violencia sobre la Mujer de la Fiscalía General del Estado, na que Martín Nájera incidiu no carácter cultural e estrutural da violencia de xénero e na necesidade investir en educación e formación das e dos operadores de xurídicos, estivo precedida da inauguración da xornada na que o reitor da Universidade de Vigo denunciou a desigualdade que considera aínda existe na sociedade en xeral e nas institucións académicas en particular. “Unha sociedade non será xusta e feliz ata que sexa feminista e igualitaria”, asegurou Reigosa, que lamentou o rexurdir de discursos “nos que sen rubor se atacan as leis de igualdade”, así como a perda de pulo que considera ten a mocidade na defensa dalgunhas manifestacións de violencia en contra das mulleres. 

Pola súa banda, a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, destacou a responsabilidade das institucións de trasladar á sociedade un problema como a violencia sexual que “nos ocupa e preocupa”. Para López Abella, que lembrou o incremento rexistrado no número de agresións sexuais en 2018 respecto do ano anterior, tanto no conxunto do Estado (1702) como en Galicia (56), asegurou que “cómpre facer visible e denunciar a violencia sexual para previla e acadar unha maior sensibilización”. Mentres, a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, a directora da Unidade de Igualdade e a vicedecana da Facultade de Filoloxía e Tradución agradeceron ás poñentes a súa participación e destacaron o compromiso da Universidade nas cuestións de xénero coa realización deste tipo de actividades.

Medo; silencio; humillación…

… vulneración dos dereitos humanos; ataque á dignidade. Isto é, segundo Pilar Martín Nájera, a violencia de xénero, “e se non se remedia a violencia, non haberá igualdade”, asegurou a fiscal de sala delegada contra a Violencia sobre la Mujer de la Fiscalía General del Estado na súa intervención, coa que se abriu a Xornada de prevención e sensibilización sobre violencia sexual na mocidade. Martín lembrou, que segundo datos da ONU hai no mundo máis de 1000 millóns de mulleres sen protección xurídica fronte á violencia sexual, e aínda que recoñeceu que moito se avanzou en España nos últimos 15 anos desde a aprobación da Ley Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra la Violencia de Género, “non podemos baixar a garda, porque aínda que España é un lugar privilexiado, non se pode permitir que se mate a unha muller por selo”. Tras lembrar algunhas das conclusións que se tiran do último barómetro sobre a percepción que a mocidade ten sobre a violencia de xénero, Pilar Martín afondou no seu carácter cultural e estrutural, “que se basea en estereotipos, nunha sociedade que atribúe papeis en función do xénero”, lamentou.

Pilar Martín demandou unha maior educación da mocidade no uso da redes sociais para evitar que se convertan nun instrumento de acoso, así como que os medios xudiciais poidan protexer e evitar os efectos da violencia a través da redes. “E un segundo reto que temos, acorde co Convenio de Istambul, é ampliar o concepto de violencia de xénero, acorde con este convenio, aprobado polo Consello de Europa e ratificado por España”, explicou a fiscal, que lembrou que non se pode circunscribir a violencia de xénero á que só se produce no ámbito da parella, senón que deben considerarse como violencia de xénero todas aquelas manifestacións que afecten de xeito desproporcionado á muller. Tal é caso da violencia sexual da que un 84% das vítimas son mulleres; a trata con fins de explotación sexual, “a escravitude do século XXI”, dixo Martín, e na que un 92% das persoas afectadas son mulleres; o acoso e ciberacoso; a mutilación xenital ou o matrimonio forzoso. Facendo súas as recomendacións que a Convención para a Discriminación das Nacións Unidas fixo a España no ano 2018, Pilar Martín demandou maior investimento en educación e formación dos operadores xurídicos para erradicar a violencia de xénero de avanzar en igualdade.

Para finalizar, a fiscal lembrou que o Convenio de Istambul tamén incide na necesidade de atender ás e aos menores que sofren a violencia que se vive no seo da súa familia e rematou asegurando que “esta é unha loita de todos e todos debemos sentirnos afectados e cando alguén presencia unha manifestación de violencia debe sentirse ofendido, porque se está a atacar o noso sistema de valores”, asegurou Martín, que rematou pedindo que ninguén sexa consentidor ou consentidora destas situacións.

O testemuño en primeira persoa das vítimas

Na quenda de debate posterior á intervención da fiscal, tomou a palabra Margarita Dopico, nai de Pablo, un neno de 14 meses asasinado no ano 2010 polo seu pai e exparella de Margarita, no municipio coruñés de Paderne, preto de Betanzos. Dopico denunciou a falta de apoio da Fiscalía no xuízo contra o garda civil ao que denunciou por omisión de socorro cando acudiu ao cuartel para denunciar a desaparición do seu fillo e as ameazas da súa ex parella, antes de que este cometese o parricidio. “Sinto que hai violencia estrutural e que estamos totalmente desamparadas e esquecidas”, dixo Dopico, tras lamentar que o garda civil saíse absolto no xuízo. 

Martín pediu perdón como Fiscalía á nai do pequeno asasinado, “algo que nunca se reparará”, dixo, aínda que asegurou que non podía falar dun caso do que non tiña coñecemento dos seus detalles. Por outra banda, a fiscal, tras escoitar o testemuño dunha asistente á xornada que durante cinco anos foi vítima de acoso a través do móbil e o ordenador por parte da súa ex parella, reiterou a importancia da formación dos operadores xurídicos e forzas e corpos de seguridade para dar unha atención axeitada ás vítimas de violencia de xénero.