DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado do PUM realiza a revista dixital ‘Gaudeamus’, cuxo último número editouse en papel

Tres anos exercendo como a “voz sénior” do campus

O seu editor, Miguel Ángel Yebra, é o novo presidente da asociación Asaexs

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 21/06/2019

Grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, nas últimas semanas puido distribuírse no campus a sexta entrega de Gaudeamus. A voz sénior do campus de Pontevedra, a revista dixital que desde 2016 realiza un grupo de participantes no Programa Universitario para Maiores e que por primeira vez viu a luz en formato físico. “Pretendía que a revista fose a voz dos denominados estudantes sénior do campus de Pontevedra”, salienta o seu impulsor, Miguel Ángel Yebra, dunha publicación “humilde” que reúne as achegas de diferentes alumnos e alumnas do PUM á vez que dá conta da propia actividade do colectivo sénior do campus. 

Historia, turismo, literatura ou saúde figuran entre as temáticas abordadas por unha decena de alumnos e alumnas sénior no último número de Gaudeamus, no que hai espazo tanto para falar das escolas na II República como dos cruceiros de Pontevedra, á vez que para a poesía ou a fotografía. “A temática é moi variada”, recoñece Yebra da publicación que impulsou tras atoparse no Programa para Maiores con persoas cunha ampla “bagaxe profesional e afeccións e actividades paralelas de non menor valor”, o que o levou a pór en marcha unha publicación que servise como “unha plataforma que puidese recoller calquera iniciativa de exteriorización destas actividades”.

Gaudeamus naceu así mesmo sen unha periodicidade definida, aínda que foise “consolidando a secuencia de dous números ao ano”, de tal xeito que a comezos de 2019 incorporaba á súa web o seu sexto número, posteriormente editado tamén en papel. Trátase dun “feito puntual”, recoñece Yebra, que sinala como obxectivo para os próximos anos tentar combinar a saída de dous números dixitais con novas tiradas en papel. Por outra banda, co propósito de garantir a súa continuidade, a revista pasou a inserirse nas actividades da asociación de alumnado e ex-alumnos sénior do campus Asaexs, que prevé formar un “comité de redacción que potencie aspectos que precisan de maior atención, como a incorporación de novos redactores, a ampliación de contidos ou melloras na difusión e distribución”. 

Nova directiva de Asaexs

A finais de maio, Yebra converteuse así mesmo no novo presidente de Asaexs, tomando o relevo de José María Fernández á fronte dunha directiva que completan Gloria Pérez, Concepción Mumary, José Luis Fernández, Concha García e José Manuel Naveiro. Pór en valor o colectivo de estudantes sénior na sociedade e servir de conexión entre este e a Universidade son algúns dos obxectivos salientados por Yebra para esta etapa. Nela, engade, buscan dar continuidade “á intensa labor que viña desenvolvendo a xunta directiva anterior”, á vez que “promover novas ideas”, así como levar a cabo actividades complementarias ás do propio programa ou ofrecer orientación e apoio ao novo alumnado sénior do campus.

As saídas de estudos marcan o final do curso 

O remate do curso no programa viu por outra banda marcado polas saídas de estudo que, no marco das actividades de diferentes materias do programa integrado do PUM, levaron nas últimas semanas ao alumnado á Coruña, Santiago ou Ferrol, onde participaron en visitas e actividades relacionadas coas temáticas das materias cursadas. Así, por exemplo, no caso de Santiago, o alumnado puido coñecer, acompañado polos seus docentes, a sede da Real Academia Galega na Coruña ou coñecer diferentes exposicións no Museo da Cidade da Cultura e no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago.