DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun concurso de vídeos enmarcado no seu plan anual de actividades

A UCC+i convida o persoal investigador a convertese de youtubers científicos

Trátase de impulsar esta faceta de comunicación social e fomentar a divulgación

Etiquetas
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 17/01/2022

Dar a coñecer e proxectar a investigación máis aló dos laboratorios e achegala á sociedade. A divulgación é unha das funcións fundamentais das universidades, xunto coa docencia e a I+D, e a Unidade de Cultura Científica quere implicar o PDI nestas tarefas. Así, no marco do seu plan anual de actividades Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología-Ministerio de Ciencia e Innovación, organiza a primeira edición do concurso de vídeos Youtubers científicos. O obxectivo é que as persoas participantes elaboren un vídeo dunha duración máxima de dous minutos no que expliquen o seu traballo ou calquera outro contido científico dunha forma divulgativa e amena.

O que se pretende dende a UCC+i con este certame é darlle visibilidade ao traballo investigador ato tempo que se forma o PDI en temas de divulgación e comunicación social da ciencia. O único requisito para participar é ser persoal investigador da UVigo. Os vídeos deberán estar en formato mp4 e gravados en horizontal e poden presentarse tanto en galego como en castelán. No que respecta ao contido, poden versar sobre investigacións, proxectos ou contidos científicos ou tecnolóxicos e, para enriquecelos, os investigadores poden empregar elementos como ilustracións, gráficos, animacións, etc. que axuden a captar a atención da audiencia. Non obstante, non se poderán presentar traballos realizados por profesionais, axencias ou difundidos ou publicados con anterioridade á data do concurso. 
As propostas deberán enviarse antes do 17 de febreiro a ucc@uvigo.gal, indicando no correo nome e apelidos completos, DNI e un teléfono de contacto, preferiblemente o teléfono móbil do autor ou autora. 

Premios do xurado e do público

O concurso comprende dous premios, un que será outorgado polo xurado e outro cuxo fallo corresponderá ao público, ambos consistentes nun lote de produtos de iniciación para vídeo blogging, valorado en arredor de 100 euros.
No que se refire ao primeiro galardón, o xurado estará composto por persoas vinculadas á comunicación, divulgación, investigación ou educación, que basearán a súa decisión en tres aspectos dos traballos presentados. Por unha banda, no que atinxe ao contido, terase en conta o emprego dunha linguaxe sinxela, que evite tecnicismos e xerga científica, e dun estilo divulgativo, que permita a comprensión do contexto, do tema e da súa importancia por un público non especializado, pero sen perder de vista a rigorosidade científica. Por outra banda, valorarase a creatividade e o uso adecuado e atractivo de elementos que enriquezan o contido e, como terceira vertente, avaliarase a calidade técnica do vídeo, atendendo tanto ao son como á imaxe.

No que se refire ao premio do público, os vídeos subiranse á canle de YouTube da UCC+i e será a peza que acada máis ‘gústame’ a gañadora. As votacións estarán abertas entre o 18 e o 24 de febreiro. A mesma persoa non pode recibir ambos premios e, no caso de que coincida, terase en conta a segunda opción máis votada na canle de YouTube da UCC+i.

Os fallos do xurado e do público anunciaranse o 25 de febreiro do ano 2022.

Curso formativo

En relación con este concurso, a UCC+i deseñou unha formación para o persoal investigador da UVigo, un curso en liña titulado Claves para o vídeo divulgativo perfecto, que será impartido por Clara García Gorro, bioquímica, doutora en neurociencia pola Universidade de Barcelona e creadora da canle de YouTube Cerebrotes. O obradoiro terá lugar os días 26 e 27 de xaneiro de 10.30 h a 12.30 h e oferta 50 prazas. O prazo de inscrición está aberto ata o día 24 de xaneiro. 

A actividade ofrecerá ao persoal investigador formación sobre como realizar un vídeo divulgativo de calidade, como subilo correctamente a YouTube e como mellorar o seu visionado. Así, o mércores impartirase un módulo sobre comunicación, no que as persoas asistentes aprenderán a adaptar a mensaxe ao medio e ao público obxectivo, a facer visibles os vídeos e a escribir guións, gravar e editar. A xornada do xoves será eminentemente técnica, centrada en aspectos relacionados coa iluminación e o son, a edición ou o proceso de subida das pezas a YouTube.