DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A próxima semana terá lugar un curso de formación previo para as persoas interesadas en participar

A UCC+i convoca a segunda edición do concurso de vídeos 'Youtubers Científicos'

Trátase de que o PDI difunda o seu traballo nun vídeo de menos de dous minutos de forma divulgativa

Etiquetas
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
M. Del Río DUVI 26/05/2023

Que a ciencia non se quede nos laboratorios e que o coñecemento que se xera nas universidades e nos organismos de investigación se espalle pola sociedade e repercuta no seu benestar. Son os obxectivos fundamentais da divulgación, unha faceta que cada vez ten máis presente o persoal docente e investigador pero que cómpre de certos coñecementos, claves e estratexias.

Para mellorar a súa capacitación neste eido, a Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo comezou a poñer en marcha o curso pasado o concurso de vídeos Youtubers Científicos e un curso de formación paralelo. Tras unha primeira edición moi exitosa, a UCC+i lanza agora a segunda.
O concurso desenvolverase entre os días 1 e 12 de xuño, tempo que terán o persoal científico e investigador para, nunha peza audiovisual de menos de dous minutos, dar a coñecer o seu traballo ou outro contido científico ou tecnolóxico. O reto é que o fagan du xeito divulgativo e ameno, potenciando así a visibilidade das liñas de investigación e proxectos que desenvolven e achegando, potenciando a comunicación social e fomentando a divulgación dentro da institución educativa.

Os vídeos participantes publicaranse na canle de YouTube da UCC+i para a súa difusión e valoración por parte do público entre o 15 e o 19 de xuño. Paralelamente, tamén un xurado elixirá, segundo criterios de contido, creatividade e calidade técnica, un segundo ganador. Deste xeito, outorgaranse dous galardóns, o do xurado, que se anunciará o 20 de xuño, e o do público, que será para o vídeo que acade máis ‘gústame’. En ambos casos, as persoas recibirán un paquete de produtos de vlogging, valorado en 300 euros.

Para poder participar, o persoal investigador da UVigo terá que enviar os seus vídeos ou ligazón de descarga á conta de correo electrónico da Unidade de Cultura Científica e da Innovación: ucc@uvigo.gal indicando no asunto: Participación no concurso de vídeos Youtubers científicos. No corpo do correo será necesario indicar o nome e apelidos completos, DNI e un teléfono de contacto. Nesta ligazón pódense consultar as bases.

Segunda edición dun curso con moi boa acollida

Previamente ao certame, terá lugar un curso de formación que o curso pasado, na súa primeira edición, encheu as 50 prazas ofertadas, sendo mulleres o 58,3 % das persoas inscritas e o 41,7% homes. A docencia será impartida entre os días 29 e 30 de maio por Tamara Pazos, comunicadora científica en distintas plataformas como o podcast Un humano por persona ou as canles de Instagram e YouTube Putamen_T, onde fala de bioloxía e neurociencia aplicadas ao ámbito da saúde e da influencia do contexto socioeconómico na mesma. Tamén e autora de dous libros La biología aprieta pero no ahoga e Este libro te hará vivir más o por lo menos mejor.

Nas dúas xornada de formación  abordará aspectos técnicos como gravación, edición ou estratexias de programación e posicionamento. Por outro lado, tamén se desenvolverán outras cuestións como a adaptación da mensaxe ao público e ás distintas plataformas, ou ben, a procura de información ou entretemento.

Ambas iniciativas, o concurso e a formación, enmárcanse dentro do plan anual Ciencia de ida e volta, coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología-Ministerio de Ciencia e Innovación.