DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun congreso internacional que se desenvolverá no Pazo da Cultura o 8 e 9 de novembro

As últimas innovacións en deporte e saúde reunirán máis de 200 persoas en Pontevedra

O seu programa reúne 16 conferencias e a presentación de máis dun cento de investigacións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Deportes
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 23/09/2019

Coa previsión de reunir máis de 200 participantes e o obxectivo de “abordar temas de grande actualidade e preocupación para a sociedade”, segundo salienta a organización, o XV Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e a Saúde celebrarase os días 8 e 9 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Promovido polas universidades de Vigo e A Coruña, o Concello de Pontevedra e as asociacións Sportis e Educa, este evento reúne no seu programa 16 conferencias centradas en diferentes aspectos relacionados co deporte, a educación física, a saúde, o rendemento e a nutrición, xunto á presentación de preto dun cento de traballos de investigación.

O profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e presidente do comité organizador, José Luis García Soidán, e o docente da UDC e secretario xeral do congreso, Víctor Arufe, presentaron este luns o programa deste evento xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o director da Área de Cultura, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, e a xefa do Servizo de Deportes e Idade Escolar da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Belia Méndez. “Este congreso é xa unha referencia no Estado, é unha cita obrigada para a xente que está na vangarda da actividade física”, salientou Fernández Lores respecto dun evento que, segundo apuntou Arufe, prevese que poida reunir neste 2019 “entre 200 e 300 persoas”. O secretario xeral do comité organizador agradeceu na súa intervención o “apoio continuo” do Concello e a Vicerreitoría do campus a esta actividade, que neste 2019 traslada á súa celebración de maio a novembro. “Levamos 15 anos e cada vez temos algo novidoso, empezando polas propias datas”, engadiu García Soidán respecto dun evento que “segue mantendo o interese e no que contamos con colaboracións internacionais”. Pola súa banda, Morquecho puxo o acento en que, polas súas áreas temáticas, trátase dun congreso “que parece que está feito para Pontevedra”.

Cinco áreas de análise

Un total de 16 conferencias plenarias centrarán os “dous intensos días” de actividade dun congreso que, como apuntou Arufe, reunirá no Pazo da Cultura a conferenciantes chegados de distintos puntos de España, así como de Alemaña e Portugal. Estruturado en cinco áreas, o evento porá por unha banda o foco, no apartado dedicado á educación física, en aspectos como “innovación e educación física, gamificación na aula, rendemento académico e práctica de exercicio físico e o traballo dos valores a través do deporte”, nunha serie de conferencias “principalmente destinadas ao profesorado que imparte docencia nesta área en todos os niveis educativos”.

No relativo a saúde, as e os participantes abordarán aspectos como o papel do deporte “na prevención de patoloxías asociadas ao sedentarismo”, mais tamén na súa aplicación no ámbito da rehabilitación e no desenvolvemento de programas dirixidos a persoas con sobrepeso e obesidade e en pacientes oncolóxicos, este último, eixo da conferencia de Aida Tórtola, investigadora do Instituto Profesional de Educación Física y Cáncer. 

No eido deportivo, falarase de disciplinas alternativas e de iniciación deportiva, mentres que no ámbito do rendemento porase o foco en aspectos como “a planificación da carga de adestramento” ou a aplicación da termografía infravermella para a prevención e seguimento de lesións, nunha conferencia de Ismael Fernández, da Hannover Medical School. Por último, entre as áreas de análise do congreso figura tamén a nutrición, que achegará ao evento a expertos “no ámbito das dietas para deportistas”, pensadas tanto para antes como para durante a competición.

Inscricións ata o 27 de outubro

Con prezo de inscrición reducidos para diferentes colectivos, entre eles, alumnado universitario, o congreso manterá aberta a súa inscrición ata o 27 de outubro. “Xa temos confirmados tamén participantes de diferentes países de América Latina”, apuntou Arufe respecto dun evento que se completará coa presentación de preto de 100 traballos de investigación, nas sesións dedicadas a pósters e comunicacións.