DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está aberto a alumnado de Primaria e ESO da provincia de Ourense

Últimos días para participar no V Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O prazo de presentación de propostas remata o 20 de xaneiro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Ourense 18/01/2021

O prazo para presentarse ao V Concurso Escolar de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, aberto á participación de alumnado de Primaria e ESO da provincia de Ourense, remata o día 20 de xaneiro. A iniciativa enmárcase dentro das accións que cada curso académico organizan a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense co gallo da celebración o día 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Os obxectivos deste certame, que conta co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, son promover o coñecemento por parte do alumnado do papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e das súas achegas ao desenvolvemento humano ao longo da historia; establecer un certame que axude a que se visualice o papel das mulleres na ciencia e na enxeñaría e que reflicta como son vistas pola sociedade, e chamar a atención do alumnado sobre a ciencia, a enxeñaría e a súa contorna. Pode participar neste concurso o alumnado de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria matriculado en calquera centro educativo que pertenza á provincia de Ourense.

Modalidade visual e literaria

O certame conta con dúas categorías, unha de Educación Primaria e outra de ESO, e dúas modalidades. A modalidade visual abrangue debuxos con calquera material (lapis de cores, rotuladores, recortes para colaxe...) e recursos como o son, o vídeo ou a fotografía para crear obras ou propostas artísticas. A peza presentada deberá ser unha obra inédita e orixinal. A modalidade literaria está destinada a manuscritos que poderán estar escritos a man ou a ordenador e que, en calquera caso, enviaranse en formato dixital ao enderezo da organización do concurso. A extensión máxima do traballo será de aproximadamente 900 palabras e deberá ser unha obra inédita e orixinal, indicando desde a organización que non pode ser “un resumo do que xa está escrito na web”. Os traballos poderán estar escritos en galego ou en castelán nos xéneros de poesía e narrativa (contos, relatos).

Os traballos deberán tratar sobre “a visión do alumnado do papel das mulleres na ciencia con temas como os seguintes: que sabes dos descubrimentos das científicas pioneiras?; anímaste a debuxar unha científica?; inventoras e os seus inventos; anécdotas ou historias da túa contorna persoal: a miña avoa científica, a miña tía enxeñeira?”. A temática das propostas ten que tratar sobre as mulleres na ciencia e na enxeñaría ou nas tecnoloxías TIC. A selección dos traballos gañadores realizarase por proposta dun xurado composto por docentes dos centros organizadores. Os criterios de avaliación serán os seguintes. Na modalidade visual valorarase “a calidade técnica, a orixinalidade, a creatividade e o tratamento da temática do concurso” e na literaria “o estilo, a capacidade de razoamento, a orixinalidade e o tratamento da temática do concurso”. A entrega de premios será nun acto especial que terá lugar na primeira quincena de febreiro coincidindo cos actos de conmemoración do Día internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Haberá tres premios por cada unha das categorías e das modalidades.