DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de matrícula está aberto ata o 13 de setembro

A Unidade de Igualdade lanza a terceira edición do Itinerario virtual de formación en xénero

Máis de 1850 persoas participaron neste programa formativo nos meses de marzo e maio

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 15/07/2020

Tras o éxito das dúas primeiras edicións do Itinerario virtual de formación en xénero, nas que participaron máis de 1850 persoas, a Unidade de Igualdade ten xa deseñada unha nova edición deste programa que trata de dar resposta ás necesidades de formación en xénero da comunidade universitaria, propóndolle un itinerario virtual composto por nove cursos de diversas temáticas, entre os que hai dúas novidades: Comunicación e xénero e O xénero no século XXI.

Este itinerario, que se desenvolverá de xeito virtual a partir do 14 de setembro, desenvólvese co apoio da Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado da Universidade de Vigo e  grazas ao apoio financeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade, explica que antes incluso de abrir a inscrición (onte martes) xa recibiron bastantes chamadas “interesadas en inscribirse xa, polo que consideramos que se manteñen a alta demanda e interese por este itinerario, incluso fóra da nosa Universidade. As persoas están amosando unha gran demanda por poder cursalo”. De feito, as dúas primeiras edicións confirman ese interese xeral por este itinerario. Na primeira, que arrancou no mes de marzo, xunto cando se decretaba o estado de alarma, participaron 1200 persoas. Mentres, na segunda, que se iniciou en maio, foron 656 persoa inscritas en total, explica Águeda Gómez: no curso de introdución 96 persoas; no de conciliación 64; no de economía 173, no afectivo-sexual 76, no de educación 91, no de normativo de xénero 91 e no curso sobre o acoso sexual 65 persoas.

Para a responsable da Unidade de Igualdade, o feito de que esta acción formativa nacese e se desenvolvese no marco da crise sanitaria e do confinamento “pode que axudase a que tivese moi boa acollida, pero o que realmente foi esencial é a forte demanda que xa estábamos detectando en estudos e diagnósticos previos, principalmente entre o alumnado, dunha forte demanda de formación en xénero e formación feminista, algo que resulta un reflexo dos cambios sociais que aconteceron na nosa sociedade dende hai cinco anos coa fortaleza do movemento feminista e, sobre todo, a resposta masiva de mulleres fronte as violencias sexuais que sufrimos polo feito de ser mulleres: estamos no tempo do #MEtoo, #Hermana, yo sí te creo, #cuéntalo ou #Niunamenos. Isto é o principal e, por suposto, a demanda de formación en liña en tempos da covid-19 tamén axudou neste senso”.

Dous cursos novos

O itinerario consta de nove cursos en total. Mentres o de introdución á perspectiva de xénero terá 40 horas de duración, os outros oito (O acoso sexual e acoso en función do sexo: unha xustiza invisible; A perspectiva de xénero na educación; Educación afectivo-sexual; Economía de xénero; A sostibilidade da vida no centro. Conciliación e corresponsabilidade; Normativa básica de xénero; Xénero no século XXI e A comunicación e o xénero) terán 15 15 horas de docencia. Estes dous últimos cursos son as principais novidades desta terceira edición. O de Comunicación e Xénero será impartido pola profesora Isabel Menéndez, da Universidade de Burgos, e abordará o tratamento informativo das noticias e a comunicación e a necesidades de incluír a perspectiva de xénero. Pola súa banda, o curso O xénero no século XXI, será impartido pola profesora da UVigo Beatriz Suárez Briones e ten como obxectivo achegarse aos debates sobre o termo ‘xénero’ na actualidade. A directora da Unidade de Igualdade tamén engade que se vai implementar un sistema de certificación automatizado que as persoas inscritas poderán descargar, unha vez superen o curso.