DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A catedrática Mar Jimeno falou sobre a súa evolución

A Unión Europea, motor de cambio dos procesos xurídicos españois

Nunha conferencia celebrada na Facultade de Dereito

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 29/11/2019

Baixo o título Un proceso europeo para o século XXI, Mar Jimeno Bulnes, catedrática de Dereito Procesual da Universidad de Burgos, ofreceu este venres unha conferencia na Facultade de Dereito do campus de Ourense. Nela abordou como a Unión Europea, a través das súas directrices e xurisprudencia, está a transformar os procesos xurídicos españois, centrándose de xeito especial no ámbito do dereito procesual.

A súa intervención pechou a programación de 2019 do Curso de Actuación Xurídica da Facultade de Dereito. Esta iniciativa, organizada polo centro, está destinada a actualizar os coñecementos de alumnado e profesorado en diferentes áreas do dereito a través dunha serie de conferencias de especialistas nas que se abordan cuestións de actualidade xurídica que teñen unha compoñente transversal. Tendo en conta estas características do curso, explicou Mar Jimeno antes da súa intervención, no seu caso escolleu como tema de intervención o proceso no século XXI, falando xa dun proceso europeo dada “a forte influencia da Unión Europea nel”. Así, indicou a catedrática, “cada vez máis a lexislación europea, véxanse as directivas e a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza Europeo, está incidindo nos lexisladores e xuíces españois”.

Algúns exemplos

O proceso no eido xurídico, indicou a profesora, pode definirse como o modo de resolución de conflitos. No século XXI, engadiu, “esta definición non cambia pero cambia o contexto”, xa que pasa dun ámbito estatal a un ámbito supranacional. “Antes situabámonos nun contexto nacional, regulado por normas nacionais, e o proceso era diferente en cada estado”. Co imperativo da lexislación da Unión Europea e a través da xurisprudencia dunha institución como é o Tribunal de Xustiza Europeo, engadiu, os procesos entre países vanse aproximando máis xa que “as directivas para España son as mesmas que para Alemaña ou para Francia e todas se teñen que adaptar”. No eido penal, detallou a especialista, isto tradúcese por exemplo na promulgación do que se chaman normas mínimas, habendo na actualidade normas mínimas en materia de dereitos procesuais do imputado e normas mínimas en materia de vítimas. Así, como exemplo das modificacións que trouxo esta evolución, Mar Jimeno lembrou como unha reclamación habitual dos colexios de avogados en España era a entrega do atestado en sede policial, que se logrou grazas á directiva europea de dereito á información de 2012.

Desde a perspectiva civil, do proceso civil, a catedrática falou de casos nos que o imperativo europeo influíu “na modificación de normas procesuais moi importantes para os consumidores, para os cidadáns”. Así citou o caso das cláusulas abusivas e a execución hipotecaria, obrigando a Unión Europea “a que o xuíz español teña que examinar de oficio a posible abusividade das cláusulas, cousa que antes non facía xa que non o impoñía a lei”. “Froito da xurisprudencia europea tívose que modificar a nosa lei procesual”, sinalou Jimeno.

En materia penal, no marco deste proceso de “europeización”, a profesora referiuse aos instrumentos de recoñecemento mutuo, deténdose en cuestións como a orde europea de detención e entrega (euroorde) e a súa aplicación no caso de Carles Puigdemont, fuxido en Bélxica. Así, lembrou como o mesmo día da sentencia do “procés” se volveu a reactivar a euroorde contra Puigdemont ao haber unha sentencia en firme de condena. A catedrática, que falou dos delitos contemplados e exentos de dobre incriminación, tamén indicou como cando se negociou a orde europea de detención e entrega foi “nun contexto de terrorismo, despois do 11 de setembro, da caída das torres xemelgas no ano 2000, e non se estaba pensando nin en sedición nin en nada parecido”.