DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O decano comisario Enrique Varela mantivo un encontro co reitor da institución salvadoreña

A Universidad Centroamericana José Simeón Cañas interésase pola experiencia na docencia virtual de Dirección e Xestión Pública

A facultade promove tamén este luns un coloquio arredor do libro ‘Fraternidad europea’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Institucional
DUVI Pontevedra 23/05/2022

A experiencia do Grao en Dirección e Xestión Pública, que o pasado curso converteuse no primeiro do sistema universitario galego cunha modalidade virtual, e os máis de dez anos de traxectoria do máster online en Dirección Pública e Liderado Institucional centraron o encontro que o decano comisario da facultade na que se integrarán este dous títulos, Enrique Varela, mantivo co reitor da Universidad Centroamericana José Simeón Cañas do Salvador (UCA), Andreu Oliva. No marco dunha acción KA107, do programa Erasmus +, Varela levou a cabo unha estadía na universidade salvadoreña, que se completou con varias xuntanzas con responsables desta institución académica, motivadas, explica, “polo interese que teñen nos nosos formatos de docencia en liña”.

Ademais da reunión con Oliva, na que participou tamén o director da Mestría de Administración Pública da UCA, José Antonio Morales, o decano comisario da Facultade de Dirección e Xestión Pública mantivo tamén encontros coa vicerreitora académica e con responsables de títulos de posgrao e doutoramento, cos que abordou “os límites e as posibilidades do e-learning”. Como lembra, a Universidade de Vigo asinou en 2018 coa UCA un convenio de cooperación educativa, “que pretendemos impulsar desde a facultade e o equipo de investigación Observatorio da Gobernanza G3, sobre todo en liñas de formación en administración e xestión pública e no adestramento de persoal académico e de administración en materia de virtualización dos graos e posgraos”. Nese senso, Varela sinala que o obxectivo agor é "avanzar" na colaboración coa institucón americana, tanto no referido a programas de intercambio como á posibilidade de desenvolver iniciativas conxuntas de docencia virtual. Nese senso, Varela destaca este encontro con Oliva como “moi relevante para a Facultade de Dirección e Xestión Pública porque supón, por un lado, a súa proxección internacional e, por outro, a transferencia de boas prácticas de e-learning cara universidades de América Latina”.

Ademais do seu encontro co reitor, Varela impartiu tamén varias sesións na Mestría en Administración Pública da UCA, centradas na “gobernanza e a reforma do estado”, no “impacto da formación nas administracións públicas” e implantación de modelos de ensino virtual nas universidades. A súa visita inseríase na acción KA-107 que coordina e que fixo posible nos últimos dous anos que dous investigadores e dous estudantes da UCA realizasen estadías no campus pontevedrés, á vez que permitiu que un estudante de Dirección e Xestión Pública se forme durante tres meses na institución centroamericana. 

Unha reflexión sobre o “estancamento” de Europa

Alén desta visita, a Facultade de Dirección e Xestión Pública promove tamén na tarde deste luns un coloquio en torno ao libro Fraternidad Europea, do escritor, economista e politicólogo galego Manuel Blanco Desar. Nunha presentación conducida polo profesor Celso Cancela e inserida nas actividades da Cátedra Unesco Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade, trátase dun coloquio dirixido a xerar un debate sobre o presente e futuro da UE a partir da visión "dunha persoa con moita experiencia" neste ámbito, "que é subdirector xeral de Relacións Exteriores coa Unión Europea da Xunta e que ten unha perspectiva relativamente crítica co proceso de integración e coa UE como está actualmente configurada", salienta Cancela. 

Neste acto Blanco Desar deu a coñecer unha publicación que presenta como “un libro para espertar aos cidadáns europeos da modorra”. No volume, este experto alerta de como o conseguido pola UE o pasado século “corre o risco de quedar estancado”, polo feito de que os “competidores” da Unión “avanzan moito máis rapidamente ca nós” en cuestións como o desenvolvemento científico e tecnolóxico. “Se queremos preservar o noso modelo social, o estado do benestar, vexamos porque nos quedamos estancados”, sostén o autor deste libro, no que lembra que as institucións comunitarias “foron deseñadas nos anos 50 para garantir a paz en Europa”, nun contexto “no que os estados europeos eran aínda predominantes en moitas áreas científico-técnicas”. Mais, subliñou, “ese modelo desapareceu e agora estamos noutro escenario”, que ao seu xuízo fai preciso que os países da UE avancen “cara unha maior integración” a través dun “modelo federal”. Nese senso, Blanco Desar lembra que o libro foi escrito durante a primeira fase da pandemia, na que se fixo patente ao seu xuízo “a absoluta decadencia de Europa, que era incapaz de proverse a si mesma de cousas tan elementais como máscaras”. De feito, no volume que centra este coloquio, este experto apunta como, antes da guerra de Ucraína, “a suma do que os estados europeos investían en defensa era tres veces maior que a de Rusia”, o que o leva a pór o foco no “erro” que supuxo a aposta por “incrementar esforzos en defensa” que sucedeu ao inicio deste conflito, xa que esta continúa realizándose dun xeito “absolutamente desagregado", o que implica "unhas grandes ineficiencias".