DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Xornada de Orientación Universitaria celebrarase o vindeiro mércores 13 de febreiro

A Universidade abre as súas portas aos institutos para dar a coñecer a oferta académica

Con charlas, obradoiros prácticos e postos informativos sobre titulacións, bolsas ou servizos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Congresos e xornadas
  • Visitas
  • Estudantes
DUVI 08/02/2019

Con obradoiros prácticos e con experiencias de primeira man. Deste xeito máis de 600 estudantes de institutos e colexios galegos coñecerán a vindeira semana a oferta académica da Universidade de Vigo na segunda Xornada de Orientación Universitaria que se celebrará no campus do Vigo o día 13. O evento enmárcase no Plan xeral de captación de alumnado que se está a desenvolver dende a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e ten como obxectivo que o alumnado de bacharelato e ciclos formativos de grao superior se acheguen á Universidade e poidan descubrir as titulacións que se ofertan nos tres campus, así como os servizos que se ofrecen, as asociacións de estudantes que existen, as axudas e bolsas de estudo ou as actividades formativas complementarias. Trátase de que encamiñen a súa futura vida, de que coñezan os diferentes graos que poden cursar e que se familiaricen coa Universidade de Vigo, de xerar un contacto directo coas e cos futuros estudantes universitarios.

Aínda que a entrada é de balde e sen necesidade de matrícula, para grupos de máis de dez persoas é imprescindible reservar en sie@uvigo.es. Ata o momento está confirmada a asistencia de 633 estudantes de institutos de Vigo, A Guarda, Porriño, Baiona, Lalín, Cangas, Ponteareas e Nigrán, pero o período de inscrición está aínda aberto.

22 escolas e facultades presentes

A xornada comezará na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais onde terá lugar unha charla informativa de carácter xeral impartida polo persoal da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, na que se dará conta da oferta de titulacións, dos servizos da Universidade de Vigo e das novidades sobre as probas de avaliación do bacharelato para acceder á universidade (ABAU). Tras esta primeira toma de contacto, as e os visitantes desprazaranse ao pavillón deportivo do campus, onde se disporán catro zonas diferenciadas. Por unha banda, instalarase postos informativos de 22 centros da Universidade de Vigo, nos que os rapaces e rapazas terán a oportunidade de coñecer polo miúdo a información dos diferentes estudos ofertados na Universidade de Vigo. Nun segundo espazo, tamén están presentes as delegacións de alumnado e as asociacións estudantís para atender e asesorar sobre temas concretos da institución e da vida universitaria. Nunha terceira zona, ofrecerase información sobre os servizos da Universidade de Vigo, na que o persoal informará sobre bolsas e axudas, deportes, voluntariado e cooperación, cursos de linguas, residencias universitarias, mobilidade internacional, cultura e ocio. 

Da visión infravermella á corrección de cor dunha curta publicitaria

Unha cuarta zona do pavillón está reservada para a parte máis práctica desta xornada, os obradoiros impartidos por docentes e investigadores das escolas e facultades para amosar actividades relacionadas cos títulos que se ofertan en Vigo, Ourense e Pontevedra. Así, a Facultade de Filoloxía e Tradución impartirá un obradoiro sobre literatura galega e a novas palabras da lingua galega; a Escola de Minas e Enerxía, un taller sobre visión infravermella; a Facultade de Bioloxía permitirá que os asistentes manipulen microscopios e lupas con preparacións biolóxicas, exemplares de distintas especies de organismos e cultivos in vitro de plantas e a Facultade de Ciencias do Mar achegaralles diversas actividades relacionadas co exercicio da profesión. Outros centros que tamén deseñaron obradoiros son a Facultade de Historia, que amosará as saídas profesionais da titulación; a Facultade de Ciencias, con experimentos sobre a cor na ciencia e a calidade do aire; o grao en Comunicación Audiovisual, que ensinará ás mozas e mozos o proceso de deseño dun cartel publicitario e a corrección de cor dunha curta publicitaria; a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte cun obradoiro de traballo activo, así como talleres ofrecidos por Enxeñaría Informática, Fisioterapia, Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Enxeñaría Forestal. 

Programa da xornada