DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O obxectivo é que que as investigacións cheguen a un público cada vez máis amplo

A Universidade adhírese a 'The Conversation', unha das principais plataformas mundiais de divulgación

En España conta co apoio de máis de medio cento de institucións académicas e científicas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Institucional
DUVI 19/10/2020

A Universidade de Vigo acaba de asinar un acordo de colaboración coa plataforma de divulgación científica The Conversation España (TCES), o que lle permitirá ao persoal docente e investigador da institución académica viguesa escribir sobre asuntos relativos ao seu campo de especialización a través dunha das principais plataformas mundiais de divulgación. O obxectivo deste convenio é fomentar a transferencia dos resultados de investigación que se realizan na Universidade e, ao mesmo tempo, permite tamén que comunidade investigadora reciba relevancia mediática e intrainstitucional, ademais de recoñecemento social e profesional.

Constituída como asociación sen ánimo de lucro, sen publicidade comercial e de acceso libre e gratuíto, The Conversation é unha plataforma dixital nacida en Australia e conta con edicións en Estados Unidos, Reino Unido ou Francia, ademais da edición en español, que conta co apoio de máis de medio cento de institucións académicas e científicas. 

Ao respecto do acordo asinado coa UVigo, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, explicou que comunicar a ciencia vai mais aló de expoñer os resultados das investigacións que se realizan na universidade en congresos científicos ou en publicacións. “Temos a obriga de comunicar non só aos colegas investigadores e investigadoras do mundo académico, senón tamén á poboación en xeral, pero este xeito de comunicar ou divulgar a ciencia precisa de adaptar tanto a linguaxe na que comunicamos como as canles a través das que o facemos”. Neste senso, a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, engadiu que a Universidade de Vigo está comprometida con esta realidade e por iso creou a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), que traballa en divulgar a ciencia a través de diversas canles, vídeos, xornadas, eventos, etc. “Como parte destas actividades consideramos interesante unirnos a través dun convenio de colaboración cos responsables desta plataforma dixital, establecendo un marco de cooperación que permita intensificar a divulgación da investigación da UVigo”.

O PDI poderá escribir sobre os seus temas de especialización

A través da web de The Conversation, a comunidade investigadora da Universidade de Vigo poderá crear un perfil persoal a través do que poderá escribir artigos de divulgación científica sobre o seu traballo, ademais de contar coa colaboración dos propios editores e editoras de The Conversation para a redacción do mesmo que, posteriormente, será difundido a través das canles da propia plataforma (redes sociais, bases de datos de medios, etc). Os autores ou autoras poden propor directamente temas de interese, inquietudes ou cuestións de actualidade vinculadas co seu campo de especialización, pero tamén existe a posibilidade de que as temáticas poidan ser propostas polo equipo editorial de The Conversation e pola propia UVigo. Así mesmo, os autores ou autoras terán acceso a través do seu perfil a datos e analíticas de difusión dos artigos para comprobar a efectividade da difusión dos mesmos.

Segundo destaca a vicerreitora de Comunicación o acordo supón “unha grande oportunidade para ampliar as canles de divulgación e compartir o coñecemento xerado na nosa Universidade a través dunha plataforma transparente como é The Conversation”, ao que a responsable de Investigación engadiu que “dado que conta cun grande impacto social, gustaríame animar a todo o persoal investigador a transmitir e transformar as súas investigacións nun formato adaptado a todo o público e contribuír cos seus artigos a través desta nova canle”.

Como empezo a escribir en The Conversation?

O persoal investigador interesado en publicar un artigo ten que crear un  perfil persoal vinculado á Universidade de Vigo. Pode participar calquera persoa investigadora ou docente, ademais do estudantado de doutoramento, que o fará coa supervisión dunha investigadora ou investigador, que asinará como coautor. Para facilitar o proceso ás persoas interesadas, The Conversation elaborou unha guía de benvida para axudar aos interesados e interesadas en participar na plataforma.