DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promoven o segundo concurso ‘Crea Economía social’ no marco da rede Eusumo

Universidade e AJE-Pontevedra premiarán ideas de negocio “socialmente útiles”

Recoñecerase ás mellores propostas nas catro áreas do Campus Crea

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 27/04/2022

Promover que tanto as e os integrantes da comunidade universitaria como os emprendedores e emprendedoras apliquen os seus coñecementos e experiencia no desenvolvemento de “servizos e produtos que sexan viables economicamente e, á vez, socialmente útiles”. Ese é o propósito do concurso Crea Economía social, que a Vicerreitoría do campus de Pontevedra e Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE-Pontevedra) impulsan por segundo ano consecutivo. Ata o 21 de xuño permanece aberto o prazo de presentación de propostas ás catro categorías dun certame no que se premiarán propostas baseadas nos principios da economía social e inseridas nas diferentes áreas do Campus Crea. Concretamente outorgaranse catro premios de 250 euros e catro accésits ás mellores ideas de negocio en artes, comunicación e creatividade; en educación, innovación social e xestión pública; en deporte, saúde e benestar e en medio ambiente e natureza.

O concurso enmárcase na Rede Eusumo, unha iniciativa de colaboración coa que a Xunta de Galicia, co apoio de entidades socias como a UVigo ou AJE-Pontevedra, fomenta o desenvolvemento da economía social e o espírito emprendedor. Nesa idea, o certame “pretende fomentar o espírito emprendedor a través da creatividade das persoas participantes e sobre a base dun enfoque integral”, que abranga as dimensións social, económica, medio ambiental e cultural. Nese senso, como se explica nas bases do concurso, o concepto de economía social abrangue “formas empresariais” como cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción ou centros especiais de emprego, á vez que organizacións non lucrativas, “ambas ao servizo das persoas socias ou da comunidade e respectando criterios de xestión democrática e de atribución de resultados non vinculados ao capital”. 

“Creo que sei hai algo que é importante resaltar hoxe en día son aqueles aspectos que teñen que ver coa economía, pero que entroncan directamente coa cidadanía”, salienta o vicerreitor do campus, Jorge Soto. Nese senso, destaca que se trata duns premios dirixidos a impulsar “iniciativas que teñen que ver co emprendemento”, pero tamén con promover unha “economía das persoas”, que poña o foco nos “aspectos que inflúen no benestar da cidadanía” e que se insiren á súa vez na colaboración entre a Vicerreitoría e AJE-Pontevedra, da que destaca “o seu dinamismo e a capacidade que teñen para liderar proxectos con xente nova”. 

Presentación de candidaturas ata o 21 de xuño 

Aberto á participación tanto do alumnado, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos do campus como das persoas emprendedoras en xeral, o prazo de presentación de ideas de negocio permanece aberto ata o 21 de xuño. Os interesados e interesadas deberán enviar ao correo electrónico contacta@creaeconomiasocial.com o formulario de candidatura que se pode descargar da web do concurso ou un vídeo de non máis dun minuto no que expliquen a idea de negocio, o problema ou necesidade que resolvería, o produto ou servizo que se pretende comercializar, a novidade e innovación que achega o proxecto, o colectivo ao que iría dirixido e o seu posible impacto social. 

En cada categoría outorgarase un premio económico de 250 euros e un accésit, consistente na cota de balde en AJE-Pontevedra durante 12 meses, período no que poderán beneficiarse de todos os servizos que ofrecen aos seus asociados. Como recollen as bases, o xurado avaliará tanto “a orixinalidade e carácter innovador da actividade proposta”, como o seu potencial “para converterse nun proxecto empresarial e o seu nivel de desenvolvemento”, o seu valor social e as súas posibles “vantaxes competitivas no mercado”. 

Como salientan desde a organización, as persoas interesadas en participar contan cun servizo de apoio que lles axude a resolver posibles dúbidas antes de presentar a candidatura, a través tamén do enderezo contacta@creaeconomiasocial.com. Así mesmo, tamén poderán participar “nunha serie de talleres nos que aprender a identificar problemas, deseñar produtos e servizos adaptados á realidade social e económica, deseñar procesos de compra e venda e coñecer casos de éxito”.