DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reitor e presidente asinaron este xoves o convenio marco de colaboración

A Universidade alíase coa Fundación Celta para a posta en marcha de títulos propios vinculados co deporte

O acordo estenderase a todo tipo de proxectos culturais e deportivos de interese común

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 06/05/2021

O reitor da Universidade, Manuel Reigosa, e o presidente do RC Celta e da súa fundación, Carlos Mouriño, asinaron este xoves un convenio marco de colaboración polo que ambas entidades se comprometen a pórse mans á obra na posta en marcha de diferentes iniciativas conxuntas, entre elas, a organización e desenvolvemento de títulos propios vinculados especialmente ao ámbito do deporte e a súa xestión. Será o inicio dun “ilusionante camiño que aproximará o mundo académico e o do fútbol”, segundo se subliñou desde ambas entidades.

A colaboración estenderase a todas as actividades académicas das titulacións oficiais da Universidade de Vigo vinculadas ao ámbito deportivo, así como a todo tipo de proxectos culturais e deportivos de interese común. A maiores, o convenio contempla tamén o estudo de diferentes liñas de apoio aos estudantes da UVigo que forman parte dos equipos do Real Club Celta.

O convenio ten unha duración inicial de dous anos, de carácter prorrogable, e a súa sinatura levouse a cabo no salón rexio de A Sede nun acto ao tamén asistiron Mª José Moure, directora da Escola Aberta de Formación Permanente da Universidade de Vigo, e o profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade Xavier Martínez Cobas, moi vinculado ao RC Celta, entidade da que exerceu como director xeral. Por parte do Celta, ademais do presidente,  contouse tamén coa participación do director da súa fundación, Germán Arteta.