DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O salón educativo desenvolverase do 12 ao 14 de febreiro no recinto feiral

A Universidade amplía a 21 centros dos tres campus a súa presenza en Edugal 

Participarán nas charlas de orientación do evento e 18 deles contarán cun stand

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Pontevedra 05/02/2020

A Universidade de Vigo terá un ano máis unha presenza destacada no Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia (Edugal), que se desenvolverá entre o 12 e o 14 de febreiro no recinto feiral de Pontevedra, e no que participarán 21 facultades e escolas dos tres campus. “Consideramos que este é un evento importante, para nós é necesario facer difusión da nosa actividade e dos estudos que se imparten na Universidade”, salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, na rolda de prensa de presentación da novena edición do salón promovido pola Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (Aempe).

Como explicou Soto, 18 facultades e escolas dos tres campus contarán nesta edición cun stand no espazo reservado á institución académica nesta feira. Tres centros máis, para un total de 21, que suporán a maior representación da institución nas diferentes edición do salón, tomarán parte nas nove charlas de orientación universitaria que se celebrarán nas diferentes xornadas do salón, correspondentes aos ámbitos de enxeñaría e arquitectura, ciencias sociais e xurídicas, ciencias da saúde, ciencias e artes e humanidades. A Universidade de Vigo “vai ser unha parte importante desta feira”, subliñou Soto, que definiu Edugal como un “trampolín” no que a institución pode “mostrar o que facemos a aqueles alumnos que queren coñecer a nosa oferta académica”. Nese senso, o vicerreitor subliñou que Edugal permitirá amosar “que a nosa Universidade ten un potencial importante” e lembrou que o campus de Pontevedra conta este curso cunha taxa de ocupación nas prazas de novo ingreso de preto do 105%, “o que significa que os graos teñen calidade, moi boa docencia e moi boa investigación, e iso tamén hai que poñelo en valor”.

Ao igual que en anteriores edicións, os stands das diferentes facultades e escolas combinarán a achega de información das súas titulacións aos e ás visitantes con actividades que contribúan tamén a dar a coñecer os ámbitos de aplicación dos seus estudos. Ademais, no stand institucional da Universidade sumarase, como novidade á habitual participación do Servizo de Información a Estudantes, a presenza da Área de Emprego e Emprendemento, nunha edición marcada por unha maior incorporación do “mundo do emprego á feira”, como explicou o presidente de Aempe, José María Corujo.

56 stands e numerosas actividades

A novena edición de Edugal, que conta, entre outros, coa colaboración do Consello Social da Universidade de Vigo, contará con 56 stands, nos que estarán representadas as tres universidades galegas, diferentes institutos e outra serie de centros e institucións educativas. Trátase, como apuntou a directora de Edugal, Conchi Pereiro, do “grande escaparate da oferta educativa de Galicia, no que imos ter unha presenza moi importante das nosas universidades”, e que completa o seu programa cunha serie de obradoiros e coloquios. Na presentación na sede desta novena edición participaron tamén Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica e Universidade, e Luísa Márquez, coordinadora da Rede de Escolas Asociadas á Unesco, rede que participará por primeira vez en Edugal e da que forma parte a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.