DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 40 investigadoras e investigadores participaron este martes nunha xornada informativa

A Universidade anima aos seus docentes a pór en marcha proxectos de cooperación e axuda ao desenvolvemento

A vicerreitora Maribel Doval remarcou o “carácter solidario” destas iniciativas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Institucional
D. Besadío DUVI 01/06/2021

Máis de 40 investigadoras e investigadores participaron este martes nunha xornada informativa sobre Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento, unha sesión centrada na cooperación galega e na que se tratou de animar a todo o persoal docente e investigador da Universidade de Vigo a presentar, ás diferentes convocatorias existentes na comunidade galega, proxectos de investigación sobre cooperación e desenvolvemento, un traxecto no que contarán co apoio e asesoramento da Oficina de Proxectos Internacionais da propia Universidade.

A apertura da xornada correu a cargo da vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación Maribel Doval, que animou a todo o persoal investigador a presentar solicitudes, xa que “a nosa é unha Universidade con vocación internacional e, ao tempo, que tamén aspira a ser unha institución comprometida co desenvolvemento e co cumprimento da Axenda 2030 e, polo tanto, comprometida cos territorios e cos grupos máis vulnerables ou que xa teñen sido vulnerados”. Nesta liña, a vicerreitora agradeceu a aposta decidida do goberno galego por manter estas axudas á cooperación en tempos complicados e, facelo ademais, coa mesma dotación económica de edicións anteriores. No seu nome e no da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, insistiu na importancia de presentar solicitudes a estas convocatorias “tan importantes por todo o compoñente solidario que teñen”.

Dos aspectos máis xerais aos máis particulares

A través dun “intenso programa” que se prolongou ao longo de toda a mañá, tratouse de explicar, desde os aspectos máis xerais ata os máis particulares, deste tipo de solicitudes sobre proxectos que poidan contribuír á promoción do desenvolvemento humano e sostible doutros territorios, “como o fixeron xa diferentes investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo”, salientou a vicerreitora nunha intervención na que destacou a importancia do traballo en rede.

Tras a apertura das xornadas por parte da vicerreitora, o programa arrancou coa intervención de Carolina Diz, asesora técnica en cooperación para o desenvolvemento e acción humanitaria e integrante da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior, que foi a encargada de presentar as convocatorias públicas de proxectos de cooperación universitaria para o desenvolvemento da Xunta de Galicia. Nunha intervención de carácter moi práctica informou aos asistentes sobre os diferentes instrumentos de financiamento que a administración autonómica pon ao seu dispor (convocatorias, prazos, normativas, países prioritarios…).

Tras esta presentación xeral, Ana Mosquera e Eva Garea, da Oficina de Proxectos Internacionais centráronse xa no procemento propio da UVigo para a presentación de solicitudes de proxectos de cooperación no exterior e de proxectos de investigación e creación de grupos en materia de cooperación para o desenvolvemento. Entre outras cuestións trataron sobre como deben presentarse as solicitudes, cales son os prazos..., respondendo tamén ao todas as dúbidas que formularon as persoas asistentes.

Casos de éxito na UVigo

A segunda parte da xornada estivo centrada na exposición de exemplos de boas prácticas en proxectos de cooperación galega e, máis concretamente, na exposición de casos que se están a levar a cabo desde a UVigo despois de conseguir financiamento na anterior convocatoria de axudas. 

No caso da convocatoria de investigación e grupos de investigación para o desenvolvemento, falouse dos proxectos Melinco, Edulbimo e do Grupo de Investigación CDLS. No caso de Melinco, Mediación lingüística para a cooperación ao desenvolvemento, é un traballo coordinado pola profesora do Departamento de Tradución e Lingüística Maribel del Pozo, que hoxe non puido asistir, e que se encargou de presentar a profesora da Universidade da Coruña –un dos socios do proxecto- Renée De Palma. Con 30.000 euros de orzamento  este proxecto ten unha aplicabilidade directa no traballo que fan as ONGD, xa que contribúe a eliminar as barreiras lingüísticas e culturais ás que se enfrontan as persoas máis vulnerables, garantindo así os dereitos humanos e as liberdades fundamentais, que son cruciais para o desenvolvemento sostible, a gobernanza inclusiva e a equidade social, tal e como prevé a Axenda 2030.

O proxecto Edubilmo Formación teórica e metodolóxica, elaboración, aplicación e validación de materiais educativos no Programa de Educação Bilingüe de Mozambique, foi presentado polo director da Área de Normalización Lingüística, o profesor Fernando Ramallo, quen explicou que grazas a este traballo, financiado con 30.000 euros se puido fornecer de materiais didácticos en cinco linguas mozambicanas e en portugués ao profesorado deste país africano.

Pola súa banda o profesor do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordeación do Territorio e director da Cátedra Unesco en Desenvolvemento Sostible-Campus do Mar Gonzalo Méndez, explicou dous proxectos: dunha banda o grupo de investigación CDLS, dirixido a desenvolver instrumentos para a planificación territorial, que se poidan utilizar en países en vías de desenvolvemento, analizando os servizos ecosistémicos e os potenciais riscos ambientais e, da outra, o proxecto de cooperación no exterior Emprender en azul.