DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde este luns, os diferentes centros desenvolven actos de recepción presenciais e virtuais

A Universidade dá a benvida ao seu novo alumnado nun curso marcado pola covid-19

O ano académico 2020-2021 botará a andar o vindeiro luns 21

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 14/09/2020

Unha semana antes a que dea inicio de xeito oficial o curso 2020-2021, un ano académico que virá marcado pola crise sanitaria xerada pola covid-19, as diferentes facultades e escolas da Universidade de Vigo reciben ao seu alumnado de novo ingreso. Fano a través da serie de actos benvida programados, desde este luns e ata o vindeiro mércores 23, polos diferentes centros, tanto de xeito presencial, na meirande parte dos casos, como de forma virtual. As facultades de Fisioterapia e Belas Artes, xunto coa Escola de Enfermaría, en Pontevedra; a Escola de Enxeñería Industrial, no campus de Vigo, e a Facultade de Dereito do campus ourensán, esta última de xeito virtual, foron os primeiros centros en recibir ao seus alumnos e alumnas de primeiro curso. Ademais de para presentarlles as titulacións e os diferentes servizos da Universidade e facerlles entrega dunha máscara hixiénica reutilizable, estes actos serviron tamén para informarlles dos plans de prevención dos centros e das medidas que deberán seguir ao longo do curso.

Aínda que varios centros desenvolven desde a pasada semana actividades docentes, de acollida, de fin de carreira ou prácticas non dirixidas a alumnado de novo ingreso, o curso arrincará o luns “coas incertezas que todos temos por mor da situación sanitaria”, recoñecía a vicerreitora de Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, que este luns participou no acto desenvolvido en Belas Artes. Non obstante, “desde a Universidade temos todo preparado para calquera dos escenarios”, subliñou Caparrini respecto dun curso que 17 titulacións de grao arrincarán con docencia totalmente presencial, máis dunha vintena farano de forma parcialmente presencial, optando o resto dos graos por un modelo mixto. Para iso, a Universidade desenvolveu o Campus Integra, que permitirá combinar a docencia simultánea entre o alumnado que se atope na aula e aquel que siga as clases de xeito virtual a través do Campus Remoto. Estas dúas plataformas farán posible, como sinalou Caparrini, dar resposta a tres posibles escenarios, “o modelo presencial, o modelo mixto e o dunha docencia totalmente virtual”, no caso de que a situación sanitaria obrigase a suspender a actividade presencial, contando a Universidade para facer fronte a este escenario co Campus Remoto, a nova plataforma de teledocencia MooVi, e a posibilidade de ceder ordenadores e dispositivos Mifi ao alumnado que os precise. 

Reparto de máscaras

No transcurso destes actos de benvida, a Universidade está a facer entrega ao alumnado de primeiro curso dunha máscara hixiénica reutilizable, nas mesas informativas instaladas pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria. Para o resto da comunidade universitaria, atendendo ás recomendacións sanitarias vixentes e co fin de evitar la formación de colas nas conserxerías, o reparto será progresivo. Deste xeito, o PDI e o PAS poderá recollelas a partir de mañá martes. Mentres, os días 21 e 22 de setembro poderá pasar a pola súa máscara o alumnado de 2º curso; o día 23 o de 3º, o 24 o de 4º e o día 28 os estudantes de mestrado e doutoramento. 

O primeiro percorrido polos centros pontevedreses

Fisioterapia foi esta mañá o primeiro centro en recibir de xeito presencial ao seu novo alumnado, nun acto no que participou o equipo decanal e a coordinadora de relacións internacionais da facultade. Divididos en dúas quendas, as e os novos estudantes recibiron información xeral sobre o funcionamento da facultade e a titulación, así como da oferta formativa do Centro de Linguas. Tras darlles a benvida “a un curso con características especiais, que esperamos que se noten o menos posible na vosa formación”, a decana, Eva María Lantarón, lembroulles que o centro estableceu unha serie de medidas “para que as clases sexan o máis seguras posibles”, instándoos, como “futuros profesionais da saúde, a velar pola vosa saúde e a dos vosos compañeiros”. Lantarón apuntou tamén que o centro, que desenvolve nestas semanas “clases de reforzo dos contidos prácticos” do pasado curso, apostou porque esta parte práctica das materias sexa “totalmente presencial”, optando por un modelo mixto nas teóricas. De feito, o acto pechouse na Escola de Enxeñaría Forestal, cunha presentación do plan de prevención deste centro, onde terá lugar parte da docencia teórica.

Divididos en tres quendas, tamén este luns os novos alumnos e alumnas de Belas Artes puideron coñecer a que será a súa facultade, nun acto que contou coas intervencións do equipo decanal, a vicerreitora Natalia Caparrini e representantes da Delegación do Alumnado. Neste, o estudantado recibiu información do grao, a facultade, o portal da Universidade, a biblioteca e os diferentes servizos da institución académica, antes de realizar un percorrido polos talleres do centro. “Este é un momento moi emocionante para vós, malia estas circunstancias tan especiais, porque pasar pola universidade é unha experiencia que supera con creces á meramente académica”, trasladoulles o decano, Xosé Manuel Buxán, que incidiu en que a pesares das “dificultades engadidas” que supón para un grao como Belas Artes, a facultade apostou porque comezasen o curso de xeito presencial, coa excepción dunha materia de carácter teórico. Así mesmo, tamén a Escola Universitaria de Enfermaría celebrou este luns un acto de benvida presencial, mentres que a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte farao o mércores de xeito virtual, como tamén fará Ciencias Sociais e da Comunicación o luns 21, día no que a EE Forestal recibirá de forma presencial ao seu novo alumnado. 

En Vigo, presentacións presenciais

O campus de Vigo optou pola presencialidade nos actos de benvida de todos os seus centros. A Escola de Enxeñería Industrial foi a primeira en celebrar este evento que, dada a gran cantidade de alumnado, ten lugar entre hoxe luns e mañá martes en pequenos grupos para o primeiro curso e mércores, xoves e venres para o estudantado de 2º, 3º e 4º curso.

O centro optou por dar a opción de seguir estes actos presencial ou virtualmente, para que cada estudante apostase pola modalidade coa que se sentise máis cómodo. O director, Juan Pardo, é o encargado de darlle a benvida aos máis de 500 alumnos e alumnas de novo ingreso que inician os seus estudo na escola. Farano divididos en 16 grupos, “cando normalmente en primeiro curso tiñamos 11 grupos”, explica Pardo. E é que este será un curso “un tanto diferente, cunhas condicións excepcionais, pero debedes saber que dende a Escola de Enxeñería Industrial estivemos traballando dende o primeiro momento para que as clases se puidesen iniciarse da forma máis normal posible”. Deste xeito, o docencia impartirase en grupos máis reducidos e empregando sempre as mesmas aulas, “podendo ser, incluso, o mesmo sitio na aula, excepto para as prácticas de laboratorio”. Pero o director quixo tamén remarcar que estas medidas, ademais de ter unha finalidade sanitaria, “poden tamén incidir nunha mellora da calidade docente ao traballar en grupos máis reducidos”. De cara ao comezo deste nova etapa na súa vida, como estudantes universitarios, recomendoulles unha mestura de esforzo, traballo e constancia “pero sempre divertíndovos, facendo o que vos gusta, con paixón pola enxeñaría industrial”.

O resto dos centros do campus vigués irán celebrando as benvidas ao longo desta semana. Así, mañá martes será a quenda da Escola de Enfermaría e das Facultades de Química e Ciencias Económicas e Empresariais. O mércores 16 Bioloxía, Enxeñaría de Telecomunicación e Ciencias Xurídicas e do Traballo, repetindo este último centro o acto o xoves 17. Tamén o día 17 terá lugar a benvida da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. Ciencias do Mar e Filoloxía e Tradución recibirán ás e aos estudantes de novo ingreso o luns 21 e a Escola Universitaria de Estudos Empresariais o mércores 23. No campus de Vigo haberá un reforzo dos autobuses de subida e baixada ao campus durante os días 15 e 16 entre as 09.00 e 10.00 horas e sobre as 13.00 horas.

Benvida virtual no campus de Ourense 

No campus de Ourense, a Facultade de Dereito foi o primeiro dos centros en dar a benvida ao seu novo alumnado. Fíxoo cunha sesión virtual na que as e os estudantes de cada titulación tiveron a oportunidade de coñecer ao equipo decanal, a estrutura e contidos do grao que realizarán, as guías docentes e os servizos de teledocencia, as materias, os programas de mobilidade, a orientación académica e plan de acción titorial e a delegación de alumnos. A xornada, explicou na presentación Marta Fernández, decana do centro, tivo como obxectivos “facilitar ao alumnado o tránsito dende o ensino de Secundaria ao ensino universitario” e “presentarlles o grao e os recursos e ferramentas ao seu dispor na Universidade de Vigo e, en concreto, na Facultade de Dereito”. A decana deulle a benvida ao novo alumnado recalcándolle como “o curso 2020/21 comezará coa adopción de medidas extraordinarias na impartición da docencia e na disposición das aulas, tendo en conta a situación de crise sanitaria ocasionada pola covid-19” e lembrándolle “a importancia de que coñezades e cumprades as medidas sanitarias de autoprotección que deben ser respectadas dentro da facultade”. O calendario de actos de benvida continuará no campus de Ourense o día 17, neste caso de xeito presencial, en Historia, Educación e Traballo Social e Ciencias, e o día 18 en Enxeñaría Informática, de xeito presencial, e Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, de xeito virtual. A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo pechará, cunha sesión tamén virtual, esta xeira de presentacións no campus de Ourense o luns 21 de setembro.