DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Aula Tecnolóxica acollerá unha serie de talleres gratuítos sobre competencias dixitais

A Universidade busca potenciar con sete cursos as ‘e-destrezas’ do campus

Cinco das propostas manteñen aberta a inscrición ata o 20 de outubro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 24/09/2019

Facilitar o desenvolvemento e a mellora das competencias dixitais da comunidade universitaria é o obxectivo central do programa formativo gratuíto e-destrezas, impulsado pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria xunto co Consello Social da Universidade de Vigo. No marco desta iniciativa, desenvolveranse unha serie de cursos gratuítos, dirixidos tanto ao alumnado como ao persoal da institución académica, que no caso do campus pontevedrés permitirán ampliar coñecementos en ámbitos como o deseño gráfico, a programación ou a impresión 3D. Sete propostas, que suman no seu conxunto 140 prazas integran a oferta formativa que e-destrezas desenvolverá nos próximos meses na Aula Tecnolóxica da Vicerreitoría do campus. Entre eles, os cursos de Matlab, Scratch e Arduino, Illustrator e Photoshop, MemoQ e LinkedIn, que manteñen aberta a súa matrícula ata o 20 de outubro na plataforma Culturxest e que se cubrirán por orde de inscrición.

Destrezas relacionadas coas titulacións do campus

Partindo da idea de que a adquisición de competencias dixitais é unha necesidade e unha esixencia dos actuais sistemas de ensino universitario e co propósito de contribuír ao desenvolvemento de habilidades multidisciplinarias e de competencias no uso e no manexo de información, o programa e-destrezas abrangue a celebración dunha serie de cursos nos tres campus da institución académica. En cada un deles, “os cursos seleccionados teñen unha vinculación directa coas súas titulacións”, explica o director da Área de Extensión Universitaria, Ignacio Armesto. De feito, a definición deste programa formativo realizouse en contacto coas delegacións de alumnado dos diferentes centros, de tal xeito que “foron eles mesmos os que seleccionaron priorizadamente aqueles que lles parecían máis interesantes”, engade Armesto. De entre oito e 40 horas e con 20 prazas cada un, a maior parte destes cursos serán impartidos ademais por persoal docente e investigador ou profesionais egresados da Universidade con contrastada experiencia no uso das ferramentas informáticas nos que se centran.

De outubro a maio

Entre as propostas seleccionadas para o campus pontevedrés figura un curso sobre fundamentos e principios de cálculo científico co software Matlab, que se desenvolverá entre o 24 de outubro e o 28 de novembro na Aula Tecnolóxica. Neste mesmo espazo e xa entre xaneiro e febreiro de 2020, terá lugar un curso de iniciación á programación con Scratch e Arduino, mentres que entre o 20 de febreiro e o 7 de maio terá lugar o curso Fundamentos de deseño gráfico con Illustrator e Photoshop, financiado pola Vicerreitoría do campus e dirixido a achegar unhas nocións básicas destas ferramentas de debuxo vectorial e tratamento de imaxes dixitais. A esta actividade sumarase, entre o 6 de marzo e o 17 de abril, un curso de introdución ás ferramentas de tradución asistida por computador con MemoQ, mentres que para o mes de maio programouse un taller de iniciación ao manexo da rede social profesional LinkedIn, no que o alumnado aprenderá a realizar un perfil personalizado en función dos seus obxectivos profesionais.

Por outra banda, a programación de e-destrezas complétase no campus con dous obradoiros, impulsados no marco do Campus Crea pola Vicerreitoría, que xa pecharon a súa inscrición e que se desenvolverán nos meses de outubro e novembro na Aula Tecnolóxica. Trátase dun taller de impresión 3D e dun curso de robótica educativa de nivel intermedio, dirixido a persoas que xa contan con nocións iniciais neste eido.