DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do contrato de I+D asinado entre o club de natación e a institución académica

Universidade e CN Galaico estudarán como optimizar o adestramento en categorías de formación

A investigación será coordinada polo profesor Emerson Ramírez

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI Pontevedra 25/05/2018

Identificar a “cuantificación óptima das variables de rendemento” na que se centra o adestramento dos nadadores e nadadoras novos, para así lograr unha preparación de maior calidade nas categorías de formación. Ese é o obxectivo principal do estudo lonxitudinal que o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Emerson Ramírez desenvolverá xunto co Club Natación Galaico grazas ao contrato de I+D que a entidade deportiva vén de asinar coa institución académica e que levará a este investigador e aos adestradores e adestradoras do club a avaliar, con nadadores e nadadoras de entre 8 e 16 anos, a organización e distribución das cargas de adestramento das diferentes capacidades físico-motoras (forza, resistencia, velocidade, flexibilidade e coordinación), e a súa adecuación coas diferentes fases de desenvolvemento dos deportistas. Este contrato, salienta a directiva do CN Galaico, “vai supor un antes e un despois para o club en canto aos métodos de adestramento e á optimización destes para acadar o máximo rendemento dos nenos e nenas en cada etapa evolutiva”.

Escaseza de estudos sobre nadadores en desenvolvemento

Como salienta Ramírez Farto, profesor do Departamento de Didácticas Especiais que atesoura tamén unha ampla experiencia na preparación de nadadores, a maioría dos estudos científicos referidos á natación realízanse con deportistas de alto rendemento, mentres que “son escasos” os que se centran nas categorías de desenvolvemento, a pesares de que, para chegar ese alto rendemento, “eses nadadores veñen de anos de preparación nos que temos que estar aplicando cargas de adestramento de acordo ás características de cada idade”. Nese mesmo senso, a memoria do proxecto pon o acento nos “complexos e multiformes cambios” que os nadadores e nadadoras novos experimentan no seu proceso de crecemento e desenvolvemento, aos que deben adaptarse os procesos de adestramento.

“Moitas veces, os adestradores e adestradoras dedican moitas horas de adestramento a cargas con volumes e intensidades altas, tratando de buscar as diferentes adaptacións tanto fisiolóxicas como neuromusculares en idades de desenvolvemento, non respectando o proceso de maduración do deportista novo”, advirte este investigador. Unha situación que, engade, ten como consecuencia que “estes deportistas non conseguen unha mellora no resultado deportivo” e contribúe, nalgúns casos, a que “deixen o deporte de competición prematuramente”. 

Optimizar os procesos de adestramento

Abordar, nun estudo lonxitudinal, a aplicación dos “diferentes compoñentes da carga de adestramento”, como o volume, a intensidade, a densidade, o tipo de exercicio e a velocidade de execución é o propósito central dunha investigación que Ramírez desenvolverá xunto cos adestradores e adestradoras do club. “Ao longo de todo o proceso faremos probas físicas e técnicas adaptadas para cada idade”, relata dunha análise que comprenderá o dominio das habilidades acuáticas, probas de axilidade e coordinación fóra da auga, probas de forza, probas de técnicas específicas de nado e os seus fundamentos (saídas, viraxes e chegadas), que serán avaliadas a través de tests de “resistencia aeróbica, velocidade e antropometría”. A estas avaliacións sumarase ademais un “estrito control dos volumes, intensidades e recuperación das cargas aplicadas a cada etapa de preparación nas diferentes categorías”, que se buscarán relacionar así mesmo cos resultados nas competicións. Así mesmo, o estudo comprende tamén a realización de “controis psicolóxicos tanto nos adestramentos como en competición”.

O obxectivo final do proxecto é como sinala Ramírez Farto, tratar de identificar “a cuantificación óptima das variables de rendemento”, de tal xeito que, aplicando menores volumes de adestramento e centrándose “na mellora coordinativa do movemento, teremos as mesmas ou mellores adaptacións fisiolóxicas e neuromusculares con menos tempo de adestramento”, o que, como sinala, supón unha vantaxe en termos de recuperación e dotará á preparación “de maior calidade”. Deste xeito, o proxecto busca  contribuír a “unificar criterios” e estruturar as etapas “que conducen ao alto rendemento”, así como establecer orientacións metodolóxicas e “asegurar, mediante a planificación do adestramento a longo prazo, o desenvolvemento continuo e progresivo das capacidades físico-motoras, a fin de obter os mellores resultados desde as idades temperás ata o alto rendemento deportivo”.

“Un antes e un despois”, para o Club Natación Galaico

Desde o CN Galaico destacan que un dos grandes obxectivos do club é optimizar os métodos de adestramento e acadar a máxima eficiencia no xa fundamental traballo dos adestradores, coa finalidade de obter o maior rendemento dos nadadores e nadadoras coa preparación máis axeitada para cada unha das súas etapas evolutivas. “O profesor Emerson Ramírez chega para, dentro da citada investigación, facilitar, a través dos seus coñecementos e os resultados que se vaian producindo nestes meses, a importantísima labor que veñen desempeñando os adestradores, o que debe implicar que a actividade se desenvolva con maior facilidade, tamén para os deportistas, pero incrementando o seu rendemento”, explica a directiva do club.

Así mesmo, engaden desde o club, “esta iniciativa, ademais, debería ser un novo motivo para impulsar un maior achegamento dos pais aos procesos de formación e evolución dos nadadores e nadadoras, e para acadar a súa total implicación nun gran proxecto de todo o Club Galaico no que se vexan perfectamente reflexados”. En canto á relación coa Universidade de Vigo e coa Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o Galaico destaca que este contrato vai supoñer “un antes e un despois para o club, en canto aos métodos de adestramento e á optimización destes para acadar o máximo rendemento dos nenos e nenas en cada etapa evolutiva”. Neste sentido, a directiva expresa o seu agradecemento e a súa disposición a seguir “tendendo pontes de colaboración mutua”.