DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro dun convenio asinado este luns con diversas entidades

A Universidade colaborará co sector do mel para a súa potenciación e diversificación

O primeiro proxecto será un estudo sobre os posibles usos cosméticos deste produto

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 09/03/2020

A Universidade de Vigo, a Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ourense (Adercou), a Agrupación Apícola de Galicia e o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Mel de Galicia colaborarán na potenciación e diversificación do sector. Será ao abeiro dun convenio marco de colaboración asinado este luns no campus de Ourense entre responsables das entidades implicadas. O primeiro proxecto será un estudo sobre os posibles usos cosméticos deste produto.

A sinatura contou coa participación de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Manuel Seoane, presidente de Adercou; José María Seijo, presidente da Agrupación Apícola de Galicia; María Esther Ordóñez, presidenta do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Mel de Galicia, e Miguel Ángel Pérez, director xeral de Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), asistindo ao acto alcaldes de parte dos once concellos que forman Adercou.

Desenvolvemento rural

Tras a sinatura, o reitor recalcou ás e aos asistentes a importancia desta iniciativa facendo fincapé en como “pensamos que a universidade ten a obriga, na súa tripla misión (formación, investigación e transferencia), de favorecer o desenvolvemento do territorio no cal está implantada, no noso caso obviamente as provincias do sur de Galicia”. Así, subliñou Manuel Reigosa, “queremos que este desenvolvemento chegue tanto ás cidades como ao rural e que haxa un futuro mellor para Galicia”. Pola súa banda, o director xeral de Agader recalcou como conseguir neste acordo “reunir ao sector e á Universidade é o garante de que este proxecto chegará a bo fin xa que dalgunha maneira o sector sairá moi reforzado coa aposta investigadora da Universidade de Vigo e terá nela unha magnífica aliada”.

Manuel Seoane, presidente de Adercou, explicou na súa intervención como “son moitos os proxectos que indo da man se poden desenvolver para revitalizar o noso rural co apoio da Universidade”. Ao abeiro deste convenio, apuntou, ponse en marcha “un estudo de calidade do mel para a elaboración de produtos de cosmética” por un importe de arredor de 17.000 euros. O proxecto será desenvolvido por dous grupos de investigación da Universidade de Vigo, o Grupo de Física Aplicada, co catedrático José Luís Legido á cabeza, e o Grupo de Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos, con Mª Carmen Seijo á cabeza. “Estamos traballando con diferentes tipos de mel, analizando que características ten cada un deles interesantes de cara á cosmética. Esta liña de cosmética sería nova para o mel de Galicia, aínda que xa hai moito produto no mercado que vén de fóra. Aquí o que se pretende é darlle valor engadido ao mel galego e diversificar o mercado”, comenta Mª Carmen Seijo.

Actividades e proxectos

Segundo recolle o documento asinado este luns, esta colaboración nace do interese común das entidades asinantes de “promover a cooperación e a colaboración para o desenvolvemento científico e tecnolóxico, procurando unha aplicación práctica do coñecemento en proveito da sociedade”. O propósito do convenio é, seguindo o modelo dos convenios marco da Universidade de Vigo, “realizar actividades e proxectos en forma conxunta en todo tipo de asuntos que resulten de interese para as institucións que representan”. Entre estas iniciativas conxuntas poden estar desde proxectos de investigación ata a organización e realización de todo tipo de actividades académicas. Constituirase unha comisión mixta con representantes designados polos órganos reitores de todas as partes en réxime de paridade. Esta comisión será o órgano de planificación, seguimento e avaliación das accións derivadas do convenio marco, que terá unha duración de catro anos.