DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves asinouse un convenio marco entre as dúas institucións

Universidade e Colexio de Economistas de Ourense potenciarán a súa colaboración

O acordo dá amparo a iniciativas realizadas coa Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 19/12/2019

Coa idea de formalizar a colaboración existente nos últimos anos e tamén de incentivala, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e María del Carmen Sampayo, presidenta do Colexio de Economistas de Ourense, asinaron este xoves un convenio marco de colaboración entre as dúas institucións. A iniciativa abrangue desde accións de formación complementaria ata o recoñecemento do esforzo do alumnado con diversos premios.

No acto, o reitor da Universidade de Vigo, acompañado por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, quixo agradecer “ao colexio a súa boa disposición e o seu traballo de todos estes anos”. Coa sinatura deste convenio, apuntou, “formalizamos unha colaboración que xa se estaba a facer e que para nós é moi importante, porque nós, tanto no eido docente como no investigador, queremos estar mesturados coa sociedade”. Ante a nova etapa que se abre agora, Manuel Reigosa salientou que “podemos ir un paso máis aló e traballar máis tanto no eido docente como no investigador como no de transferencia”. Do mesmo xeito, Francisco Tugores, vicedecano de Ordenación Académica da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, recalcou como a sinatura deste documento “vai a permitir formalizar unha relación que xa mantemos desde hai moito tempo”, amosando o seu desexo de que “continúe esta boa relación histórica que temos” co órgano colexial.

María del Carmen Sampayo subliñou pola súa banda como “este convenio para o Colexio de Economistas de Ourense constitúe un convenio indispensable porque temos a obriga como colectivo de devolver coñecemento e valor engadido á sociedade que nos formou”. Con esta iniciativa, engadiu, “volvemos ás orixes, neste caso á Universidade de Vigo, que formou e continúa formando a unha gran parte dos membros do noso colectivo”.

Convenio marco e accións concretas

O obxecto do convenio consiste en regular a colaboración entre a Universidade de Vigo e o Colexio de Economistas de Ourense. Para facelo, constituirase unha comisión mixta con representantes designados polos órganos reitores das dúas institucións en réxime de paridade, que será o órgano de planificación, seguimento e avaliación das accións derivadas do convenio marco, que ten unha duración de catro anos. O propósito do acordo é realizar actividades e proxectos de forma conxunta en todo tipo de asuntos que resulten de interese para as dúas entidades implicadas, incluíndo xa o convenio iniciativas concretas que se viñan realizando coa Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e ás que se lle dará continuidade nesta nova etapa.

Entre as accións que pasan a estar ao amparo deste convenio están unha xornada de comunicación sobre as saídas profesionais dos estudos de Administración e Dirección de Empresas que se celebran de xeito anual na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense; o encontro anual Economía-Empresa e o Foro de Economía e Sociedade, que ten como obxectivo profundar na transferencia de coñecemento económico e empresarial á sociedade ourensá por medio do diálogo e o debate sobre asuntos económicos relevantes. Entre as accións de recoñecemento que inclúe o acordo están os premios aos mellores expedientes académicos dos graos impartidos na facultade ourensá e os Premios TFG José Manuel Pérez Canal, destinados a premiar os mellores traballos fin de grao do centro do campus de Ourense. Outras accións contempladas no convenio son que o Colexio de Economistas de Ourense favorecerá as prácticas dos estudantes universitarios en empresas e/ou despachos profesionais, así como a incorporación ao mercado de traballo dos egresados e egresadas que formen parte do colexio na condición de precolexiado ou colexiado.