DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun convenio impulsado pola Vicerreitoría e a Concellería de Promoción Económica

Universidade e Concello renovan a súa colaboración para promover unha programación que conecte campus e cidade

Nela insírense os tres espectáculos musicais que terán lugar a vindeira semana

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Música
  • Teatro
  • Institucional
DUVI Pontevedra 12/05/2022

En 2021, a Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra asinaban un convenio para o desenvolvemento de actividades nos ámbitos da cultura, educación, deporte, medio ambiente e tecnoloxías que posibilitou a realización de preto de 50 propostas. Esta colaboración continuará no presente ano grazas á sinatura dun novo convenio, co que a Vicerreitoría do campus e a Concellería de Promoción Económica e Universidades buscan impulsar unha programación aberta a toda a cidadanía e integrada por actuacións musicais, ciclos de cine e de narración oral ou aulas de música tradicional e teatro. Neste abano de propostas insírense de feito os tres espectáculos musicais que terán lugar a vindeira semana en diferentes puntos da cidade; o concerto 24 instrumentos populares galegos, un espectáculo que combinará a música coa fotografía de José Suárez e que terá como escenario as ruínas de Santo Domingo e unha actuación de Teo Cardalda na Casa das Campás.

Como explica a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, trátase dunha programación que busca dar continuidade a “todas aquelas iniciativas que ían no convenio previo e que tiveron unha aceptación positiva”. Tanto o campus como diferentes espazos da cidade, engade, serán os escenarios dun conxunto de propostas, “que nalgúns casos xa se levaron o cabo ou están desenvolvéndose”, xunto con outras previstas para os próximos meses. No acto de sinatura deste acordo, o vicerreitor en funcións Jorge Soto quixo agradecer “a confianza que puxo en nós” a concelleira de Promoción Económica e Universidades, Yoya Blanco, así como salientar “a gran relación que hai entre o Concello e o campus”. Nese mesmo senso, a responsable de Promoción Económica puxo en valor, “nun dos últimos actos" de Soto na Vicerreitoría, o seu labor á hora de “conseguir que o campus faga cidade”, para logo subliñar que “non cabía outra cousa que repetir este convenio e reiterar unhas actividades que tiveron moi boa acollida”.  

Da tradición musical galega á historia do pop español

Unha das actividades derivadas desta colaboración é o ciclo Música para reCREAr, no que se insiren dúas actuacións programadas para a vindeira semana. En primeiro termo, o luns 16, ás 19.30 horas, terá lugar na sede da Vicerreitoría o concerto 24 instrumentos populares galegos, a cargo de Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero. Cunha ampla traxectoria no mundo da música tradicional, darán forma nesta actuación a un repertorio baseado na tradición musical galega a través da combinación de 24 instrumentos populares, que van desde gaitas, acordeóns, pandeiretas ou zanfonas ata utensilios como cunchas, tixolas ou culleres.  

O xoves 19, a Escola de Enxeñaría Forestal acollerá un concerto de Teo Cardalda, unha das figuras de referencia do pop español, que formou parte de grupos como Cómplices ou Golpes Bajos. Nunha actuación programada para as 20.00 horas, Cardalda presentará o seu último traballo en solitario, El viaje que nunca acaba, co que celebra os seus 40 anos no mundo da música reunindo vinte versións das cancións que marcaron a súa vida xunto con novas composicións. Esta actuación contará con entrada libre ata completar aforo e, como explica Agrelo, as entradas poderán retirarse desde unha hora antes do seu inicio. 

Música e fotografía en Santo Domingo

Coa colaboración do Museo de Pontevedra, as ruínas de Santo Domingo serán o mércores 18 o escenario dun espectáculo que combina música, fotografía e audiovisual, José Suárez. Suite para unha vida. Programado para as 21.30 horas, trátase dunha proposta artística centrada na figura do que foi “tal vez o fotógrafo galego máis recoñecido internacionalmente”, como sinalan o seus promotores. Dedicado a percorrer a traxectoria vital e artística de Suárez, este proxecto combina a interpretación dunha serie de pezas musicais, compostas para este espectáculo por Rafael Fernández, cunha videocreación en vivo con fotografías e Suárez e fragmentos de gravacións en 8mm, coas que se percorre a traxectoria do fotógrafo, desde a realización de series como Mariñeiros, ao seu exilio en América, a súa posterior estadía en Xapón ou o seu retorno a España. 

Música e teatro que van do campus á cidade

Outra das iniciativas inseridas no convenio é a Aula Permanente de Música Tradicional do campus, que ao longo do curso permite aos e ás asistentes iniciarse ou ampliar o seu dominio de diferentes instrumentos populares. Así mesmo, co obxecto de dar a coñecer os resultados deste traballo formativo, está previsto que nos luns do mes de xuño teñan lugar “unha serie de actuacións en diferentes prazas da cidade”, na que os diferentes grupos impulsados ao abeiro da aula actuarán xunto cunha agrupación convidada. Previamente, as e os integrantes da aula foron tamén uns dos protagonistas do Concerto de Primavera que se levou a cabo na Ferraría en marzo, outra das iniciativas incluídas nesta programación.

Por outra banda, este acordo tamén dá continuidade á Aula de Teatro posta en marcha neste curso no campus e que hai unhas semanas presentaba os resultados do seu traballo na XIII Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra, recuperada despois de doce anos. Tamén forman parte desta programación outras iniciativas actualmente en marcha, como o taller de educación musical dirixido ao usuarios e usuarias da etapa educativa de Down Pontevedra que se desenvolve na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte; o ciclo de cine Coordinadas, subordinadas, xustapostas, dedicado a dar visibilidade ao papel da muller nesta industria; ou a actividade Experiencias multiculturais a través da ecopercusión, que ten lugar en Ciencias da Educación e do Deporte.

Creación e reflexión en torno á saúde mental

No convenio insírense tamén propostas deseñadas para os próximos meses, como unhas rutas centradas tanto en espazos naturais como urbanos ou as II Xornadas Pensamento e Creación, previstas para novembro. Como explica Agrelo, esta iniciativa naceu en 2021 co obxectivo de “indagar no pensamento que hai tras as creacións artísticas e as necesidades que se agochan detrás das persoas creadoras”. Con esa idea, o ciclo combina nas súas sesións unha “acción escénica” e un faladoiro e neste 2022 terá como eixo temático a saúde mental, coa idea de que as súas sesións sirvan “como encontros abertos nos que a reflexión e a arte se dan a man para poder abordar moitas veces temas que son considerados tabús”.

Finalmente, para os últimos meses do ano tamén está prevista unha nova edición do ciclo Contos de Inverno, que reunirá diferentes “contadores de historias que parten da literatura de transmisión oral”, xunto coas actividades que a Universidade promove xunto co festival Novos Cinemas.