DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Día Internacional do Voluntariado 2018 

Universidade e Concello suman as súas voces para poñer en valor e homenaxear o labor das persoas voluntarias 

Representantes das dúas institucións leron un manifesto na praza do Rei

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
DUVI 05/12/2018

O director da Área de Responsabilidade Social e Cooperación da Universidade de Vigo, Xosé Mahou, e o concelleiro da Área de Emprego, Economía, Industria, Voluntariado e Relaciones cos Sindicatos do Concello de Vigo, Santos Héctor Rodríguez, foron os encargados de dar lectura este mediodía ao manifesto de ambas as dúas institucións co gallo do Día Internacional do Voluntariado. Nun acto celebrado na praza do Rei, Mahou e Santos Héctor, agradeceron a implicación e dispoñibilidade das persoas voluntarias en diferentes espazos e actividades. “Queremos pór en valor a vosa acción, xa que dades o máis valioso que tedes, o voso tempo, colaborando en accións que son un instrumento transformador e que mellora e fai cidade”, sinalaron os representantes da Universidade e do Concello.

No manifesto incidiuse na importancia de estender “este impulso transformador” a toda a cidadanía, dende as idades máis temperás, “sendo a Universidade a culminación e o cénit deste proceso”. No documento tamén se fai referencia expresa á Axenda 2030, o primeiro plan de acción planetario, “que conectando o ámbito global e local, procura rematar coa pobreza, acadar a igualdade de xénero, conseguir un desenvolvemento económico sostible e respectuoso co planeta, e fortalecer a paz universal e o acceso á xustiza”.

Vigo, “a conciencia do mundo”

No manifesto lido este mediodía, asegúrase que Vigo debe aspirar a se converter na “conciencia do mundo, nunha cidade sensible, participativa e solidaria, que aposte polo voluntariado como principal axente de construción dunha sociedade e un mundo máis xusto”. Ademais de aproveitar a conmemoración do Día Internacional do Voluntariado para reivindicar e homenaxear ás persoas voluntarias, Mahou e Santos Héctor destacaron a importancia de aproveitar o día para concienciar ás e aos veciños de que “a súa achega individual cambia o mundo”, ao tempo que invitaron á cidadanía de Vigo a participar nas actividades de conmemoración do Día Internacional do Voluntariado.