DUVI

Diario da Universidade de Vigo

10 grupos integrarán o Cintecx, cuxa creación aprobou o Consello de Goberno remitir ao Claustro

A Universidade creará o Centro de investigación en tecnoloxías, enerxía e procesos industriais 

Na sesión tamén se deu luz verde á conta de liquidación do orzamento de 2018

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Lingua Galega
  • Reitor
  • Institucional
Mª Carmen Echevarría DUVI 26/06/2019

Co obxectivo de coordinar e potenciar os grupos de investigación que traballan na Universidade de Vigo nos ámbitos da enxeñaría en liñas relacionadas cos eidos da industria e a enerxía, a institución académica viguesa creará o Cintecx, o Centro de investigación en tecnoloxías, enerxía e procesos industriais. O Consello de goberno deu hoxe o primeiro paso no proceso de posta en marcha do centro, aprobando remitir ao Claustro a súa creación. Dez grupos de investigación, nos que desenvolven o seu labor uns 200 investigadores e investigadoras, conformarán o centro, que ten o seu xermolo na agrupación estratéxica INEX, e co que a institución académica viguesa agarda ter éxito na vindeira convocatoria de centros singulares da Xunta de Galicia. “É unha reorganización da agrupación INEX, que reflicte o potencial que temos na Universidade de Vigo neste ámbito. Tras presentar unha memoria coa súa motivación, xustificación, necesidade, estrutura, persoal, actividades, así como a súa viabilidade técnica e económica, á vista dos números desta última, coido que poden ser moi solventes e ter éxito non só en convocatorias autonómicas, senón nun futuro poder optar a outras convocatorias a nivel nacional”, explica Belén Rubio, vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo. Á espera de que incorpore quen será o seu director definitivo, a catedrática Ángeles Sanromán farase cargo temporalmente da dirección do centro, no que sete dos grupos de investigación que o integran son de referencia competitiva e os outros tres de potencial crecemento, unha circunstancia que o reitor, Manuel Reigosa, considera “unha boa tarxeta de presentación para a Xunta”.

A aprobación para a remitir ao Claustro a creación do Cintecx foi un dos acordos adoptados na sesión ordinaria de Consello de Goberno celebrada hoxe e na que tamén as e os seus integrantes aprobaron, entre outros asuntos, a conta de liquidación do orzamento do exercicio 2018; a denuncia do convenio de adscrición do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (Ieside) á Universidade de Vigo; o regulamento do persoal investigador honorífico e o convenio de colaboración entre a Xunta e a Universidade para o acondicionamento e cesión das plantas quinta á sétima do edificio administrativo do executivo autonómico na rúa Benito Corbal de Pontevedra. 

Luz verde á conta de liquidación do orzamento de 2018

Con 41 votos a favor, ningún en contra e unha abstención na sesión ordinaria de hoxe o Consello de Goberno aprobou a conta de liquidación do orzamento de 2018. O vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno, foi o encargado de detallar os aspectos máis salientables da conta anual, destacando que o resultado da liquidación do ano pasado foi de 3,1 millóns de euros en positivo, así como os 40 millóns de euros de remanente libre dos que dispón a Universidade. “Non lle debemos nada a ninguén e pagamos o 100% das nosas obrigas”, asegurou Martín Moreno, que defendeu a xestión económica realizada na Universidade de Vigo nos últimos 20 anos, ao tempo que sinala “que nós imos nesa dirección, pero outra cousa é como se distribúe esa boa situación, xa que temos as nosas prioridades, como a contratación de persoal”, explica.

A preguntas do presidente da Xunta de Persoal, Xan Cebro, nas que lle interrogou sobre a existencia dun déficit na Universidade de case seis millóns de euros, o vicerreitor de Economía explicou que este desequilibrio derívase dun axuste contable que fai a Xunta de Galicia nos dereitos xustificados polos proxectos de investigación financiados con fondos europeos FEDER. “A Universidade en base á convocatoria dos proxectos recoñece o dereito unha vez que se xustifican os proxectos, pero o Ministerio non recoñece a obriga que asume coa Universidade ata que eles mesmos xustifican globalmente todos os proxectos ante a UE e isto pode ocorrer dous, tres ou cinco anos despois da xustificación entregada por nós. E isto fai que unha universidade como nós, que capta moitos fondos FEDER, desde este punto de vista contable neste intervalo incorra en déficits” explica Martín Moreno

Neste sentido, o vicerreitor de Economía advirte que, unha vez rematada a auditoría que está a realizar neste intre dos fondos FEDER entre os anos 2013 ao 2017, o ano que vén en lugar de ter un déficit “a ollos da Xunta, a Universidade teña un superávit, porque simplemente é un axuste contable de moi difícil resolución e que lle ocorre a outras administracións, como é o caso do propio executivo galego”, explica, ao tempo que reitera  que “isto non ten que ver nin co saneamento, nin a solvencia, nin con que haxa débedas”. Pola súa banda, o reitor, reiterou unha mensaxe de tranquilidade sobre a situación económica da institución, ao tempo que insistiu que a política de contratación de persoal, “que é  unha prioridade, obrigaranos a sacar cartos doutros lados para poder levala a cabo”.

Denuncia do convenio de adscrición do Ieside á Universidade

Na sesión celebrada hoxe na sala de xuntas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, os membros do Consello aprobaron por asentimento denunciar o convenio entre a Universidade e Caixanova para a adscrición do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (Ieside). Segundo explicou Reigosa, tras dez anos nos que leva en vigor o convenio, e a raíz da decisión da antiga caixa de aforros de promover unha universidade privada no ámbito xeográfico de Galicia, a Universidade de Vigo “considera que a decisión tomada suporá unha ruptura do entorno de confianza mutua e intereses comúns, que perseguía o convenio asinado en 2009”, polo que se procede a denuncialo, segundo se estipula na cláusula decimo segunda.  “As dúas titulacións ás que facemos referencia, o Grao en Administración e Dirección de Empresas e o Mestrado en Administración e Dirección de Empresas forman parte do catálogo da Universidade de Vigo e queremos recuperalas para a súa implantación dentro do marco da universidade pública”, dixo o reitor, que lembrou que esta denuncia cómpre facela cun ano de antelación, ao tempo que se comprometeu a que esta medida non afecte ao alumnado actual de Ieside matriculado en titulacións oficiais da Universidade de Vigo, que poderá continuar os seus estudos ata a súa conclusión nas condicións acordadas con anterioridade á presentación da denuncia do convenio.

Por outra banda, na sesión se deu luz verde á actualización do convenio de colaboración entre o Ministerio de Defensa e a Universidade para a adscrición co Centro Universitario da Defensa, situado na Escola Naval Militar de Marín. A actualización contempla cambios de tipo técnico así como algunha nova incorporación relacionada coa calidade e colaboración e temas de investigación. 

Outros asuntos

Noutras orde e cousas, na sesión celebrada este mércores aprobouse o regulamento do persoal investigador honorífico da Universidade de Vigo que, como explica Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, “xorde pola necesidade da incorporación ocasional de profesionais relevantes, como é o caso de Maurizio Battino, que colaboren coa docencia e a investigación para que acheguen á universidade o seu coñecemento profesional, científico, técnico ou artístico”. Esta é unha figura que xa existe en moitas outras universidades e ao tratarse dun nomeamento honorífico non ten dereito a retribución. Tamén no ámbito da investigación aprobouse a modificación da normativa de grupos, agrupacións e centros de investigación da Universidade.

Por outra banda, acordouse remitir para a súa aprobación polo Claustro a proposta do regulamento electoral xeral da Universidade, unha nova regulamentación que é unha recompilación e actualización das diferentes regulacións de eleccións (centros, departamentos, Claustro, Consello de goberno…) para adaptala aos novos estatutos. Así mesmo, o Consello acordou prorrogar por dous anos a condición de profesora emérita á catedrática do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Camiño Noia, así como aprobar o regulamento da comisión de política lingüística, que segundo explicou a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais terá a finalidade de “promover e potenciar o uso do galego nos centros que conforman a Universidade”, sinalou Mónica Valderrama.