DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través de dúas convocatorias de axudas que están abertas ata o 3 de febreiro

A Universidade destina 20.000€ ao fomento de actividades docentes e de sensibilización en materia de xénero

Cada proposta poderá recibir ata un máximo de 2000 euros

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 30/01/2023

A través de dúas convocatorias de axudas, que acadan un orzamento total de 20.000€, a Unidade de Igualdade trata de fomentar e promover a organización de actividades que aposten pola perspectiva de xénero. Estas dúas liñas de financiamento están destinadas, por unha banda, á organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios e, por outra, para a organización de actividades docentes que promovan a perspectiva de xénero. As axudas poden solicitarse ata o 3 de febreiro e comprenden conferencias, xornadas, obradoiros, seminarios, ligas de debate ou exposicións. Cada unha das propostas pode acadar un financiamento de ata 2000 euros e as actividade seleccionadas deberán ter lugar antes do 10 de novembro de 2023.

Actividades docentes

As axudas para actividades docentes teñen como obxectivo impulsar a organización de iniciativas formativas que promovan a perspectiva de xénero e que estean dirixidas fundamentalmente ao alumnado da Universidade de Vigo de calquera área de coñecemento. Trátase de incorporar a transversalidade de xénero á práctica académica con contidos que impulsen a transmisión de valores igualitarios para a adquisición de competencias profesionais e o desenvolvemento persoal. Poderá presentarse á convocatoria calquera membro do Persoal Docente e Investigador con docencia asignada no Plan de Ordenación Docente. En total, esta convocatoria conta cun orzamento de 10.000€ que se destinarán a financiar dende conferencias ata xornadas pasando por activades ou accións que impliquen un impacto positivo no alumnado de cara á promoción de valores igualitarios tales como obradoiros, seminarios, ligas de debate, exposicións, ciclos de cine, representacións teatrais, concursos ou obradoiros de lectura.

En calquera caso, ningunha solicitude poderá acadar unha axuda superior a 2000 euros. No caso de conferencias, a cantidade máxima que se poderá aboar será de 250 euros brutos por conferencia individual e/ou por mesa redonda. As solicitudes recibidas avaliaranse atendendo a criterios como a adecuación da proposta aos obxectivos da convocatoria; a calidade; a viabilidade; a experiencia en xénero e organizativa de quen solicita a subvención ou a adecuación dos recursos financeiros previstos aos obxectivos que se propoñen.

Na convocatoria do ano pasado seleccionáronse un total de 15 actividades, que abordaron temas como o emprendemento e innovación en feminino, a invisibilidade das mulleres STEM, a interpretación en contextos de violencia de xénero, a imaxe da muller na publicidade ou as mulleres no mundo dos videoxogos.

Actividades complementarias

Mentres a primeira convocatoria estaba pensada para actividades docentes, a segunda é máis ampla e está orientada a ofrecer financiamento para a organización de conferencias, xornadas, exposicións ou outras actividades que se promovan desde calquera instancia da Universidade de Vigo que teñan como finalidade contribuír á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios e estean dirixidas fundamentalmente á propia comunidade universitaria ou á sociedade en xeral.

Poderá solicitar estas axudas calquera membro da comunidade universitaria que poña en marcha algunha destas actividades. O orzamento total desta convocatoria é de 10.000 euros e as axudas servirán para subvencionar gastos de viaxe, pagamento de conferencias, traslado de obras artísticas, aluguer de equipamentos de son, dereitos de exhibición, etc. Ningunha solicitude poderá acadar unha axuda superior a 2000 euros e poden solicitalas calquera membro da comunidade universitaria. No caso de conferencias, a cantidade máxima que se poderá aboar será de 250 euros brutos por conferencia individual e/ou por mesa redonda. As propostas serán avaliadas atendendo á súa adecuación aos obxectivos da convocatoria; á súa calidade; á viabilidade; á experiencia en xénero e organizativa de quen solicita a subvención ou á adecuación dos recursos financeiros previstos aos obxectivos que se propoñen.

Ao abeiro da anterior edición desta convocatoria tiveron lugar 14 actividades, nas que tanto a comunidade universitaria como a sociedade xeral dos tres campus se puideron achegar a temáticas relacionadas coa violencia de xénero; as representacións socioculturais; a relación entre sexo, xénero e enfermidades; a necesidade dun enfoque de xénero no estudo do cambio climático; a perspectiva de xénero na ciencia; as pegadas das mulleres na exploración espacial; a inclusión da muller no dereito tributario; a micoloxía en feminino ou o teito de cristal no deporte de elite.