DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun curso formativo virtual cuxa matrícula está aberta ata o día 24 deste mes

A Universidade espallará o coñecemento sobre os ODS e a Axenda 2030 entre o alumnado

Compleméntase cun programa de voluntariado que botará a andar en marzo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI 19/01/2022

Que as e os estudantes da Universidade coñezan os obxectivos de desenvolvemento sostible e a Axenda 2030 é clave para poidan converterse en verdadeiros axentes do cambio que sensibilicen á súa contorna sobre os desafíos ambientais, económicos e sociais do planeta. Con este obxectivo, a Área de Responsabilidade Social e Cooperación pon en marcha, por terceiro ano consecutivo, o Curso Axenda 2030_Axentes do Cambio, unha formación virtual que se desenvolverá ao longo do mes de febreiro ao abeiro do convenio da Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD). O obradoiro, de balde e de 30 horas de duración, ten a matrícula aberta ata o vindeiro luns 24 e as clases arrancarán o día 1 de febreiro.

Para estudantes comprometidos

O curso vai dirixido ao alumnado da Universidade de Vigo que teña un forte compromiso coa protección do medio ambiente e coa erradicación das desigualdades. A finalidade é formar a estudantes para que coñezan a Axenda 2030, a resolución da ONU aprobada en 2015 que constitúe a folla de ruta da humanidade para os vindeiros anos, centrada na protección medioambiental e na erradicación de todo tipo de desigualdades. Unha das claves é a implicación das universidades na xeración das condicións para acadar un desenvolvemento máis sostible e inclusivo tendo en conta as limitacións do planeta e o benestar das persoas a través da aplicación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, (ODS). 

O curso desenvolverase de xeito práctico, incidindo en aspectos como a igualdade, a protección do planeta e o desenvolvemento sostible e inclusivo, e comprende catro módulos formativos que se impartirán a través da plataforma Moovi entre o 1 e o 28 de febreiro. O primeiro bloque centrarase en comprender o significado, propósito e contidos da Axenda 2030; o segundo porá o foco nas persoas e o terceiro no planeta, para pechar cun cuarto módulo que tratará de conectar persoas e planeta. Ao rematar esta formación, o alumnado será quen de promover, alentar e fomentar a participación da comunidade universitaria na aplicación dos ODS na contorna local; xerar cambios reais nos tres campus que favorezan o aliñamento das políticas da Universidade de Vigo coa Axenda 2030 e consolidar unha comunidade de ‘axentes do cambio’ organizada en grupos de traballo cooperativo. A docencia será impartida por Raquel Gómez Villar e Eva López Quiroga, fundadoras de SomosTerra, cooperativa nada no seo da UVigo e seleccionada nos Premios Incuvi. As e os estudantes inscritos terán unha participación activa a través de foros de debate en liña e contarán en todo o momento co asesoramento e titorización tanto para elaborar as actividades como para resolver dúbidas.

Na primavera, actividades de voluntariado

O curso compleméntase cunha acción de voluntariado que se vai poñer en marcha no vindeiro mes de marzo “para o que buscamos estudantes comprometidos e comprometidas que, ademais de recibir 1 ECTS, queiran contribuír a cambiar o mundo desvelando aos seus compañeiros e compañeiras os elementos esenciais da Axenda 2030 e participar na organización de actividades”, como explica Henar Quintas, directora da Área de Responsabilidade Social e Cooperación.

Con todo, e aínda que son iniciativas complementarias, Quitas destaca que ambas actividades, o curso e a actividade de voluntariado poden facerse de forma independente.