DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo GCode Robotics competirán na final do 5 ao 7 de abril en Burgos

A Universidade, finalista no desafío de robótica móbil colaborativa ASTIChallenge

Trátase dun evento nacional para potenciar o talento STEM

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Divulgación
  • TIC
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 02/04/2019

O desafío ASTIChallenge é unha competición gratuita que ten como obxectivo desenvolver o talento STEM e empoderar a nova xeración de líderes no campo da robótica móbil colaborativa. Tras varios meses de fases previas, a próxima fin de semana terá lugar a fase final en Burgos, na que a Universidade de Vigo estará representada polo equipo GCode Robotics, xunto con outros 14 finalistas de universidades e centros de FP superior.

Fernando Flores, do grao en Electrónica Industrial e Automática, especialidade en electrónica industrial; David Fernández, Miguel Salvatierra e Ánxel Fragueiro, da especialidade en Automática e Marcos Dalmeida do grao en Tecnoloxías Industriais compoñen o equipo vigués. A competición consiste na construción e programación dun robot para que realice diversas probas, como moverse por unha mini-fábrica, o que require a recollida e entrega dun palé de forma autónoma, comunicándose sen fíos coa contorna simulada dunha planta de produción. A través deste tipo de retos, o alumnado participante traballa competencias das áreas de tecnoloxía, programación e robótica e mellora as súas habilidades na xestión de proxectos, o emprendemento, a innovación e a creatividade, como explican dende a empresa ASTI Mobile Robotics, entidade que impulsa este desafío.

Para os cinco estudantes vigueses é a primeira vez que se enfrontan a unha “competición deste calibre” , pero amósanse positivos respecto dos posibles resultados da fase final a vindeira semana en Burgos. “Esperamos quedar nun bo posto, e dende logo, vendo que obtivemos moi bos resultados nas probas anteriores vamos a ir a por todos os premios da categoría superior, incluso a polo premio ao mellor centro educativo”, xa que como recoñecen, agardan contar cunha gran colaboración por parte da Universidade de Vigo e da nosa escola, que sempre se implica moito neste tipo de eventos”.

En total, na fase final do desafío ASTIChallenge participan 66 equipos, dos cales 15 pertencen á modalidade de universidade e FP superior. Nesta categoría entregaranse catro galardóns: mellor xestión de proxecto; mellor rendemento no torneo; mellor robot no duelo de robots e mellor centro educativo. O premio para a categoría de universidades, explican os estudantes vigueses, “é a realización de prácticas remuneradas na empresa ou un curso de formación en robótica móbil”. 

Bumblebee, o robot vigués

De cara fase final, o equipo vigués competirá con Bumblebee, un “robotiño baseado en tecnoloxía open-source”, polo que os estudantes publicarán o código usado e os deseños 3D na plataforma GitHub. O corpo foi impreso en 3D e para o control empregaron unha placa Arduino Nano cun microcontrolador ATMega328 e explican que conta con “catro sensores infravermellos de distancia e unha matriz de oito sensores de contraste, ademais dunhas antenas de radiofrecuencia para as comunicacións coa contorna e un acelerómetro e xiroscopio”. 

A competición, que terá lugar do venres 5 ao domingo 7, comprende oito probas diferentes: derribo de bolos a distancia con proxectís; varredora autónoma e depósito do material recollido nunha zona de descarga; resolución autónoma dun labirinto; proba de sumo; resolución da ruta máis óptima entre varias estacións seguindo liñas guía e evitando obstáculos e, finalmente, mini-fábrica, unha proba que comprende tres retos á súa vez (recollida e entrega de palé entre estacións, apertura e peche dunha barreira usando comunicacións por radiofrecuencia para poder continuar o transporte dos palés e unha proba final de aparcamento autónomo).

Fases previas

Para chegar a esta fase final, os estudantes vigueses tiveron que pasar varias fases previas. Nas dúas primeiras deseñaron un prototipo, “bastante distinto do que imprimimos en 3D para facer as probas agora”. Na terceira fase preliminar do desafío o equipo centrouse na programación dun algoritmo na linguaxe de programación Python para resolver da maneira máis óptima posible un problema proposto pola organización, competición na que acadaron un segundo posto. Xa na última fase tiveron que facer a xustificación das decisións tomadas respecto da creación do robot e as súas especificacións, ademais de redactar un orzamento, “xa que ao pasar á final financian ata 150€ do gasto do noso robot ademais de darnos una Raspberry pi 3B+”.