DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor asinou este martes un convenio coa asociación Ageinco e participou na tribuna aberta

A Universidade formará parte do futuro Clúster da Enxeñaría de Galicia

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 10/12/2019

A Asociación Galega de Empresas de Enxeñaría, Consultoría e Servizos Tecnolóxicos, Ageinco, aglutina a máis de 20 empresas asociadas que actualmente están inmersas no proceso de creación do Clúster da Enxeñaría. De cara a implicar á Universidade de Vigo neste novo organismo, este martes o reitor Manuel Reigosa e o presidente de Ageinco, Daniel Prieto, asinaron un convenio marco de colaboración. O acto tivo lugar no marco dunha tribuna aberta na que o reitor participou xunto con representantes das empresas do sector para abordar asuntos estratéxicos como a cooperación entre universidade e empresas nos eidos da investigación ou a formación.

Coa sinatura deste convenio consolídase o proceso de negociación entre Ageinco e a UVigo e xérase un marco de referencia que permitirá unha colaboración eficiente entre as empresas do sector da Enxeñaría e o eido universitario. Para Ageinco, esta é unha “actuación estratéxica no ámbito da enxeñaría en Galicia”, xa que dinamizará e mellorará as sinerxías entre iniciativa privada e o tecido público arredor de cuestións como a investigación e o desenvolvemento, as aplicacións prácticas da formación académica e a transferencia tecnolóxica. Prieto puntualizou que se trata dun acordo interesante para todos "para a formación do alumnado e para a competitividade do sector privado; é un acordo que beneficia á sociedade”. 

O reitor estivo acompañado neste acto pola vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, e polo vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, que apuntaron a posibilidade de integrar a AGgeinco nos espazos de desenvolvemento da Universidade de Vigo, como o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación, CITI, situado no Polígono de San Cibrao das Viñas en Ourense. Deste xeito, as empresas e institucións asociadas terían acceso a equipamentos especializados que darían un pulo notable á súa capacidade en I+D+i. 

Adaptar a formación ás demandas dunha contorna cambiante

Durante o encontro Prieto e Reigosa abordaron problemáticas inherentes ao ámbito industrial e tamén á formación universitaria dos futuros profesionais nun momento de evolución tecnolóxica no que é preciso unha constante actualización dos coñecementos. Daniel Prieto fixo fincapé en que “corremos o risco de formar perfís efímeros” e amosou o seu convencemento de que dende o sector privado, sempre en constante evolución, se pode achegar formación adaptada a esta realidade. A vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, tamén remarcou a importancia da Universidade en canto á xeración dun marco teórico como base da adquisición de novas capacidades e coñecemento.

Tamén se abordou a fenda de xénero en estudos técnicos e científicos como a enxeñaría. Tanto o reitor como os vicerreitores lembraron que a UVigo desenvolve programas informativos nos institutos para orientar ao alumnado, pero tamén recoñeceron que é preciso actuar antes, xa que no ensino medio os roles están xa moi definidos. “Temos que asegurar unha sociedade igualitaria e ver entón que pasa, pero sospeito que é máis unha cuestión cultural”, aseguró Manuel Reigosa en relación a esta fenda de xénero nas titulacións científicas.