DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa convocatoria da sétima edición dos Premios Egeria

A Universidade galardoará os mellores TFG e TFM que incorporen a perspectiva de xénero

As solicitudes poderán presentarse ata o 21 de setembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Estudantes
DUVI 04/08/2020

Co obxectivo de incentivar a investigación en xénero e nos estudos feministas e de recoñecer e dar visibilidade aos mellores traballos realizados polo alumnado nestes eidos, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo convoca a sétima edición dos Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e de máster. A convocatoria conta cun orzamento máximo de 3300 euros e outorgaranse tres premios de 500 euros aos mellores TFG e outros tres de 600 euros aos mellores TFM de tres grupos de titulacións, un primeiro que agrupa as do ámbito xurídico-social, outro que aglutina as de ciencias, ciencias da saúde, enxeñaría e arquitectura, e un terceiro centrado nas áreas de arte e humanidades. Porén, a convocatoria tamén recolle que no caso de declararse deserto o premio nalgunha das ramas, poderá ser adxudicado noutra dentro do límite orzamentario previsto.

O prazo de presentación de solicitudes a estes galardóns, que levan o nome dunha das primeiras peregrinas da historia e da primeira galega que, no século IV, exerceu coma cronista de viaxes, permanecerá aberto ata o 21 de setembro. Para optar a estes premios, unha das accións contempladas no II Plan de igualdade entre homes e mulleres da UVigo, o alumnado deberá ter presentado o seu TFG ou TFM no presente curso 2019/2020 e que este obtivese unha cualificación mínima de oito puntos.

Presentación de solicitudes

Para a presentación das súas solicitudes, as e os estudantes deberán cubrir o formulario online que se atopa a súa disposición no portal da Universidade e presentalo a través da súa sede electrónica a través da instancia xenérica (SXER), poñendo no asunto ‘premios Egeria’ e achegando unicamente o arquivo coa solicitude. Así mesmo, deberán incorporar ao propio formulario online o seu traballo en formato pdf, xunto cun resumo deste dun máximo de 500 palabras, documentos que, como recolle a convocatoria, non poderán conter elementos identificadores sobre a autoría ou titoría, pero si indicar a que grao ou mestrado corresponden.

Criterios de avaliación

Unha vez revisadas as alegacións, a selección será efectuada pola comisión de avaliación, integrada polas profesoras Julia Carballo, Emma Rodríguez e Beatriz Comendador, de acordo cunha serie de criterios, como a calidade do traballo, pola cal o alumnado poderá obter un máximo de 30 puntos. Tamén se valorará, con ata 25 puntos, a relevancia temática e metodolóxica, xunto coa aplicabilidade das achegas feitas polo estudo, cun máximo de 15 puntos. Así mesmo, a comisión valorará, con ata 15 puntos, o uso dunha linguaxe inclusiva, a referenciación bibliográfica e fontes, con ata 10 puntos, e uso do galego, con ata 5 puntos. En conxunto, os traballos deberán acadar unha puntuación mínima de 50 puntos para chegaren a ser seleccionados.