DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gondomar acolle unha proba piloto deste proxecto, que se estenderá a outras vilas interesadas

A Universidade leva o Programa para Maiores ao rural

Trátase de achegar a formación sénior a lugares con alta dispersión da poboación apoiándose nas TIC

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 22/06/2022

Galicia é unha das zonas máis envellecidas do mundo, pero ademais tamén ten un dos índices de dispersión da poboación máis altos. Isto fai que achegar servizos á poboación maior sexa un reto, quedando zonas completamente á marxe de moitas prestacións das que si poden gozar as persoas que residen nas contornas urbanas. O Programa para Maiores da Universidade de Vigo, que leva 20 anos ofrecendo formación ao longo da vida ás de persoas de máis de 55 anos, tamén sufre as consecuencias destas características poboacionais de Galicia. Para facerlle fronte están a traballar nun programa de formación no rural, unha iniciativa que se apoiará nas novas tecnoloxías, empregando os recursos TIC da institución para ofrecer programas académicos que mesturen a presencialidade coa virtualidade.

Esta mesma semana arrancou unha experiencia piloto no concello de Gondomar con 20 estudantes sénior que participan nun programa que mestura as clases en liña que se emiten en tempo real para alumnos que están presencialmente nunha aula e con clases ordinarias unha vez ao mes. Como explica José Luis González Cespón, responsable do Programa para Maiores, a idea é, en colaboración cos concellos que decidan incorporarse a esta iniciativa, poñer en marcha unha aula de formación permanente durante todo o ano, cun grupo de arredor de 25 estudantes que seguirán as clases a través de Campus Remoto nunha aula acondicionada polos concellos. O profesorado, como sucede no PUM, estará formado nun 70%  por PDI propio da Universidade e o resto persoal externo experto en determinadas materias. Trátase así de achegar o coñecemento a lugares do rural nos que a poboación ten unha media de idade elevada e nos que a dispersión das vivendas é unha eiva. Deste xeito, o Programa para Maiores sae así fóra dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra e leva as ganas de aprender e a formación ao longo da vida sobre o terreo, contando co apoio da Consellería de Política Social.

Un punto de encontro en cada concello

“A nosa solución pasa por fixar núcleos urbanos como punto de encontro das persoas, nos que os concellos habilitarán unha aula que deberá ser certificada pola UVigo conforme cumpre as condicións precisas para ofrecer unha docencia de calidade. Estímase que a distancia deste lugar e os lugares dos que deben acudir os estudantes sénior non debera ser maior de 5 km, aproximadamente 5 minutos en coche, permitindo que os estudantes se poidan achegar con relativa facilidade a estes núcleos urbanos”.

As clases distribuiranse en dous módulos, un por cuadrimestre, nos que se impartirán tres materias de 1,5 créditos ECTS, que se concentrarán a docencia nunha sesión semanal, dado que os estudantes se deberán desprazar á aula do seu concello, que se conectará mediante videoconferencia co seu xemelgo dixital no Campus Remoto da UVigo.

Experiencia piloto en Gondomar

Durante este mes de xuño o concello de Gondomar está sendo a sede dunha primeira proba piloto deste novo concepto de docencia para maiores, que ten como aula para a docencia o Centro Neural da vila. Como parte deste programa, entre esta semana e a próxima desenvólvese un seminario presencial con catro sesións, dúas sobre impostos e dúas sobre previsións de herdanzas, da man de Jaime Aneiros, profesor de Dereito Tributario da UVigo e concelleiro de Orzamentos e Facenda e de Ángel Manuel Mariño, docente de Dereito Civil. Os estudantes sénior que participan neste proxecto piloto asisten de xeito presencial ás clases, de acordo ao espírito do programa, que ademais de proporcionar formación complementaria ao longo da vida ás persoas de máis de 55 anos, tamén pretende “mellorar a súa calidade de vida mediante un espazo axeitado para intercambiar coñecementos e experiencias de tipo científico e cultural, ademais de favorecerlles un estilo de vida activo e saudable, fomentar a participación das persoas maiores na sociedade actual e axudalas no seu proceso de adaptación aos cambios dos nosos tempos”, como explica González Cespón.

O desenvolvemento desta primeira experiencia piloto está sendo moi satisfactoria, como recoñece o coordinador do PUM, con 20 estudantes sénior inscritos e xa con varios concellos das provincias de Ourense e Pontevedra interesados en unirse a esta iniciativa o vindeiro curso.

Na sesión de onte, as e os participantes recibiron a visita o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, mentres que o encargado de pechar o programa e entregar os diplomas ás e aos participantes o vindeiro martes será o reitor da Universidade, Manuel Reigosa.

Materias diversas de interese xeral

De igual modo que suceden no Programa para Maiores que se desenvolve nos campus, esta nova experiencia contará, en canto se poña en marcha, como explica o coordinador José Luis Cespón, “con materias que responderán a todos os ámbitos de coñecemento, e cada ano académico renovaranse respecto a o ano académico anterior”. As materias estarán encamiñadas a divulgar ou a afondar diferentes temas científicoculturais, facilitando a análise e a reflexión sobre aspectos relacionados con eles mesmos e outras persoas; a contorna natural, social, cultural e científica; a evolución e as achegas da humanidade; e a sociedade e a cultura actual e futura. Así, por exemplo, o catálogo de materias inclúe materias sobre a importancia a saúde, sobre temas actuais de economía, a tecnoloxía do día a día, historia de Galicia ou as TIC e uso do móbil.