O equipo da UPV proclamouse campión da competición, na que Xaén foi subcampión
A Universidade do País Vasco “namorou” o xurado do III Torneo Nacional Retórica UVigo
A Asociación de Debate de la Universidad del País Vasco (Euskal Herriko Unibertsitateko Eztabaida Elkartea) proclamouse campioa do III Torneo Nacional Retórica UVigo celebrado o días 14 e 15 de febreiro na sede cidade da Escola de Enxeñaría Industrial. Pola súa banda, a Aula de Debate de la Universidad de Jaén acadou o subcampionato no torneo no que participaron un total de 16 equipos procedentes de 11 universidades de toda España, que debateron sobre a mercantilización do amor.
“Todo saíu segundo o preparamos. Os equipos e os xuíces quedaron moi contentos coa pregunta que formulamos e os debates que xerou”, explica Inés Túñez , presidenta da Asociación de Debate Retórica UVigo, organizadora e anfitrioa da competición, na que as e os representantes da Universidade de Vigo foron quen de gañar algún debate. “Non obstante, isto non foi suficiente para pasar a cuartos de final, aínda que quedamos moi contentos con estas vitorias, tendo en conta que era o primeiro torneo para a maioría das e dos integrantes do equipo”, explica a presidenta da Asociación.
Praza da LEDU para os subcampións
A vitoria do equipo da UPV valeulles un praza para a final da liga LEDU, non obstante ao xa tela acadada noutro torneo e non poder gañar dúas, o premio foi para o equipo andaluz. Xunto aos equipos da UPV, Xaén e Vigo no torneo, o único que se celebra no noroeste peninsular e o único cuxos gañadores acadan unha praza para a final da liga LEDU, tamén participaron representantes de, entre outras, das universidades de Santiago de Compostela, Pontificia, Comillas, Nebrija, Valladolid, Málaga, Carlos III e Almería.
No torneo, ademais de elixirse o mellor orador, Ignacio Blanco (UC3M) tamén se entregaron diplomas a os e as integrantes do "equipo ideal": Jesús Gómez como introdutor (Almería), Erik Romero como primeiro refutador (UPV), Alberto García como segundo refutador (Comillas) e Ignacio Blanco (UC3M) como mellor conclusor.